O Parque Etnográfico O PARQUE ETNOGRÁFICO DO RÍO ARNOIA O Parque Etnográfico está integrado por tres elementos: o Muíño do Burato, o Museo do Tecido “O Fiadeiro” e o Museo do Coiro “Fábrica de Curtidos Familia Nogueiras”. Todos eles son mostras representativas do que nun tempo significou o modo de vida e a economía desta zona, claramente ligada ó río Arnoia. Parque Etnográfico do Río Arnoia nace co obxectivo de recuperar e integrar, na vida da vila de Allariz, elementos do patrimonio etnográfico que aínda subsisten sobre o territorio, pertencentes ás actividades económico-culturais xeradas ó redor do río, principalmente o curtido de peles e a transformación de gran de cereal, que forman parte dun pasado relativamente próximo. Muíño do Burato O Muíño do Burato é unha mostra representativa dos numerosos muíños hidráulicos que se poden atopar ó longo do río Arnoia. É un muíño de turbina (mecanismo posterior ó rodicio tradicional) con dúas rodas, que incorpora nunha delas o funcionamento con motor eléctrico. Dende a súa rehabilitación o seu muiñeiro mostra ós visitantes a tradicional moenda de gran de cereal. Museo do Tecido “O Fiadeiro” Allariz, como importante zona de producción de liño e elaboración de tecidos durante o século pasado, conta co Museo do Tecido “O Fiadeiro”. Acolle unha representación dos aparellos empregados no cultivo e transformación do liño, como un ripo, mazo, espadeleiro, restrelo, fusos ou rocas, un antigo tear aínda en uso e diversas pezas antigas tecidas a man como colchas, picotes, sabas ou roupa interior. Ademais conta cun pequeno obradoiro onde unha artesá mostra a elaboración de traballos tecidos artesanalmente. Concello de Allariz + + + www.allariz.com O Parque Etnográfico Museo do Coiro “Fábrica de Curtidos Familia Nogueiras” Este Museo ocupa unha parte importante dun emblemático edificio recentemente recuperado, situado á beira do río Arnoia: a Fábrica de Curtidos da familia Nogueiras. Na zona adicada a Museo, onde se localizan os pilos da curtición, recóllense as ferramentas empregadas neste oficio o que permite comprender, xunto coas explicacións que se ofrecen nos paneis, todo o proceso de curtición. O piso superior alberga un obradoiro onde un artesán traballa o coiro e un espacio adicado a aula, onde teñen lugar os cursos de artesanía que se teñen levado a cabo polo museo. Concello de Allariz + + + www.allariz.com