Unidade de Igualdade MANIFESTO DO ALUMNADO NO ACTO INSTITUCIONAL 8 DE MARZO DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES Cremos que a educación, e polo tanto a universidade debe ser un obxecto para conseguir unha comunidade mellor, por iso pensamos que a UVIGO sería un lugar idóneo para comezar o noso camiño cara ao que hoxe pode ser ser unha utopía pero que grazas ao movemento feminista e ao esforzo de moitas mulleres, conseguiremos que sexan realidades. Non nos conformamos coa situación actual, estamos fartas das desigualdades, do machismo na sociedade, nas rúas, no traballo, na xustiza, na política, na música, na educación, nas aulas … Queremos unha universidade na que os estereotipos non existan, na que o profesorado non sexa sexista e en vez de atentar contra as mulleres loite por conseguir a igualdade, na que os temarios estea libre de contido machista, na que as cuestións de xénero sexan un piar base, na que se valore o traballo que hai detrás deste movemento, na que existan carreiras de persoas non de homes e de mulleres, unha universidade para todas e para todos. Pero tamén queremos agradecer a ese profesorado que se encarga de conseguir unha sociedade máis xusta poñendo todo o seu empeño, a aquelas persoas que investigan sobre xénero e igualdade nesta universidade, e á propia universidade por apoialas, Tamén queremos destacar o papel da Unidade de Igualdade que loita por unha sociedade menos machista, apoiando as necesidades do alumnado e conseguindo educar nos valores que parten da igualdade, o respecto e a tolerancia. Por esa gran labor, porque aínda non existe a igualdade pero entre todas e todos loitaremos para conseguila, GRAZAS! Hoxe en especial animamos ao alumnado na loita para igualdade entre mulleres e homes. Porque non queremos xeracións acomodadas, resignadas á realidade que viven e sen preguntarse se poden cambiala. Esa etapa da mocidade relacionada coa rebeldía e a loita polos dereitos cada vez correspóndese menos coa realidade. No caso do feminismo é aínda máis evidente posto que conta con poucos apoios. Moita xente pensa que está todo feito e que as desigualdades non son relevantes en comparación coa situación das mulleres en épocas anteriores. Este pensamento é moi perigoso, non só porque as desigualdades son importantes e moi graves, senón tamén porque esta sensación, ademais de crear un estancamento na evolución cara á igualdade, supón tamén un retroceso nos nosos dereitos. Cremos que, en moitos casos, a mocidade só necesita unha plataforma, información e ánimo para que se inicie con nós no movemento feminista. E neste día queremos lembrar tamén a todas as mulleres que foron asasinadas polo terrorismo máis forte da nosa sociedade e o máis difícil de parar, o terrorismo machista. Unha peste que se segue estendendo e ninguén fai nada para detela. Tamén a todas esas mulleres sobreviventes da violencia machista. Unidade de Igualdade Un dos últimos ataques, froito da violencia estrutural coa que vivimos as mulleres, é a reforma do aborto.O Estado español quere volver a ser dono dos nosos úteros. O anteproxecto da lei orgánica do aborto, ou mellor dito, a tentativa de controlar o noso poder de decisión, é unha simple escusa para minguar, unha vez máis, os dereitos das mulleres. O feito de non poder decidir sobre os nosos corpos amósanos unha vez máis o que este governo pensa de nós: simples máquinas reprodutoras, corpos sen intelixencia incapaces de adoptar una decisión correcta. Pouco a pouco están exterminando os nosos dereitos e volver a recuperalos non será unha tarefa fácil. Pero isto non é nada novo, estas son algunhas das consecuencias do heteropatriarcado que segue presente na nosa sociedade, loitaremos cada día por cambialas e non permitiremos máis ataques. Porque o 8 de marzo é o Día das mulleres, é o meu día, é o teu día, é o noso día. Pero sobre todo é un día para loitar e para reivindicar. “Crece libre e non te deixes someter” Redacción: O Soño de Lilith Manifesto lido no acto institucional do 8 de marzo por Daisy Alcalde Monteagudo e por Patricia Agulla Pérez, alumnas da Universidade de Vigo.