Mari Trillo
Centrémonos.com
IES Basanta Silva-Villalba
FILOSOFÍA MEDIEVAL
1. A NOCIÓN DE ESCOLÁSTICA E O NACEMENTO DA UNIVERSIDADE:
Tras a caída do Imperio Romano occidental segue o período coñecido como Idade
media. Este divídese en Alta e Baixa Idade Media.
A Alta Idade Media transcorre entre os séculos V e X. Os primeiros séculos da Idade
Media corresponden a un período de invasións, o que trae consigo que se derrube a
organización política e social e que a economía se debilite. Todo isto da lugar a un sentimento
de inseguridade. E é neste preciso momento cando nace unha nova organización social, o
FEUDALISMO. Este será un ambiente pouco propicio para a creación científica, filosófica e
artística.
Tamén caracterizouse esta época pola proliferación dos novos reinos xermánicos:
saxóns, visigodos ou lombardos, entre outros. O poder nestes reinos baseábase nas relacións
persoais de dependencia e fidelidade entre o rei e a nobreza. Por iso, a Igrexa non tivo que
utilizar sofisticados argumentos para converter estes pobos ao cristianismo; abondaba a
conversión do rei para que todo o pobo o seguise. Esta situación favoreceu a extensión da
Igrexa por toda Europa e favoreceu que a vida cultural quedase centralizada nos mosteiros.
En Occidente, o legado grecolatino foi escaso, pero este si puido conservarse en mellores
condicións no Imperio bizantino, máis estable politicamente que Occidente. Non obstante, nos
mosteiros occidentais intentouse preservar o que quedaba deste legado a través da produción
de manuscritos ilustrados. Neste sentido, Boecio (480 -524) dedicouse a traducir e compilar
obras clásicas tales como Isagoge de Porfirio ou a lóxica aristotélica; por iso consideróuselle
un dos precursores da escolástica. Podemos destacar tamén nesta labor a Casiodoro de
Calabria no século VI, e no século VII a S.Isidoro de Sevilla; estes autores recompilaban
coñecementos da época en obras de carácter enciclopédico.
No século IX, Carlomagno (742 – 814 ) foi coroado rei dos francos polo Papa León III.
Carlomagno tratou de reconstruír o Imperio romano sobre a unidade do cristianismo. Era
entón cando na Europa occidental se comezaba a fraguar certo sentido de unidade concretado
na oficialidade do latín como lingua común e na creación dunha administración centralizada.
Desde o punto de vista político, e seguindo o modelo agustiniano, constitúese unha teocracia
baseada na complementariedade do poder do emperador, temporal e delegado, e o poder
relixioso do papa, delegante. O poder deixaba de xustificarse por relacións persoais de
dependencia e comezábase a apelar a poderes universais: o Pontificado e o Imperio.
Co ánimo de fortalecer culturalmente o Imperio, Carlomagno fundou a Escola Palatina
en Aquisgrán (actualmente Alemaña), á que seguiu a apertura doutras escolas. Nela e nos
mosteiros intensificáronse os labores intelectuais: traducíanse obras clásicas, estudábase
teoloxía, gramática, artes, lóxica, etc. Pero o renacer cultural veu abaixo no século X, tras a
caída da dinastía carolinxia, a decadencia da vida monástica, a degradación do papado e os
ataques de normandos, musulmáns e mongois. O sistema centralizado que permitiraa
proliferación de escolas quedou fragmentado.
Tras a crise veu unha época de prosperidade; referímonos ao primeiro período da Baixa
Idade Media (s.XI – s.XV). É o momento de máximo esplendor da Igrexa Católica, a cal
domina toda Europa e impulsa incluso expansións como as das Cruzadas. Ese dominio da Igrexa
pódese ver nos grandes templos góticos das cidades medievais e na importancia dos camiños
de peregrinación, como o Camiño de Santiago. A expansión militar a través das cruzadas
Prof.:Mari Trillo Leis
1
Mari Trillo
Centrémonos.com
IES Basanta Silva-Villalba
abrira novas rutas comerciais. Os novos produtos eran desexados por unha nobreza que
sobreexplotaba ó campesiñado para aumentar a súa capacidade adquisitiva. Por outro lado, a
incorporación de novas técnicas, a cuñaxe de moeda e o traballo artesanal desenvolveron o
sistema produtivo e comercial. Eses factores, xunto coa fuxida de parte do campesiñado
sobreexplotado, motivou o desenvolvemento das cidades ou burgos, lugares que ofrecían
maiores liberdades que as zonas feudais. Os núcleos culturais máis activos atópanse en
Francia: París, Chartres, Orleáns.
