A SEXUALIDADE FEMININA (NON) ERA A SEXUALIDADE MASCULINA: REINTERPRETACIÓNS CRÍTICAS DAS FONTES ANTE A REALIDADE PRIVADA DA MULLER MEDIEVAL ANA GARCÍA BARREIRO CURSO 2024-25 Universidade de Santiago de Compostela 1. Introducción A vida da muller na Plena e Baixa Idade Media foi estudada como un ámbito separado da historia tradicional, cun illamento metodolóxico e cunha aceptación da súa posición subordinada e do seu rol doméstico. A súa situación de marxinación constitúe un coñecemento xeneral, que apenas se pon en cuestión. No último século, co auxe e a toma de conciencia promovida polos movementos feministas, aumentou a atención dedicada á historia das mulleres, evidenciando o seu percorrido marcado pola opresión e exclusión. Denunciar a falta de estudo do seu papel na historia e prestarlle atención foi e é necesario, e probablemente innovador no seu momento; mais, chegados a este punto, continúa tratándose como algo autónomo, coma se as mulleres fosen alleas ao transcurso da historia. Isto tradúcese nunhas interpretacións pouco integradoras, que, sumadas aos prexuízos xa asociados ao período medieval, ofrecen unha imaxe xeneralizada e simplificada da realidade feminina desta época. Partimos da base de que todo estudo realizado sobre a vida da muller medieval se fixo a partir da aceptación das fontes masculinas e do que estes esperaban delas, polo que conformándonos con isto, non podemos achegarnos á realidade feminina. A escaseza, que non inexistencia, de fontes primarias de autoría feminina e a asimilación das masculinas, dificultan a comprensión de como elas mesmas vivían e entendían as súas propias experiencias. A primeira parte deste traballo consistirá na deconstrución das habituais afirmacións arredor da vida da muller baixo medieval, poñendo en cuestión as fontes e denunciando a necesidade de novas reinterpretacións. Despois, profundaremos nunha das cuestións centrais do ensaio, achegándonos máis de cerca ás mulleres e á súa vivencia das experiencias íntimas e privadas, como a súa sexualidade, entendéndoas sen necesidade de vinculalas ao home. Finalmente, a partir dos novos enfoques propostos, formularemos cuestións e liñas de investigación que poidan xurdir a partir deles, co obxectivo de matizar e ampliar o marco de estudo. 2. Sistemas de dominación, normativas morais e realidades cotiás A muller medieval estaría suxeita á confluencia de dúas formacións sociais eminentemente violentas: o sistema feudal, xa violento de por si, e o sistema patriarcal. Non debemos considerar a muller un grupo marxinal, xa que estaban incluídas nas leis; máis ben serían un grupo oprimido, oprimidas pola lei, a Igrexa e os homes1. Esta inferioridade non é innata bioloxicamente ao home, é de tipo cultural. Tampouco é exclusiva da mentalidade medieval nin da Europa cristiá, pero si é preciso entender en que se apoian tales afirmacións nesta época. A mentalidade medieval herda moito das traducións da Antigüidade que xa xustificarían a subordinación feminina2. Pero tamén autores medievais razoarían as orixes da diferenciación sexual e da inferioridade feminina, como Isidoro de Sevilla, relacionando o significado etimolóxico e a diferenza biolóxica entre “home” e “ muller”; San Agustín, recoñecendo a existencia da muller nos planes orixinais de Deus co Graíño, C. S. (2008). La violencia sobre las mujeres en la Edad Media: estado de la cuestión. Clío & Crímen: Revista del Centro de Historia del Crimen de Durango, (5), 24-38. 2 Mínguez, C. G. (2008). Sobre historia de las mujeres y violencia de género. Clío y Crimen: Revista del Centro de Historia del Crimen de Durango,(5), 13-23. 1 motivo dos dous sexos para a reprodución, pero afirmando que o libido aparecería despois da expulsión do Paraíso, sendo a muller a responsable e a portadora do pecado e da luxuria; e Santo Tomás, defendendo a natural inferioridade da muller ao saír da costela de Adán e non ser creada só por e para Deus, tamén por e para o home3. Así, a idea máis arraigada na mentalidade e xustificacións da época era que as mulleres eran as culpables de traer o pecado á raza humana, culpando a todas de malvadas e pecadoras por tentar aos homes; explicación a partir da cal se vai perpetuar tal sometemento da muller no legal, no relixioso, no científico, no económico, nos roles familiares e nas relacións persoais. A nivel de conducta ou moral, isto vai verse reflexado nun ideal feminino con referentes como a Virxe, como modelo a seguir de reprodución, castidade e subordinación; e Eva, como a personificación do pecado e do perigo feminino. Impoñéndolle así unhas normas morais á muller ditadas polos homes e un ciclo de vida baseado na virxindade, o matrimonio e a viuvez, máis que nas súas propias etapas ou idades. Estas normas