PALMEIRAL CANARIO DOS XARDÍNS DE MÉNDEZ NÚÑEZ A palmeira canaria é unha árbore macaronésica moi utilizada como planta ornamental en parques e xardíns de Galicia, especialmente nas comarcas do litoral, de suave climatoloxía. O estípite, que pode superar os 20 m de altura, non se ramifica e está coroado por un penacho de grandes follas pinnadas, de tipo palma. O palmeiral está formado por dous grupos de palmeiras, o primeiro próximo á estatua de Méndez Núñez, son dúas ringleiras paralelas, o segundo grupo son palmeiras illadas na zona do roseiral. Describimos un exemplar do roseiral, o de maiores dimensións. Instalado sobre unha plataforma de 1 m de altura que serve ás veces de banco, apóiase nun montículo de 2 m de altura de raíces adventícias que se van formando no pé, onde ten un perímetro de 4,15 m. O estípite, ornamentado polas cicatrices que deixan as follas ao caer, medra vertical ata 20,60 m, onde comeza a formarse a coroa, que remata a 27,20 m de altura sobre do chan. O estado sanitario é bo, aínda que hai exemplares con ocos de distintas dimensións na base e no estípite. Nome común: Palmeiral Canario dos Xardíns de Méndez Núñez Nome científico: Phoenix canariensis Hort. ex Chabaut. Provincia: A Coruña Concello: A Coruña Parroquia: A Coruña Lugar: Xardíns de Méndez Núñez GALICIA Altura: 27,20 e 21,40 m Perímetro normal: 3,52 e 3,10 m Diámetro de copa: 6,67 e 6,52 m Idade estimada: 80-90 anos PALMEIRA DO SENEGAL DO XARDÍN ARTÍSTICO DE PADRÓN A palmeira do Senegal é unha árbore sempreverde orixinaria do Senegal. Adoitan nacer varios pés xuntos configurando harmoniosos conxuntos de gran amplitude. Como acostuma ser habitual nas palmeiras o talo, chamado nestas árbores estipe ou estípite, non se ramifica e aparece coroado por un penacho de follas, que na palmeira do Senegal son pinnadas, de tipo palma. O monumento vexetal catalogado é unha agrupación formada por varios pés que nacen dun punto común, polo que trataremos a súa morfoloxía considerando que se trata dun único exemplar, por certo un dos mellores de España desta especie. A súa base, impenetrable, está poboada por palmas que medran en gran densidade, entrecruzándose e dificultando o acceso ao seu interior. O seu perímetro basal mide 11 m e a formación está rodeada por unha fermosa sebe de azaleas que realza o impresionante conxunto, facéndoo se cabe máis maxestoso. Os pés de maior tamaño superan os 12 m de altura, tendo o conxunto un diámetro aproximado de 15,40 m. Esta singular palmeira é moi apreciada polos veciños de Padrón, moitos dos cales tomaban dela as palmas para o Domingo de Ramos. O estado sanitario é bo, aínda que a competencia pola luz vai sendo máis difícil cada vez, a medida que as árbores do xardín que están cerca dela van acadando maior altura e configurando copas máis grandes. Nome común: Palmeira do Senegal do Xardín Artístico de Padrón Nome científico: Phoenix reclinata Jacq. Provincia: A Coruña Concello: Padrón Parroquia: Padrón Lugar: Xardín Artístico GALICIA Altura: 12,20 m Perímetro normal: 13,40 m Diámetro de copa: 15,40 m Idade estimada: 100 anos PLÁTANOS DE SOMBRA DO PAZO DE MARIÑÁN Do medio centenar de plátanos de sombra que medran no Pazo de Mariñán, moitos superan os 40 m de altura e incluso algúns o medio centenar de metros, o que nos dá unha idea da espectacularidade das aliñacións que forman estas árbores no pazo. Os troncos, provistos nalgúns casos de grandes contrafortes na base, acadan tamén dimensións formidables, superando en moitos casos os 7 m de perímetro basal. Aínda que se trata dun grupo numeroso de exemplares, cada un coas súas particularidades, na maior parte dos casos seguen unha estrutura común: tronco groso e robusto que non se ramifica ata 4-6 m de altura sobre o chan, nacendo na cruz as ramas principais que medran verticalmente ata alcanzar as alturas xa mencionadas. O estado sanitario é bo e a contemplación do conxunto resulta realmente espectacular. Nome común: Plátanos de sombra do Pazo de Mariñán Nome científico: Platanus hispanica Mill ex Muenchh. Provincia: A Coruña Concello: Bergondo Parroquia: Mariñán Lugar: Pazo de Mariñán GALICIA Altura: 45,30 e 47,20 m Perímetro normal: 6,20 e 4,80 m Diámetro de copa: 26,05 e 20,30 m Idade estimada: 100-125 anos PLÁTANOS DE SOMBRA DO PASEO DO ESPOLÓN DE PADRÓN Dan sombra ao paseo exemplares de plátano de sombra de fermoso porte, cunha estrutura común: de 1 a 2 m de tronco libre de ramificacións para logo formar a cruz, da que saen as ramas principais, moi abertas e orientadas en todas as direccións, para cubrir o maior espazo posible, configurando copas moi amplas e regulares. Nos ápices das ramas principais fórmanse as chamadas "cabezas de gato", tocos ou verrugas derivadas das podas reiteradas na mesma zona. Os perímetros basais oscilan entre 3 e 5 m e a altura ata as cabezas de gato, nos exemplares podados, é de 10 m. Moitos exemplares presentan polo tronco ocos e zonas podres, pero o seu estado sanitario é xeralmente bo. Nome común: Plátanos de Sombra do Paseo do Espolón de Padrón Nome científico: Platanus hispanica Mill ex Muenchh. Provincia: A Coruña Concello: Padrón Parroquia: Padrón Lugar: Xardín Artístico de Padrón GALICIA Altura: 10,60 e 10,10 m Perímetro normal: 3,38 e 4,02 m Diámetro de copa: 9,45 e 5,95 m Idade estimada: 100-125 anos CARBALLEIRA DE CALDAS DE REIS Na parte traseira do Parque Municipal de Caldas de Reis, entre o río e a estrada, consérvase unha das mellores carballeiras urbanas de Galicia, campo da feira no pasado e actualmente campo da festa. É unha formación de máis de 200 carballos distribuídos en ringleiras –o que nos indica a súa orixe antrópica– na marxe dereita do río Umia. Como é natural, obsérvanse pés con diferente morfoloxía e distintas dimensións. A alta densidade á que foron plantados dificulta que expresen a súa potencialidade, pois a competencia entre eles deforma as copas. No interior da carballeira obsérvase a presenza de árbores mortas en pé que sería recomendable sacar. Tamén sería conveniente practicar labores silvícolas encamiñadas ao saneamento e vigorización dos carballos. Nome común: Carballeira de Caldas de Reis Nome científico: Quercus robur L. Provincia: Pontevedra Concello: Caldas de Reis Parroquia: Caldas de Reis Lugar: Parque-Xardín de Caldas de Reis GALICIA Altura: 19 e 23,20 m Perímetro normal: 2,55 e 2,87 m Diámetro de copa: 24,50 e 26,10 m Idade estimada: 100-125 anos