Chegan, tamén, manuscritos dos autores antigos sendo intermediarios os árabes (é o
século das cruzadas). Os árabes coñeceron con plenitude o pensamento helenístico e desde o
s.IX os intelectuais árabes tiñan traducións das obras de Aristóteles e de Platón. O
desenvolvemento do pensamento árabe alcanza o seu momento máis importante entre os
séculos X e XI, sendo autores árabes significativos Avicena (s.X), Averroes (s.XI). Temos que
destacar aquí, tamén no século XI e dentro do ámbito da filosofía cristiá, a figura de
S.Anselmo de Canterbury, típico representante do pensamento monacal e seguindo a liña de
S.Agostiño. Na súa obra Proslogion desenvolve o seu famoso “argumento ontolóxico” como
demostración da existencia de Deus.
É neste contexto onde aparece a Escolástica, que tivo a súa orixe nas escolas fundadas
no Renacemento carolinxio e que terá o seu máximo esplendor no século XIII. O termo
“escolástica” vén do tero latino scholasticus, que se aplicaba aos que ensinaban nas escolas e
mosteiros dos séculos XI ao XIV as artes liberais, o Trivium (Gramática, Retórica, Dialéctica)
e o Quatrivium (Música, Aritmética, Xeometría e Astronomía). Ten tamén outros significados,
pero o habitual é para caracterizar aquela filosofía que se elabora dentro do horizonte do
dogma católico; esta era a maioritaria na Idade Media, por iso téndese a identificar a
Filosofía Escolástica e a Filosofía Medieval. Vemos pois, que a escolástica é un movemento que
trata de conciliar a filosofía pagá grecolatina recuperada en Oriente coa fe.
Os escolásticos estaban convencidos de que xa posuían a verdade e calquera tiña
acceso a ela: era a verdade sagrada da revelación divina. O que eles buscaban era
fundamentar esa verdade e interpretala a través do pensamento racional. O propósito dos
escolásticos era afondar no coñecemento das verdades da fe a través da razón,
sistematizando os contidos da verdade sagrada mediante un método filosófico. Tamén
intentaban rebater con argumentos filosóficos as obxeccións que podían resultar da propia
razón contra esta verdade sagrada.
O momento culminante da escolástica, como xa dixemos antes, é o século XIII,
destacando nomes como: S.Buenaventura, S.Alberto Magno e S.Tomé. Son varios os motivos
para este colmen. En primeiro lugar, a estabilidade política é cada vez maior, tamén o número
de cidades,dando lugar a un aumento do comercio e polo tanto a un progreso económico.
En segundo lugar, froito da evolución das escolas monacais aparecen as universidades.
A universidade máis famosa é a de París destacando en Teoloxía.Tamén son importantes as de
Bolonia (Dereito),Oxford (Teoloxía). A universidade de Salamanca xurde no 1220. Foron
espazos relativamente independentes dos poderes políticos e eclesiásticos e estiveron
dedicados ao estudo, a discusión crítica e a produción de coñecemento. Nelas, as ensinanzas
tradicionais foron ampliadas cos novos saberes que chegaban do mundo islámico e bizantino
(medicina, astronomía, etc.) aínda que o conxunto destes saberes seguía coroado pola teoloxía.
E por último, continúa a recepción de traducións dos filósofos gregos a través dos
árabes e xudeus, que xa comezara no s.XII; neste sentido destacan as figuras de Roberto
Groseteste e Guillerme de Moerbcke (as súas traduccións serán as que utilice Sto. Tomé).
Prof.:Mari Trillo Leis
2
Mari Trillo
Centrémonos.com
IES Basanta Silva-Villalba
Este contacto coa cultura árabe e xudía supón un impulso vivificador que culminará
posteriormente no Renacemento.
O pensamento de Tomé de Aquino xurdirá neste contexto e introducirá unha nova
síntese teolóxica – filosófica elaborada a partir doutro pensador grego recuperado polos
árabes: Aristóteles.
2. A RECEPCIÓN DE ARISTÓTELES. AVERROES E O AVERROÍSMO LATINO:
Un dos factores que explican o auxe da Escolástica no século XIII así como a
renovación cultural que naquel século tivo lugar foi a recepción en Occidente das obras
aristotélicas descoñecidas ata ese momento. Antes desta época soamente coñecíanse, xa
desde Boecio (século VI), algúns dos libros de lóxica dos que compuñan o que se chamaba o
Organon aristotélico: As Categorías e De Interpretatione. Estes dous libros, xunto cunha
obra do neoplatónico Porfirio (Isagoge) que se colocou como introducción ás mesmas,
constituían o que se deu en chamar a Loxica vetus (Lóxica antiga).
Na recepción da obra aristotélica pódense distinguir dúas etapas debido á dobre vía
de penetración que aquela tivo en Occidente. Así, ao longo do século XII comeza o
coñecemento de Aristóteles a través da filosofía árabe e xudía que ofrece ao mundo latino
unha vía indirecta para o descubrimento dalgún dos seus libros. Posteriormente, no XIII,
teríase un coñecemento deste autor mediante as traducións do grego ao latín, que dá lugar á
chamada vía directa.