tentarían ser aplicadas na sociedade mediante sermóns ou libros de conduta, pero iso non significa que tales normas marcasen a realidade. Si que é certo, que para o día a día da muller, a súa reputación era importante, relacionada coa súa honra e virxindade, tanto a nivel individual como público na familia, xa que era a propia sociedade a que facía o papel de control e vixilancia entre eles mesmos, polo que o que a sociedade pensara dunha muller a condicionaba4. No ordenamento xurídico medieval, as mulleres tiñan restrinxidos os seus dereitos dentro e fóra do ámbito familiar, sufrindo unha incapacidade legal e estando sempre sometidas á titoría dun varón, sexa o seu marido ou a cabeza de familia, sendo consideradas propiedade do home, por parte do cal sufrían unha violencia non recíproca5. É evidente que a muller viviría unha grave situación de violencia e estaría sometida a estritas normas morais, pero isto non quere dicir que as mulleres sufran todas e continuamente unha violencia mediata ou que se sintan nunha situación de permanente agresión6, nin que tales normas morais ditadas polos homes fosen automaticamente un reflexo da súa realidade cotiá. A muller desenvolvería o seu comportamento non independentemente de tales normas ou limitacións, sería consciente delas e sabería adaptarse e actuar dentro dos seus límites. Por iso, estes textos, como ditamines teolóxicos, leis ou rexistros xudiciais non representan a actitude dunha sociedade. Nunha poboación na que a maioría non tiña acceso aos libros ou á súa compresión, probablemente esas normas de conduta foran dirixidas a determinados niveis altos da sociedade, polo que as capas populares non vivirían tan influenciadas polas normas impostas pola moral ética ou relixiosa. Moral de Calatrava, P. (2008). La mujer imaginada : la construcción cultural del cuerpo femenino en la Edad Media. Nausícaä. 4 Ibáñez Adán, Y. (2020). Mujeres públicas: la necesidad del pecado en la Baja Edad Media [Traballo de Fin de Grado, Universidad de Zaragoza]. Zaguan - Repositorio Institucional de la Universidad de Zaragoza. 5 Díaz, I. B. (2008). La violencia legal del sistema penal medieval ejercida contra las mujeres. Clío & Crimen: Revista del Centro de Historia del Crimen de Durango, 5, 203-227. 6 Graíño, C. S. (2008). La violencia sobre las mujeres en la Edad Media: estado de la cuestión. Clío & Crímen: Revista del Centro de Historia del Crimen de Durango, (5), 24-38. 3 A idea de que a muller medieval carecía de poder pode parecer lóxica se se relaciona coa súa condición xurídica, pero hai varios factores a ter en conta. Obviando o caso das escravas, que non tiñan ningún tipo de decisión ou liberdade, a autonomía, en xeral, estaba restrinxida non só para as mulleres senón tamén para os homes, que se percibirían máis como membros dunha unidade familiar ca como individuos. En relación á capacidade de influenciar ou mandar sobre outros, as mulleres como tal non tiñan o privilexio ou poder para someterse sobre alguén, pero iso non quita que non puideran ter influencia. Que os homes se representasen a eles mesmos como os fortes da relación, non retrata en absoluto como eran as dinámicas persoais ou entre paredes, tendo a muller influencia no fogar, no marido e nos fillos. Tamén elas tiñan un papel activo, sabendo formar e manter lazos familiares. Ademais, atopáronse textos medievais que presentan a mulleres usando a súa sexualidade de diversas maneiras para influenciar as accións dos homes o obter os resultados desexados por elas, revertendo a xerarquía establecida e demostrando que poderían aproveitarse da súa percibida debilidade e convertela en forte de fortaleza. A nivel de autoridade política, tamén se adoita silenciar o papel feminino na toma de decisións, as súas estratexias para manterse no poder independentemente dos cambios ou o uso de medios simbólicos que empregaban para impoñer a súa influencia7. Do mesmo xeito, as mulleres tiñan a capacidade de rexeitar e criticar, dentro das súas posibilidades, a opresión que vivían, habendo voces tanto de homes como de mulleres que denunciarían tales condicións e ás leis e persoas que as permitían. Simplemente acudindo a fontes femininas podemos eliminar esa imaxe da muller coma unha vítima que non se defende e acepta a súa posición. Exemplo destacado sería o de Christine de Pizan (1364-1430), quen adoptou unha postura abertamente crítica e defensora das mulleres, denunciando a misoxinia sistemática, desafiando a autoridade intelectual masculina e reivindicando activamente a palabra e a voz feminina8. Así, se as mulleres medievais non quedaron en silencio ante tales inxustizas, a historiografía non pode ser quen as silencie. 