O pensamento de Aristóteles reapareceu a través do sirio Avicena (980 – 1037) e do
andalusí Averroes (1126 – 1198), os que elaboraron unha articulación entre o pensamento
aristotélico e o islámico. Estes pensamentos, principalmente o de Averroes, foron combatidos
pola Igrexa na universidade de París pero a súa influencia propagouse, ata o punto de dar
orixe a un “averroísmo latino”. Os pensadores islámicos, como os cristiáns, atendían á cuestión
de como reconciliar a fe, do Corán, coa razón. Pero o aristotelismo formuláballes unha serie
de ideas difíciles de casar co dogma coránico tales como, a eternidade do mundo, a negación
da intervención divina no mundo ou a mortalidade dos trazos individuais da alma.
O cordobés Averroes abordou a ardua tarefa de reconciliar a filosofía de quen
consideraba a culminación do intelecto humano –Aristóteles- coa fe do islam. Fíxoo a través
dunha serie de comentarios ás obras do filósofo grego, o que lle valeu o alcume de “ o
Comentador”. A través da influencia aristotélica propuxo unha explicación da relación entre fe
e razón, coñecida coma a teoría da dobre verdade. Sen dúbida, o seu pensamento reabría de
forma polémica o debate sobre tal relación.
No seu esforzo por conciliar a liberdade necesaria de especulación filosófica á verdade
da fe, Averroes mantén que a verdade radica no Corán, pois este é a revelación milagrosa da
verdade de Deus, pero tamén afirma que o tipo de coñecemento e o grao de comprensión desa
verdade dependen da clase de ser humano que sexa cada un, e así distingue 3 tipos de
personalidades. En primeiro lugar, fala dos relixiosos, o vulgo principalmente, que accederían á
mensaxe divina mediante unha linguaxe sensible e pedagóxica. En segundo lugar, os teólogos,
que nun nivel intermedio se achegarían á verdade mediante un saber probable e interpretativo
dos mitos. Por último, os filósofos, unha minoría de intelixencias capacitadas para coñecer o
mundo, o home e as relacións humanas dun modo científico. Dentre eles só o filósofo pode
realizar con plenitude o ideal de vida contemplativa que, como en Aristóteles, é camiño cara á
felicidade plena. Pero máis destacable é que a verdade que alcanzan uns e outros non ten por
que coincidir, dado que os graos de profundidade non son os mesmos. De aí adoita atribuírselle
Prof.:Mari Trillo Leis
3
Mari Trillo
Centrémonos.com
IES Basanta Silva-Villalba
a chamada teoría da dobre verdade, en virtude da cal un mesmo home pode soster
afirmacións contraditorias desde a súa dobre condición de filósofo –afirmacións racionais- e
crente –afirmacións de fe-, se ben a primeira sempre será superior á segunda, é dicir que a
teoloxía tende a subordinarse á filosofía, xa que a verdade filosófica constituía una
explicación máis refinada e rigorosa que a teolóxica. Non obstante, era consciente de que as
personalidades teolóxicas e relixiosas non podían asimilar tal afirmación e por iso mantiña que
a verdade filosófica non debía ser comunicada a tales mentalidades, precisamente, pola súa
incapacidade innata para comprendela. A esta teoría da dobre verdade enfrontarase S.Tomé.
Por outa banda, a tradución directa do grego ao latín das obras de Aristóteles
comezara xa no século XII, pero é ao longo do século seguinte cando se van coñecendo a
totalidade das obras aristotélicas. Primeiro tradúcense os libros de lóxica que faltaban
(Primeiros e segundos analíticos , Tópicos e Elencos sofísticos) que constitúen o que se chamou
Lóxica Nova. Algo parecido sucedeu cos escritos de Ética e Metafísica. Tamén destes existían
versións parciais feitas de forma indirecta que se cualificaban como vetus e agora ao
aparecer as versións directas fálase de Ethica nova e Metaphisica nova. Xustamente esa
denominación de Metaphisica nova déuselle á versión que fixo Guillermo de Moerbeke por
primeira vez ao latín e é interesante recordar que ese tradutor foi mestre de S. Tomé polo
que este foi dos primeiros en coñecer esa obra fundamental de Aristóteles. De toda a
avalancha de escritos aristotélicos que nesa época coñécense os que máis impacto causaron
foron os de Física e Metafísica; pois son estes os que máis novidade ofrecen respecto das
concepcións platónicas e neoplatónicas ata entón vixentes.
A recepción das obras de Aristóteles tivo como consecuencia que nesta época comeza a
existir unha filosofía como plataforma de explicación racional capaz de confrontarse e en
ocasións entrar en polémica coas interpretacións do pensamento cristián que ata agora se
alimentou da tradición platónica e neoplatónica e que atopara en Sto. Agostiño o seu máximo
promotor. Este feito xera que ao exporse agora o problema das relacións de razón e fe
amplíense as posibilidades de solución en función da filosofía aceptada como base. Atopamos
así no século XIII tres correntes de pensamento:
1.Dunha parte, a liña agostiniana, de tradición platónica, seguida polos franciscanos e
con S. Buenaventura como máximo representante; e
2.Doutra parte a liña aristotélica que á súa vez se ramifica en dúas: por unha banda a
que representa o "aristotelismo ortodoxo" de S. Tomé e os seus seguidores, sobre todo os
dominicos, e doutra banda o averroísmo latino que representa outro intento de casación do
pensamento de Aristóteles e o cristianismo.
Aínda que, respecto da asunción do pensamento aristotélico, o tomismo representa a
longo prazo a síntese máis influente e duradeira, un caso paradigmático da dificultade na
recepción do pensamento aristotélico no occidente cristián represéntao o averroísmo latino.
Foi este un movemento xerado pola interpretación que de Aristóteles fixo Averroes. O
averroísmo rexeita a idea dun Deus creador e causa primeira de todo canto existe e admitían
a validez da teoría da dobre verdade, reclamando a independencia da filosofía respecto da
teoloxía. O partidario máis coñecido do averroísmo é Siger de Brabante, profesor de París,
condenado pola autoridade eclesiástica no 1277.
A recepción das obras de Aristóteles chega ao seu culmen en S.Tomé. Este autor
representa o máximo aproveitamento das ideas de Aristóteles por parte do cristianismo. A
síntese de razón e fe deste autor foi capaz de casar os grandes principios da filosofía
aristotélica co contido da revelación cristiá. Esa síntese, oposta claramente as teses do
Prof.:Mari Trillo Leis
4
Mari Trillo
Centrémonos.com
IES Basanta Silva-Villalba
averroísmo latino, caracterizase pola súa revalorización da razón respecto da fe, á vez que
afirma a supremacía desta sobre aquela, e que permite a existencia de verdades alcanzables
por ambas as fontes de coñecemento, por exemplo a existencia de Deus, é unha síntese que se
vai a converter en modélica para os pensadores eclesiásticos. Por iso vai contribuír a que a
escolástica perdure como filosofía oficial da Igrexa e como consecuencia a que Aristóteles
non só sexa coñecido senón que estea vixente moitos séculos logo da súa morte.
Prof.:Mari Trillo Leis
5
Mari Trillo
Centrémonos.com
IES Basanta Silva-Villalba
S.TOMÉ DE AQUINO
Na Europa occidental, o século XIII é o máis brillante e creativo de
toda a Idade Media, e o dominico Tomé de Aquino é o pensador máis
relevante.
Analizaremos a continuación algúns puntos do pensamento tomista: o
esforzo innovador por incorporar Aristóteles no pensamento cristián, o
interese por harmonizar a fe e a razón, a definición de ser, as cinco
probas da existencia de Deus e a teoría ética e política.
1. VIDA E OBRAS:
Naceu no castelo de Rocasecca, preto de Aquino, en Sicilia no 1225, no seo dunha
familia nobre.
Aos cinco anos ingresa no mosteiro benedictino de Monte Casino, continúa estudios na
Universidade de Nápoles, onde estudiou artes, iniciándose na filosofía aristotélica. Aos
dezaoito anos ingresa na orde dos dominicos coa oposición da súa familia. Un ano despois
(1245) ingresa na Universidade de París, onde estudiará filosofía e teoloxía baixo a dirección
de Alberte Magno, mestre preferido, a quen acompañará máis tarde a Colonia.
Posteriormente exercerá a docencia en París, Roma, Nápoles. Entre 1269-1272 a súa
actividade intelectual é moi intensa, polemizando con averroístas e franciscanos.
Morre en 1274, camiño de Lyon onde o chamara Gregorio X para preparar un concilio.
A vida de Tomás de Aquino é unha vida dedicada integramente ao estudio, a actividade
de escribir e a labor docente. Realizou unha enorme tarefa de asimilación doutrinal,
ocupándose de todos os problemas que preocupaban no seu momento e converténdose nun dos
pensadores máis relevantes de todos os tempos.
Pódese distinguir, dentro da súa vasta producción filosófica, tres grupos de obras: Os
Comentarios (entre os que destacan os comentarios ás obras de Aristóteles), Os Opúsculos e
sobre todo, as súas obras maiores, a Suma contra Gentiles e a Suma Teolóxica.
Aínda que o seu pensamento pareceu revolucionario na súa época, no 1323 foi
canonizado e no 1557 foi nomeado “Doutor” da Igrexa Católica.
A novidade da ensinanza de Sto.Tomé radicaba na incorporación do pensamento
aristotélico dentro dun contexto dominado pola filosofía platónica - agostiniana. É difícil
entender a Sto. Tomé si esquecemos a filosofía aristotélica pero tampouco se poden
identificar ambos autores. A obra de Sto. Tomé é un intento de cristianizar a filosofía
aristotélica, é dicir, unha utilización da linguaxe aristotélica como vehículo de exposición da
mensaxe cristiá.