3. Estratexias de autonomía e resistencia As mulleres souberon buscar recursos para defenderse e atoparon maneiras de crear espazos propios, así como formas de acadar certa independencia nas súas decisións. Podía tomar as rendas da súa vida a maiores do que se lle impoñía. Unha destas vías podía ser o monaquismo, que lle daba unha oportunidade de servir a Deus e abordar os seus intereses de maneiras creativas, de recibir unha vía para a educación e de evitar un matrimonio ou embarazo non desexado, ademais de darlle certo nivel de protección física. Incluso para unhas poucas mulleres de familias reais ou aristocráticas, podería darlles a oportunidade de ter posicións de responsabilidade e poder. Non obstante, non todas as ordes ou faccións relixiosas estaban a favor da súa participación, e non sempre apoiarían a súa independencia ante os monxes ou as súas oportunidades educativas como o ter librerías para as súas propias casas. A pesar dos intentos de regularizar e encerrar a todas as mulleres relixiosas, esta tomou estilos de vida relixiosos, Phillips, K. M. (2013). A cultural history of women in the Middle Ages. Bloomsbury. MARTINEZ, A. V. (2010). " La ciudad de las damas" de Christine de Pizan: obra clave de la Querella de las Mujeres. In La Querella de las mujeres: análisis de textos (pp. 21-47). Asociación Cultural Al-Mudayna. 7 8 chegando a fundar comunidades propias sen necesidade de encerrarse en conventos, desenvolvendo as súas vidas relixiosas principalmente nas parroquias, onde os seus roles domésticos tamén perfilaban a súa actividade diaria parroquial9. A maiores das monxas, habería outros grupos de mulleres que poderían levar unha vida sen submisión a un marido. Se adoita ignorar a aquelas mulleres que non se podían vincular cun home, como sería o caso das mulleres solteiras. Unha muller podía non casar por varios motivos; por falta de dotes, por ser enviada de pequena pola súa familia a un mosteiro ou, simplemente, porque non querían casar, podendo evitar así restricións de comportamento máis severas e aplicadas normalmente con máis firmeza ás mulleres casadas ou aristocráticas. Non obstante, preséntase un problema ao investigar sobre estas mulleres, xa que os textos medievais non diferenciarían entre unha prostituta e unha muller solteira sexualmente activa. A muller estaba clasificada como virxe, casada, viúva ou concubina, e se non entrabas en ningunha destas categorías, se te identificaba como prostituta, non había unha diferenciación teolóxica ou canonicamente10, pero isto, obviamente, non significa que non existise este grupo de mulleres. Relacionándoo coa prostitución, esta podería ser entendida coma outra forma na que a muller conseguiría certa independencia na súa toma de decisións, pero é moito máis amplo que iso. Os motivos polos que unha muller se metería á prostitución son tamén variados, como a necesidade de adquirir diñeiro pola súa propia conta, ou, porque máis que como vía de independencia, era a única maneira de conseguir ingresos para mulleres ou nais solteiras con dificultades de atopar traballo, xa sexa por ser violadas e deshonradas ou por non poder pagar dote de compensación, ou incluso coaccionadas polas súas familias nalgúns casos. Aquí entra en evidencia outra das contradicións que caracterizan esta mentalidade e mecanismos medievais. O sexo fóra do matrimonio e sen fins reprodutivos era considerado un grave pecado; pero por outra banda, as xustificacións dos bordeis por parte das autoridades municipais e da Igrexa, con figuras como San Agustín ou Ptolomeo de Lucca, eran frecuentes, considerando que era un mal necesario para o bo funcionamento da sociedade. Estas mulleres serían rexeitadas por completo, pero si recoñecerían a súa función en canto que, como xa eran pecadoras, podían aforrarlle o mal ás mulleres honestas e servir como vía de desafogo para as tentacións dos homes. Polo que serían consideradas mulleres públicas e propiedade de todos os homes. Se defendería tanto a súa necesidade que se chegaría a legalizar e regular, facendo dela un mercado do cal as autoridades podían sacar un beneficio a costas delas. A maioría da poboación non tiña por que tomar literalmente os ditamines da Igrexa, tendo a tranquilidade de que podían confesarse e eliminar o pecado, pero parecía que esta posibilidade non era tan frecuente para a muller pecadora e deshonrada, que aínda que si tería posibilidades de reinserir na sociedade, sería só despois dun proceso longo, complicado e que non lle aseguraba a volta á normalidade. Non asemella algo liberador para a muller elixir este camiño de vida, ao 9 Phillips, K. M. (2013). A cultural history of women in the Middle Ages. Bloomsbury. 