2. RAZÓN E FE EN TOMÉ DE AQUINO:
En canto ás relacións entre razón e fe, a posición de San Tomé é innovadora e
conciliadora: pensa que moitas verdades son tratadas tanto pola fe como pola razón, pero de
forma diferente. A solución tomista pode ser resumida en dúas palabras: autonomía e
colaboración. Razón e fe son dúas facultades diferentes, independentes e autónomas. Pero é
necesario que coincidan nas súas verdades e que entre ambas se produza unha colaboración.
Prof.:Mari Trillo Leis
6
Mari Trillo
Centrémonos.com
IES Basanta Silva-Villalba
Tomé de Aquino é partidario da autonomía da razón para coñecer aquelo que lle é propio: o
universo e as súas leis. Para isto non necesitamos outra cousa que o noso esforzo intelectual.
Dáse unha imposibilidade da dobre verdade (mantida polo averroísmo latino): non existe
contradición entre razón e a fe, non poden chegar a verdades opostas. Existe unha única
verdade, a cal se pode acceder por camiños distintos aínda que converxentes. O obxectivo
final do coñecemento é Deus, e a el se pode chegar tanto pola razón como pola revelación.
Considerando a revelación, partimos de Deus, usando a razón, partimos das cousas e dos seres
finitos do universo e chegamos a Deus como ser infinito, orixe e causa dos seres finitos. A
razón e a fe distínguense:
(A) Por moitos dos seus contidos:
-o ámbito enteiro da Filosofía provén exclusivamente da razón: o home ten capacidade
para captar o universo e as súas leis sen necesitar outra cousa que o seu esforzo natural.
-os contidos da Teoloxía son os artigos da fe que son coñecementos de orixe
sobrenatural que debemos aceptar como tales aínda que non podamos comprendelos.
(B) Pola forma de acceso a eles:
-a razón válese da abstracción.
-a fe válese da revelación.
Cando a fe e a razón ocúpanse dos mesmos temas necesariamente ten que existir unha
harmonía entre o que descubre o filósofo e o que afirma o teólogo. Por que ten que darse esta
harmonía? Porque é o mesmo Deus o que creou o home como ser racional e o autor da
revelación, non pode haber contradicción entre o que Deus revela e o que home coñece coa
razón que Deus lle dera. Si se chega ó conflito ou contradicción é a teoloxía (fe) a que
intervén como árbitro para a filosofía (razón), en dous sentidos:
 advírtelle que o método racional foi mal empregado porque chegou a afirmacións falsas,
polo tanto a razón debe criticarse a si mesma.
 ou que entrou nun campo no que non é posible o argumento racional e soamente a
revelación proporciona un coñecemento adecuado.
E é que a verdade é unha e única, pero dentro do terreo da verdade hai
verdades que son accesibles a razón e outras que están vedadas á razón e son exclusivas da
fe. Pódese dicir que a mensaxe da revelación é todo el intelixible, pois está destinado aos
homes, pero esta intelixibilidade é diferente dependendo de que tipo de verdade se trate:
a) hai verdades intelixibles e demostrables racionalmente, de modo que poden ser
coñecidas aínda sen a revelación.
b) hai verdades que son intelixibles pero indemostrables por medio da razón, de modo
que non son cognoscibles pola razón, senón soamente pola revelación. Nesta verdades a
teoloxía esfórzase por mostrar a súa intelixibilidade, pero esta soamente pode ser
comprendida por medio da fe.
Así a distinción, e ao mesmo tempo, a necesaria harmonía entre a razón e a fe,
permítenlle establecer unhas relacións de axuda mutua:
“A RAZÓN PODE AXUDAR A FE”
-demostrando que é racional crer.
-ilustrando as verdades da fe que son asequibles á razón.
A súa vez “A FE PODE AXUDAR Á RAZÓN”
-permitindo coñecer verdades de outro modo inaccesibles ó coñecemento humano.
-confirmando coa autoridade divina o descuberto polo home.
E é que a fe non soamente ten un alcance maior que a razón, senón que tamén coñece
mellor e máis profundo e perfecto que a razón. Por isto, calquera cousa que podamos coñecer
Prof.:Mari Trillo Leis
7
Mari Trillo
Centrémonos.com
IES Basanta Silva-Villalba
por medio da razón, a coñeceremos moito mellor si este coñecemento está reforzado pola fe.
Temos o deber de ascender pola razón cara a revelación e de volver a descender desde a
revelación cara a razón
VERDADE (unha)
RAZÓN
FILOSOFÍA
REVELACIÓN
TEOLOXÍA NATURAL
TEOLOXÍA REVELADA
Preámbulos da fe
Ex: existencia de Deus
Artigos de fe
Ex:Trinidade
Existen dous tipos de teoloxías:
(a)Teoloxía Revelada: parte do dogma e cíñese a el. Accédese por medio da fe.
(b)Teoloxía Racional: elaborada pola razón, busca clarexar e comprender verdades do
dogma accesibles á razón natural. É a parte máis importante da Filosofía, a súa culminación: xa
que trata de Deus.
Este plantexamento de harmonizar fe e razón desaparece nos homes do século XIV,
non manterán unha postura de oposición total como mantivera Tertuliano no século II, senón
que van considerar que o único coñecemento capaz de falar do real e de garantir a súa
existencia é o coñecemento sensible mentres que o coñecemento abstracto so é capaz de
establecer relacións entre ideas sen ningunha garantía de que esa relación se dea na
realidade. Intentar demostrar a existencia de Deus racionalmente ou apoiar os dogmas en
argumentos racionais é un fracaso, o dogma soamente pódese fundamentar na revelación. O
principal representante desta postura é Guillerme de Ockham, que manterá unha total
separación entre fe e razón, preparando o camiño da Filosofía Moderna quen non se librará de
todo dos aspectos teolóxicos.
3. ONTOLOXÍA: O SER E OS SERES
A afirmación do Cristianismo de que Deus creou da nada todo o que existe tivo gran
repercusión na Filosofía porque introduce unha nova relación descoñecida na Filosofía
Occidental na explicación da realidade: a relación do Creador coas criaturas, dándose unha
radical diferencia entre ambos. Para Tomás de Aquino existe unha diferencia esencial entre
ambos: el Creador é o Ser, as cousas creadas teñen ser, que lle foi dado por Deus nun acto de
libre vontade.
CREADOR
SER
Prof.:Mari Trillo Leis
CRIATURAS
TEÑEN SER
8
Mari Trillo
Centrémonos.com
IES Basanta Silva-Villalba
Pois ben, o máis importante e xenuíno da ontoloxía tomista procede dunha profunda
reflexión sobre o que supón o feito da creación dende o punto de vista da concepción do ser
ou da realidade.
En base a esta distinción Tomé de Aquino reinterpreta a teoría aristotélica da analoxía
do ser: non é posible utilizar o termo “ser” referido univocamente (co mesmo significado) a
Deus e as criaturas:
-Deus é o ser.
-os demais son seres que soamente son tales porque o ser creounos nun acto de libre
vontade. Non existirían de non ser creados. Isto quere dicir que son seres continxentes (non
necesarios), existen, pero poderían non existir, porque a súa existencia non depende deles.
Para entendelo mellor hai que ter presente que establece a distinción entre existencia
e esencia, que servirá de base para fundamentar racionalmente todo o seu sistema. Pois ben,
nos seres creados distínguense:
ESENCIA: o que as cousas son, o que as define.
"
QUIDDIDAD: termo de definición, o que define as cousas e responde a
pregunta que é?.
"
NATUREZA: esencia en canto principio de actividade na cousa.
EXISTENCIA: Ser de feito. Perfección que fai que as cousas sexan efectiva e
realmente. Actualización da esencia.
Hai que distinguir a esencia da existencia porque son dous aspectos distintos nos seres.
S.Tomé interpreta esta diferencia en termos de potencia - acto.
Esencia- compórtase como potencia respecto ao existir.
Existencia- actualización da esencia, fai que a esencia chegue de feito a existir.
O ser existente é unha esencia posta en acto pola existencia. Hai que ter en conta que
todos os seres son en potencia, pero non todos existen de feito. O paso da unión da esencia
coa existencia necesita da intervención de Deus.
Seres creados: Compostos de esencia e existencia, de potencia e acto,son
continxentes.
Ser: acto puro, necesario, simple.
Polo tanto, a postura que defende S.Tomé con respecto ao tema do ser é a ANALOXÍA
DO SER: todos os seres son pero non son da mesma maneira, "ser" pódese dicir de Deus e das
criaturas dun modo análogo, Deus é o ser, o ser necesario, as criaturas son continxentes, a súa
esencia non é a existencia pois esta foilles conferida por Deus. Deus é a existencia, as
criaturas teñen existencia.
"aquelo mesmo polo que coinciden (ser) é o mesmo que os diferencia (ser de distinta
maneira). Por iso toda analoxía implica unha semellanza e unha diferencia. Coinciden en parte e
en parte diferéncianse."
Os “seres creados” están compostos de esencia de existencia, mentres que en Deus, no
Ser a esencia identifícase coa existencia xa que Deus é puro acto, puro existir.
Prof.:Mari Trillo Leis
9
Mari Trillo
Centrémonos.com
IES Basanta Silva-Villalba
Estas categorías de esencia - existencia, potencia - acto sérvenlle para establecer
unha gradación, unha xerarquización dos seres. O universo tomista desenvólvese entre dous
extremos: Deus, que é acto puro, e a materia prima que é pura potencia; entre ámbolos dous
extremos atópanse todos os seres e cousas estructuradas xerarquicamente, segundo a súa
proximidade a Deus, que é a perfección. Todos eles salvo Deus (acto puro) están compostos de
esencia e existencia.