10 Karras, R. M. (2012). Sexuality in medieval Europe : doing unto others (2nd ed.). Routledge. contrario, parece máis un resultado desa opresión asfixiante que, primeiro, lle impón un ideal de castidade e de dependencia económica que o propio sistema lle dificulta cumprir, para despois aproveitarse desa mesma situación para marxinala e explotala. Á marxe desta prostitución regulada seguiu desenvolvéndose a prostitución clandestina, moi perseguida, xa que desta non poderían obter beneficios ou controlar o seu acceso á poboación “de ben”, e non necesariamente porque entrase en conflito coas súas normas morais. Podería chegarse a dicir que estas prostitutas clandestinas, a grandes trazos, poderían chegar a gozar de certa “independencia”, se estudásemos a fondo estes dous casos concretos: as “cortesás”, que aceptaban compañía tanto de homes como de mulleres e non ofrecían unicamente relacións sexuais, tamén conversas e tempo de calidade en compañía; ou as “rameras”, que tamén traballarían independentemente nas súas casas11. Con isto explicado, pode abrirse un tema de debate que tamén ten relevancia actualmente. O meu obxectivo era recompilar escenarios onde a muller puidese ter buscado pola súa propia conta destelos de independencia e de escape das estruturas impostas. Con isto non afirmo que o monaquismo, ou sobre todo a prostitución, sexan medios emancipadores ou liberadores; a muller non se podería liberar da crítica social que recibía nin da opresión sistemática da que estaba suxeita, tivese un estilo de vida ou outro. Obviamente, moitísimos dos casos de mulleres que entran a este negocio é porque non tiñan outra opción, e non sería unha situación desexable; se as mulleres non eran defendidas ante a lei, as prostitutas moitísimo menos. Non quero ignorar a súa situación perigosa e de vulnerabilidade, pero si abrir a porta a contemplar formas nas que as mulleres puideron varexar as súas posibilidades persoais, e, entre varias opcións nas que seguen tendo as de perder, poden contemplar o que podería ser menos malo para elas. Nos casos nos que entrar nun matrimonio non fose unha garantía de seguridade e benestar, a muller podería ter outras opcións, varexando ela se lle ofrecerían máis liberdade ou non que un matrimonio convencional. 4. Sexualidade e privacidade: alén do control masculino Se xa é difícil investigar como batallaba a muller coas limitacións que se lle impoñían, entender como era a súa vida privada e persoal é aínda máis complicado. Pero é igual de importante facer un esforzo por entender como elas se percibían a elas mesmas e as súas experiencias, sobre todo aquelas levadas a cabo na privacidade, fóra das críticas e das normas impostas, como a súa sexualidade. Hai que ter coidado ao aplicar conceptos como sexualidade ou sexual ás experiencias pasadas, son conceptos culturais que non entenderíamos de igual maneira agora que daquela. Polo que termos como sexualidade, identidades ou orientacións sexuais, non serían aplicables nestes momentos da mesma maneira que nós os entendemos; a construción da sexualidade é a maneira na que a cultura dálle sentido ao sexo mediante sistemas médicos, legais ou relixiosos que crea Ibáñez Adán, Y. (2020). Mujeres públicas: la necesidad del pecado en la Baja Edad Media [Traballo de Fin de Grado, Universidad de Zaragoza]. Zaguan - Repositorio Institucional de la Universidad de Zaragoza. 11 identidades sexuais para eles. Na Plena e Baixa Idade Media, estas identidades non estarían formadas como entendemos actualmente por heterosexual ou homosexual, sería unha división entre castos e sexualmente activos12. Con esta aclaración, a temática sexual é complicada porque conflúen a moralidade relixiosa, a orde pública, as relacións de xénero e o propio individuo. Hai unha obvia contradición entre o moralmente correcto e a realidade; os nobres e monxes teñen amantes, a prostitución está xustificada e regulada... Polo que a maioría da poboación viviría consciente das ensinanzas relixiosas, pero sen preocuparse excesivamente por elas. Para entender como a poboación entendía tales actos, os restritivos tratados teolóxicos entendidos literalmente non serían a fonte máis fiable, xa que estes, ao prohibir determinados comportamentos, non significa que estiveran exentos na sociedade, se había unha necesidade de denuncialos sería porque estes eran frecuentados, como o adulterio ou o sexo prematrimonial. En cambio, acudindo á produción artística ou fontes literarias poderíamos ver estes temas tratados con máis normalidade, analizando estas non como un reflexo directo da sociedade, pero entendendo os seus obxectivos e o seu público dirixido podemos deducir trazos da mentalidade da época ou de patróns de conducta. Por exemplo, analizando obras como O Decamerón, Os cuentos de Canterbury ou os fabliaux franceses, podemos ver como as temáticas como as relacións sexuais, as infidelidades ou o desexo feminino eran tratadas con bastante normalidade, dunha maneira aberta ou incluso satírica. Historias lidas tanto por homes como mulleres nas que eles mesmos desfrutan de encontros sexuais, que podían servir de entretemento ou de crítica, e nos deixan ver que o sexo non era un tema desapropiado de debate. Así, a temática sexual sería común entre a xente campesiña, que vivían en casas sen habitacións privadas e compartindo camas e espazos toda a familia, polo que estas conversas serían naturais; e entre a burguesía, que tamén desfrutaría destes temas de conversa, incluso incluíndo no seu tempo de ocio xogos de dados que suxiren un “ligoteo” ou “intriga amorosa”13. O cristianismo rexeitaría o sexo pre matrimonial ou o sexo sen fines reprodutivos, pero isto non significa que o sexo fora o punto central do matrimonio, xa que non pola ausencia de tal o matrimonio deixaba de ser válido, nin por ser unha das dúas partes infértil non significaba que non puideran manter relacións. A Igrexa condenaba evitar o embarazo, pero non por iso significa que tiveran que buscar un fillo en cada acto, simplemente tiñan que deixar a posibilidade e non facer nada para evitalo, e no caso de que se buscara evitar, facelo mellor cunha prostituta e non corromper á súa muller. Por iso, as prácticas como o sexo oral e anal (como a sodomía) ou os métodos anticonceptivos si serían considerados antinaturais. Polo que, teórica e idealmente para a Igrexa, o sexo tería cabida principalmente no matrimonio, pero tamén sabemos da existencia de relacións sexuais fóra e antes do matrimonio, que na Idade Media e incluso antes podemos ver reflexadas na figura da concubina. Na Idade Media tardía unha concubina podía significar varias cousas, como noiva, unha posíbel futura esposa ou muller coa que mantés relacións sen planear o matrimonio (especialmente se eran de diferentes niveis sociais). Non tiña por que ser 12 13 Karras, R. M. (2012). Sexuality in medieval Europe : doing unto others (2nd ed.). Routledge. Phillips, K. M. (2013). A cultural history of women in the Middle Ages. Bloomsbury. compañía necesariamente sexual, como o caso da concubina do sacerdote, que adoitaba ser máis compañía doméstica14. Nesta figura vemos reflexado, de novo, como as normas da Igrexa, aínda que coñecidas pola maioría, podían ser ignoradas, incluso polos seus propios membros. Non obstante, estas relacións estarían marcadas polas estruturas sociais e de poder da época, non necesariamente demostran autonomía ou liberdade para a muller e as súas relacións, e moitos casos serían para esta obter estabilidade económica. Pero aquí se volve a abrir a porta das posibilidades que podía ter unha muller, a maiores do matrimonio, para poder subsistir. Ademais, non ten porque negarse de casos de concubinas que sentisen un desexo e afección mutua, ou incluso tamén poderiamos estar ante mulleres que se aproveitarían da súa sexualidade para obter beneficios mediante o papel da concubina, podendo, dunha maneira menos agresiva e prexudicial que a prostitución, sacar proveito ou incluso desfrute persoal destas relacións. Cando falamos de relacións sexuais na Idade Media, non podemos entendelas como agora , coma unha acción que implica a ambos suxeitos. A terminoloxía medieval o entende como algo que alguén faille a outro, mediante os roles de pasivo e activo, roles que tiñan que ver unicamente con quen recibía e quen proporcionaba a penetración. A mutualidade non era importante no concepto de sexo medieval, non se entendía que as dúas partes fixeran o mesmo, ao ser unha visión unicamente centrada no home, no seu rol activo e no seu aparato reprodutor. Esta visión binaria afectaría a como se entendería o papel das mulleres nas relacións ou as relacións entre persoas do mesmo sexo, condenando por exemplo a sodomía, asociada principalmente coas relacións entre homes e non só por ser sexo non reprodutivo, tamén por alterar os roles de xénero e familiares, asumindo unha das partes o rol pasivo e de muller. A sodomía sería máis perseguida que as relacións sáficas, ao non xirar estas ao redor dunha figura masculina. Esta invisibilidade nas relacións entre mulleres entrarían dentro do que Ana Clark chama “momentos crepusculares”, relacións que ocorren sen ser recoñecidas ou nomeadas, que nin foron aceptadas nin estigmatizada e que se trataban de maneira alusiva e non directa. Ao ser relevante o comportamento da muller en canto concirne ao home, este invisibilízase, de igual maneira que ocorre cas fontes, pudendo darlle á muller certa vantaxe ao non ser o punto de mira e poder experimentar a súa sexualidade na privacidade dunha maneira máis íntima, discreta e libre. Esta invisibilidade podería permitir que actividades sexuais alleas ao matrimonio