4. PROBAS DA EXISTENCIA DE DEUS:
Sto.Tomé rexeita a validez do argumento ontolóxico de S.Anselmo (s.XI). Este
argumento de forma resumida, di o seguinte:
Todos, incluso o que nega a existencia de Deus, temos na mente o concepto de Deus,
pois entendemos o que esta palabra quere dicir. Este concepto é o seguinte: Deus é o ser máis
perfecto posible; é dicir, o ser maior do cal non é posible pensar nada. Polo tanto, é necesario
concluír que existe, pois afirmar que non existe levaríanos a unha contradicción. Se non
existise na realidade, existiría soamente na mente, o cal implicaría que poderíase pensar un
ser máis perfecto e maior que o ser maior que o cal nada existe, isto é, un ser que ademais de
existir na mente existiría na realidade, o cal é contradictorio. Logo este ser ten que existir,
non soamente no pensamento, senón tamén na realidade.
Que nos está a dicir S.Anselmo? En forma de esquema, o anteriormente dito, quedaría
así:
 Se a idea de deus existira só na mente, calquera ser que existira na realidade sería
maior ca el (xa que existiría na mente e tamén na realidade)
 Así, resulta que ao pensar en calquera ser existente estamos pensando nun ser maior
que o cal nada pode pensarse
 Pero isto é unha contradición. Polo tanto, Deus ten que existir na realidade
Este argumento foi chamado por Kant “ argumento ontolóxico” para demostrar a
existencia de Deus e foi aceptado por moitos autores medievais, como Buenaventura, Duns
Escoto, e modernos como Descartes, Leibniz e Hegel. Nembargantes, foi rexeitado por
Sto.Tomé, xa que para el non era lícito pasar da orde ideal, da orde do pensamento, á orde da
realidade. Unha cousa é a existencia mental, outra cousa a existencia real. Segundo Sto.Tomé,
S.Anselmo supón que ten que existir na realidade un ser maior do cal non é posible pensar
ningún outro, que é precisamente o que se quere demostrar.
A falta de evidencia da existencia de Deus, e mais a ausencia dunha idea innata de
Deus levaron a S.Tomé a desenvolver uns indicios ou uns camiños que levan a Deus: son as
cinco vías tomistas. Estas vías don unha demostración a posteriori, é dicir, argumentos que
parten de observacións empíricas dos fenómenos sensibles cotiáns. A partir dos seres
creados, chégase a un determinado aspecto do seu creador; a partir do efecto, tamén
chegamos á causa.
Todas as vías teñen idéntica estrutura:
Punto de partida:
1. Todas elas parten dun feito observable, a constatación dunha realidade captada
polos sentidos.
Percorrido:
2. Aplicación do principio de causalidade: “todo feito ten necesariamente unha causa”.
Prof.:Mari Trillo Leis
10
Mari Trillo
Centrémonos.com
IES Basanta Silva-Villalba
3. Imposibilidade dunha serie infinita de causas.Tomé de Aquino nega que poda darse
un proceso cara ao infinito na serie causal. Ten que haber unha primeira causa de todos os
posibles efectos.
Punto de chegada:
4. O termo final é Deus. Deus é a primeira causa, logo Deus existe.

1ª vía: vía do movemento. Parte do movemento do mundo para chegar ao motor
inmóbil. Está inspirada en Aristóteles. Coñécese como “proba cosmolóxica”.

2ª vía: vía da causalidade eficiente. Parte das causas subordinadas e a súa vez
causadas ata chegar a causa primeira incausada. Todo o existente aparece como efecto
dunha causa que o produce e que é diferente de si mesmo. Está tomada de Aristóteles
e Avicena.

3ª vía: vía da continxencia dos seres. O punto de partida é a constatación da
existencia dos seres continxentes, que non se bastan a si mesmos para existir (existen
pero poderían non existir) e se chega o ser necesario, que non só non é, senón que non
pode non - ser. Está inspirada en Maimónides.

4ª vía: vía dos graos de perfección dos seres. Parte dos graos de perfección nas
criaturas e chégase o ser infinitamente perfecto. Suponse que todas as perfeccións
están realizadas en grao máximo nalgún ser: Deus. É de inspiración neoplatónica.

5ª vía: vía da orde e finalidade do universo. Todos os seres, incluso os irracionais,
ordénanse e actúan conforme algún fin. Partindo da orde que reina no universo e da
finalidade de todos os seres chégase a existencia dunha intelixencia suprema
ordenadora: Deus. Coñécese como “proba teleolóxica”.
5.ÉTICA E POLÍTICA TOMISTA.
A ética cerra o sistema tomista, é a ordenación das criaturas cara Deus, de quen
proceden; é, polo tanto, unha ética teleolóxica. Deus é, ó mesmo tempo, o principio de todas
as cousas e o fin último, xa que todas as cousas desexan a Deus.
A ética de Tomé de Aquino está inspirada na da Aristóteles, pero, a súa vez,
compleméntase coas achegas propias do cristianismo. É unha ética da felicidade, que consiste
no coñecemento de Deus,é a contemplación directa de Deus na outra vida (beatitude):
“ [...]De onde resulta manifesta que nada pode calmar a vontade do home de non ser o
ben universal, que non se pode encontrar en nada creado, senón só en Deus: porque só Deus
pode colmar a vontade do home” (Suma Teolóxica, 1-2,q.2,a 8c)
Segundo o noso autor Deus é o fundamento de todas as leis; polo tanto, tamén das leis
morais. Esta regra, segundo a cal Deus quere que o Universo sexa gobernado, é eterna como
El; por iso recibe o nome de Lei Eterna Divina. Todas as leis da natureza, da moral ou da
sociedade son casos particulares desta lei máis xeral que é a lei de Deus. Deus, polo tanto, é o
principio exterior da moralidade.
Para que as leis se poidan cumprir han de estar inscritas na natureza, e así poder ser
coñecidas. A lei eterna, en canto participada polos seres humanos e inscrita na súa natureza,
recibe o nome de Lei Natural. A lei natural é, polo tanto, aquela parte da lei eterna que fai
relación aos seres humanos.
Cales son os contidos da lei natural?. Para coñecer os preceptos da lei natural abonda
con reflexionar sobre as nosas inclinacións. Así, a primeira e máis universal das súas
prescricións é facer o ben e evitar o mal.
Prof.:Mari Trillo Leis
11
Mari Trillo
Centrémonos.com
IES Basanta Silva-Villalba
Pero, que é o ben humano? Para precisalo temos que analizar a nosa natureza. E segundo
Sto.Tomé atopamos que na nosa natureza hai tres grandes tendencias das cales se derivan as
leis morais, estas son:
1ª A tendencia á conservación do seu ser (supervivencia)
2ª A tendencia a reproducirse e educar os seus fillos
3ª A tendencia a vivir en sociedade e buscar a verdade
Logo, pois, o ben moral é o cumprimento de cada unha destas tendencias, mentres que
o afastamento delas sería o mal moral. Se, polo tanto, coñecemos racionalmente como é a
natureza humana, tamén podemos descubrir por medio da razón que debemos facer para ser
morais. E para poder ser coñecidas pola razón e, polo tanto, por todos os seres humanos e así
ser cumpridas, as leis morais teñen as seguintes propiedades: son universais, evidentes e
inmutábeis. Isto é: obrigar a todos, ser cognoscibles por todos e han de ser a s mesmas para
todos. Pero delas non nos abonda o seu coñecemento. Como xa dixo Aristóteles, é necesario
convertelas en hábito. Só así conséguese a vida virtuosa que leva á felicidade.
As regras emanadas da lei natural son extensibles á sociedade, pois é evidente que a
natureza humana tende á sociabilidade; e a sociedade tende a crear o Estado como institución
natural. Os fins do estado son favorecer o ben común a través da paz e o bo goberno. E para
iso ha de establecer a Lei Positiva, que non é senón a continuación da lei natural e ten como
fin garantir a xustiza entre os homes. A Lei Positiva é o conxunto das leis establecidas de
xeito máis ou menos explícito polos seres humanos con miras ao ben común. Por iso a súa
función é a de facer explícitos os principios morais naturais. Polo tanto, vemos que non provén
do capricho dos homes senón que ven imposta pola propia natureza. A lei positiva é unha
prolongación da lei natural, polo que, estas leis humanas para ser xustas teñen que axustarse
aos principios naturais, de xeito que si se ordena algo contrario aos mesmos non obrigarían
moralmente. Ambos os dous tipos de leis, natural e positiva, han de quedar subordinadas, e non
contradicir, a lei eterna; a cal, dado, o seu carácter revelado, é patrimonio unicamente da
xerarquía da Igrexa.
Orde Moral
adecuación orde natural ═ reflexo orde divina.
TEORÍA POLÍTICA
En canto a súa teoría política S.Tomé inspírase tamén na política de Aristóteles.
Considera o home como ser social por natureza, polo tanto, é necesaria a existencia da
organización social e unha autoridade que a goberne. Vai defender que o estado é unha
institución baseada na natureza humana e a súa tarefa consiste en conducir ao pobo a unha
vida xusta e virtuosa, preservando a paz e o ben común. De todas formas, o fin último do
home é alcanzar a gloria celestial (carácter sobrenatural), e iso corresponde principalmente á
tarefa mediadora da Igrexa. Ao ser a tarefa da Igrexa dun nivel superior ao do Estado, este
debe estar sometido a ela. O goberno do estado debe facilitar ao home a posibilidade de
conseguir o seu fin sobrenatural. Mantén tamén a clasificación das formas de goberno
aristotélicas; sendo a súa preferencia por unha monarquía, na que o poder do monarca sexa
moderado polos maxistrados elixidos polo pobo. É, polo tanto unha monarquía constitucional.
Pero mantén que ningunha forma é ordenada por Deus, o importante é que promova o ben
común (influencia aristotélica).
Prof.:Mari Trillo Leis
12