floreceran á marxe da regulación, e podemos velo reflexado en distintas fontes. Temos como evidencia o rexistro dun médico que recolleu prácticas sodomíticas entre mulleres de comerciantes italianos que usaban “dildos” entre elas durante a ausencia dos seus maridos, supostamente para non ter un amante home e non embarazarse. Se acudimos a relatos literarios que traten relacións entre mulleres, nos atopamos que moitos serían escritos por homes e as súas fantasías masculinas, polo que non serían tan útiles para comprender as experiencias femininas, pero si como o home as entendía, como por exemplo no romance catalán Tirante el Blanco, que ademais de tratar un 14 Karras, R. M. (2012). Sexuality in medieval Europe : doing unto others (2nd ed.). Routledge. tema pouco abordado, presentaría personaxes femininos con desexos propios. As fontes literarias poden proporcionar rica información sobre a realidade cotiá e íntima, pero fontes máis directas coma as cartas ou rexistros xudiciais nos demostran e comproban a existencia de tales relacións, normalmente ignoradas. Temos o caso de Katherina Hetzeldorfer, muller asasinada no 1477 por manter relacións cun consolador con arnés, sendo condenada non por ter unha “relación homosexual”, senón por transgredir e usurpar o rol dun home. Katherine sería a primeira muller da que temos rexistro de ser condenada por manter relacións con outra muller, comparado cas abundantes execucións rexistradas por sodomía15. Así, os procesamentos eran claras evidencias, aínda que non tan abundantes, xa que serían difíciles de comprobar e porque tampouco serían a preocupación primordial da Igrexa fronte a outro tipo de prácticas sexuais, pero evidenciando tamén que claramente tampouco tiñan un claro privilexio de despreocupación e liberdade sexual. Serían fontes como as cartas nas que vemos esas relacións e amor entre mulleres, pero temos que ter coidado ao analizalas, xa que adoitamos interpretar unha linguaxe pasional como erótica, cando as relacións de amizade daquela, tanto entre homes como mulleres, adoitaban ser dunha intensidade normalizada. Non obstante, iso non implica que haxa que asumir que toda correspondencia afectiva entre mulleres fora de amizade, estas supoñían riscos de vergonza, penitencia e castigos, polo que sería normal que a linguaxe fose suavizada para evitar sospeitas, polo que hai que ter isto en conta antes de tachalas como tal. Sería difícil acudir a correspondencia sentimental entre mulleres, porque a maiores da discreción, tampouco habería interese en que fosen conservadas. Non obstante, temos unha clara evidencia, correspondencia probablemente procedente de monxas dun convento feminino, que o fai moito máis curioso, recollidas no manuscrito monástico “Clm 19411” do século XII, como parte dos Tegernseer Liebesbriefe (Cartas de Amor de Tegernsee). Nestas cartas se evidencia un case evidente matiz erótico ou dunha relación exclusiva e romántica, evidenciados en fragmentos como “Cando lembro os bicos que me deches, e con que palabras de ledicia me acariciabas os meus peitos, desexo morrer por non poder verte” ou “Desde que tiven que estar sen a túa doce presenza, non quixen escoitar nin ver a ningunha outra persoa, mais como a tórtola, que perdeu a súa parella, se pousa para sempre na súa póla seca (...) Miro arredor e non atopo á miña amada”. Non obstante, hai historiadores rexeiten tal relación sentimental, como Caroline Bynum, que diría que chegar a tal conclusión é resultado dunha análise sexualizadora de tales experiencias relixiosas e afectivas como a maternidade, ou Peter Dronke e John Boswell, que o meterían dentro da tradición da amizade espiritual16. Pero se estas cartas foron escritas en comunidades relixiosas onde se promovían vidas sexualmente restrinxidas ou asexuais, e eran completamente conscientes da intimidade resultante dos bicos ou dos senos femininos, tanto que fontes coma esta foron evidencias e usadas como probas para xulgar e condenar ás súas protagonistas, por que afirmar que é arriscado asumir unha relación amorosa entre elas? Non sería aínda más rebuscando asumir que non a hai? Karras, R. M. (2012). Sexuality in medieval Europe : doing unto others (2nd ed.). Routledge. Paylor, I. (2019). Searching for Medieval Lesbianism and" Lesbianistic Intimacy" Within Asexual Christian Religious Orders of the Middle Ages: G. unice sue rose and C. super mel et favum dulciori. 15 16 5. Desafíos metodolóxicos: fontes e reinterpretacións Todo isto tratado tiña o obxectivo de desmantelar as narrativas asumidas sobre a vida da muller plena e baixo medieval, unha temática moi recorrente pero pouco cuestionada. É preocupante a aceptación que hai sobre a desinformación da súa realidade, tomando as fontes masculinas como as fiables sen rastro de dúbida, transmitindo ao mundo unha imaxe de debilidade e incapacidade. É innegable a situación de desvantaxe da que partimos cas fontes de autorías femininas, sen dúbida escasas, pero para nada inexistentes, polo que os historiadores teriamos a función de recoñecer as súas voces e estudalas, non ser partícipes nesa marxinación. Aínda que as fontes primarias femininas sexan limitadas, non significa que teñamos que fiarnos completamente das masculinas, que aínda que si aporten información, están marcadas cunha intencionalidade. Polo que é difícil determinar que posición debe tomar o historiador, pero esta claro que non indagar máis alá da superficie das fontes nin integrar as mulleres na historia, tratándoas como suxeitos alleos, non é a solución. Non podemos englobar un colectivo enteiro que supón case a metade da poboación sen atender ás diferenzas rexionais, sociais ou económicas: a vida dunha muller campesiña non foi a mesma que a dunha aristócrata, e ambas estarían sometidas a tendencias cambiantes abstractas ante as cales non tiñan voz. Reducir a súa existencia durante un período tan grande simplemente a unha vida de submisión, baseándonos unicamente no que se lle impoñía é realizar afirmacións inxustas e vagas. Con isto non tento defender que a muller vivise allea a esa opresión, pero poño en cuestión esa narrativa vitimista que a reduce a un ser pasivo e impasible que se conforma co que se demandaba dela. Xa non só atendendo ás propias autoras baixomedievais, como Christine de Pizan, podemos ver ese carácter reaccionario, pero aplicando novos enfoques poderíamos achegarnos máis a como elas mesmas entendían as súas experiencias e posibilidades dentro do seu contexto legal e individual. Así podemos chegar a afirmacións tan básicas como que o matrimonio non era algo necesariamente prexudicial para todas as mulleres, que eran capaces de exercer a súa influencia para conseguir os seus obxectivos, que podían decidir por elas mesmas en tanto que o sistema legal llo permitise e que podería experimentar na súa vida privada con creatividade, creando espazos de autonomía e de negociación de pracer. Conclusións como estas só son posibles se sometemos a revisión crítica as narrativas tradicionalmente aceptadas, cuestionando os mecanismos políticos e mentais que os homes empregaban para manter e exercer o seu poder sobre as mulleres, así como os efectos reais que estes terían nas súas vidas. Estudar como a muller vivía a súa sentimentalidade ou sexualidade é moi difícil ante a delicadeza das fontes. É fundamental aplicar con coidado conceptos como “lésbico” ou “sexual” a distintos contextos cronolóxicos e culturais, mais isto non debe levarnos a un extremo de prudencia que acabe provocando unha dobre invisibilidade. A sexualidade ten, sen dúbida, un compoñente cultural que require unha análise contextualizada, pero iso non xustifica un escepticismo excesivo que rexeite sistematicamente calquera evidencia de experiencias sexuais femininas ou entre mulleres, coma se houbese unha resistencia interpretativa de admitir que efectivamente hai fontes que demostran a existencia destas relacións, como as afirmacións antes mencionadas de Caroline Bynum. Afirmar isto non é facer afirmacións radicais como que todas as mulleres que entrasen en conventos eran con fins homosexuais, que é o que parece temer parte da historiografía actual, trátase simplemente de aceptar a existencia destas vivencias cando as fontes as documentan con tanta claridade. A actitude excesivamente cautelosa ou directamente negacionista de moitos historiadores, que consideran estas interpretacións como excesivamente arriscadas, resulta, en ocasións, máis forzada que recoñecer o que as fontes insinúan ou mesmo expoñen abertamente. Este tipo de enfoques contribúe, unha vez máis, a silenciar experiencias que xa foron historicamente ignoradas. É por iso que a historiografía ten a responsabilidade de reler criticamente as fontes e de recoñecer as realidades que foron silenciadas no seu tempo, para evitar seguir excluíndoas na propia Historia. Non necesitamos sempre evidencias explícitas para deducir que algo sucedeu, pero se nota certa reticencia para admitir a existencia de tales relacións, que tampouco teñen porque ser exclusivamente sexuais. Hai conflito ao aplicar termos contemporáneos a experiencias pasadas, e, ante isto, Isabelle Paylor, ao analizar as cartas antes mencionadas, propoñería o termo “intimidade lésbica”17, que busca evitar o anacronismo e definir as relacións afectivas e sexuais entre mulleres medievais a partir dos propios rexistros históricos. Este concepto inclúe elementos como dependencia, afecto, romance, apego, atracción sexual ou espiritualidade compartida, centrándose nos lazos emocionais e eróticos entre mulleres, sen esixir unha expresión sexual explícita nin reducilo todo ao estilo de vida. Por iso, é necesario prestarlle atención ás interpretacións que se lle dá as fontes, poñelas baixo cuestión e plantexar novos enfoques ou liñas de investigación. Así, teorías actuais como os estudos de xénero ou os estudos queer pódennos axudar a entender a construción de identidades, sempre aplicándoos con moito coidado, xa que non medievo non existiría como tal unha conciencia de identidade ou de orientación sexual. A sexualidade, o xénero, ou incluso o sexo, son culturais, non son naturalmente innatos, polo que hai que analizalos no seu contexto e non impoñer as nosas concepcións en experiencias pasadas, porque probablemente non sexan xustas. Non obstante, estudos como o de xénero poderían axudarnos a comprender esa subordinación feminina ante a masculina e as relacións de poder e os seus mecanismos, integrándoa sempre na mesma Historia e non tratándoo como un recorrido independente dentro desta. O termo queer, en sentido básico, significa retar as normas, polo que calquera que estivera fóra das expectacións culturais podería ser identificado como tal, pero o importante desta teoría é que podería significar unha nova maneira de mirar aos textos medievais rexeitando a heteronormatividade contemporánea, achegándose a un texto medieval sen asumir nada sobre os seus axentes e accións heterosexuais e envolventes ao home, para poder conseguir novos entendementos sobre temas xa tratados. 6. Conclusión A muller medieval enfrontouse a unha opresión sistemática baixo a confluencia do feudalismo e o patriarcado, sustentada por xustificacións culturais e relixiosas herdadas da Antigüidade. Aínda que subordinada legal e socialmente, non foi unha figura pasiva: aproveitou Paylor, I. (2019). Searching for Medieval Lesbianism and" Lesbianistic Intimacy" Within Asexual Christian Religious Orders of the Middle Ages: G. unice sue rose and C. super mel et favum dulciori. 17 espazos de autonomía no monaquismo, na influencia familiar ou en estratexias para negociar a súa posición, desafiando a narrativa de vítima impotente. A súa realidade foi complexa e diversa, marcada polas contradicións da lóxica medieval como a regulación da prostitución ou a coexistencia de normas morais rigorosas con prácticas íntimas alén do prescrito. Ante isto, a historiografía debe desmontar os filtros patriarcais e asumir unha lectura crítica que recoñeza a axencia feminina, evitando anacronismos pero sen invisibilizar experiencias afectivas ou sexuais xa silenciadas de por si. A solución non está nin na negación absoluta das fontes masculinas nin na idealización das voces femininas, senón en novos enfoques que permitan desvelar as dinámicas de poder e resiliencia que definiron a vida das mulleres, máis alá da simplificación reducionista da mera submisión. Bibliografía - - - - - Bazán Díaz, I. (2008). La violencia legal del sistema penal medieval ejercida contra las mujeres. Clío & Crimen: Revista del Centro de Historia del Crimen de Durango, (5), 203–227. Graíño, C. S. (2008). La violencia sobre las mujeres en la Edad Media: estado de la cuestión. Clío & Crimen: Revista del Centro de Historia del Crimen de Durango, (5), 24–38. Ibáñez Adán, Y. (2020). Mujeres públicas: la necesidad del pecado en la Baja Edad Media [Trabajo de Fin de Grado, Universidad de Zaragoza]. Zaguán - Repositorio Institucional de la Universidad de Zaragoza. https://zaguan.unizar.es/record/94649Zaguan Karras, R. M. (2012). Sexuality in medieval Europe: Doing unto others (2nd ed.). Routledge. Martínez, A. V. (2010). "La ciudad de las damas" de Christine de Pizan: obra clave de la Querella de las Mujeres. En La Querella de las mujeres: Análisis de textos (pp. 21–47). Asociación Cultural Al-Mudayna. Mínguez, C. G. (2008). Sobre historia de las mujeres y violencia de género. Clío & Crimen: Revista del Centro de Historia del Crimen de Durango, (5), 13–23. Moral de Calatrava, P. (2008). La mujer imaginada: La construcción cultural del cuerpo femenino en la Edad Media. Nausícaä. - - Paylor, I. (2019). Searching for medieval lesbianism and "lesbianistic intimacy" within asexual Christian religious orders of the Middle Ages: G.unice sue rose and C.super mel et favum dulciori. [Honors thesis, Clackamas High School]. PDXScholar. https://pdxscholar.library.pdx.edu/younghistorians/2019/oralpres/27 Phillips, K. M. (2013). A cultural history of women in the Middle Ages. Bloomsbury Academic.
0
Puede agregar este documento a su colección de estudio (s)
Iniciar sesión Disponible sólo para usuarios autorizadosPuede agregar este documento a su lista guardada
Iniciar sesión Disponible sólo para usuarios autorizados(Para quejas, use otra forma )