Bloque 1.2. Roma Contexto histórico e artístico No mundo da arte, Roma bebe da tradición grega, que vai sumar á súa herdanza etrusca. Xunto con estas influencias, a arte romana presenta unha personalidade clara, na que destaca o seu carácter práctico e técnico, especialmente na súa concepción da arquitectura e do urbanismo, onde a enxeñaría xoga un papel fundamental. Xunto con Grecia establece a cultura clásica, debendo ter en conta o papel do latín, o dereito romano ou a difusión do cristianismo na última etapa do imperio. A finais do século VIII a.C., a Península Itálica estaba habitada por diferentes pobos: ligures, etruscos, samnitas, sabinos e latinos. Estes dous últimos fundaron, no ano 753 a.C., un poboado, Roma. Esta cidade converteuse co tempo en capital dun vasto imperio. A historia de Roma divídese en tres grandes períodos: -Monarquía (753-509 a.C.): etapa escura gobernada por reis, os tres últimos de orixe etrusca, pobo estranxeiro que entre os séculos VIII e VI a.C. habitou a zona da actual Toscana e deixou unha fonda pegada artística na evolución da arte romana. -República (509 - 31 a. C.): etapa de conquista, de expansión e consolidación do poder tanto pola Península Italiana como polo Mediterráneo. O enfrontamento coa potencia do momento, Cartago, nas Guerras Púnicas (264-146 a. C.) e a vitoria romana sobre ela posibilitou a formación dun vasto imperio, grazas a un exército profesional. Roma era un Estado forte e ben organizado, dominado pola aristocracia patricia desde o Senado. Este período caracterízase polo desenvolvemento do latifundismo e o escravismo. Na arte é notable a influencia grega. Os últimos anos contemplan o crecemento do poder persoal (Xulio César). -Imperio (31 a. C. - 476 d. C.). Os primeiros tres séculos comprenden unha etapa de gran esplendor, liderada polos distintos emperadores que representaban todos os poderes (político, militar, relixioso,...). O imperio 1 continúa a expansión territorial da República ata os emperadores Traxano e Adriano. Consolidouse un modelo urbano (a cidade centro económico, político, relixioso, administrativo e cultural) baseado no traballo escravo e cuxas actividades económicas destacadas eran a agricultura, a artesanía e o comercio. Roma creou unha sólida estrutura social, xurídica, política e comercial que impuxo a todos os territorios conquistados, sobre todo na parte occidental. Para isto serviuse dos seus exércitos, da administración, e das vías de comunicación. Todo o Mediterráneo (Mare Nostrum) quedou baixo o mesmo poder, o Estado de Roma: impúxose a mesma lingua (latín), a mesma Lei (Dereito romano), levantáronse as mesmas construcións tanto públicas (estradas, pontes, termas, teatros, arcos de triunfo, acuedutos, etc.) como privadas, a mesma arte. A partir do século III, podemos falar de disgregación, crise e caída do Imperio e do modelo escravista. Ao mesmo tempo prodúcese a chegada dos pobos bárbaros ao limes do imperio e o desprazamento do centro de gravidade deste cara Oriente (división de Teodosio no ano 395). A relixión na historia de Roma coñeceu unha importante evolución no tempo que condicionou os temas escultóricos e a arquitectura relixiosa (templos). Podemos resumila do seguinte xeito: • Imitación da relixión grega: mesmos deuses con distintos nomes. • Crise relixiosa e entrada de deuses orientais (Isis, Mitra,. ..) • Triunfo do Cristianismo no s. IV d. C.: proclamación do Cristianismo como única relixión oficial do Imperio (primeiro Constantino co Edicto de Milán de 313 recoñeceu a tolerancia relixiosa; e Teodosio no ano 380 co Edicto de Tesalónica nomea ao cristianismo como relixión oficial do Imperio romano). 2 Para a contextualización das obras hispano-romanas debemos lembrar que Roma comezou a conquista da Península Ibérica no 218 a. C. durante a etapa da República. A conquista total non rematou ata o 19 a. C., xa en época imperial (Guerras cántabras). A este período pertencen dúas das obras a estudar: o Teatro de Mérida e o Acueduto de Segovia. Hispania converteuse nunha provincia máis do Imperio Romano e unha das áreas máis romanizadas do Mare Nostrum. Obras como acuedutos, teatros, anfiteatros, pontes, calzadas, murallas, etc., contribuíron á romanización. A arte romana bebeu de diversas influencias, especialmente a etrusca, que achega o uso do arco, da bóveda e a disposición do templo. A influencia grega é enorme e percíbese no uso das ordes clásicas e nas técnicas escultóricas e arquitectónicas. Porén, a arte romana conta con aspectos propios moi relevantes, destacando un maior pragmatismo que en Grecia e que leva a unha arquitectura práctica guiada pola enxeñería na que atopamos pontes, acuedutos, recintos de espectáculos, etc. Por este carácter pragmático observamos tamén a aparición de retratos fieis na escultura, nos que desaparece a idealización da beleza. Existe en Roma unha tendencia á grandiosidade e monumentalidade nas súas obras, dado que a arte ten un carácter propagandístico que busca mostrar a superioridade da civilización romana sobre os pobos sometidos. A arquitectura foi a manifestación artística máis importante de Roma. A diferencia da grega, a arquitectura romana é abovedada e desenvolve novidosos sistemas de contrarresto: incorpora o uso sistemático do arco de medio punto, e da bóveda de canón e de aresta. Xunto coas ordes gregas tradicionais (dórica, xónica e corintia), Roma engade a orde toscana, de orixe etrusca, e a orde composta, creación orixinal da arte romana que consiste en mesturar elementos do capital xónico (volutas) e do corintio (follas de acanto) Roma coida e potencia o espazo interno e prioriza a función e utilidade das obras. Entre os principais edificios podemos destacar os relixiosos, como os templos rectangulares (Maison Carrèe e Templo de Portunus como exemplos disto) e o caso singular do Panteón de Agripa. Levantaron edificios civís tales como as basílicas, termas, circos, estadios, teatros (como o de Mérida) e anfiteatros (como o Coliseo). Realizaron tamén grandes 3 monumentos conmemorativos e funerarios como a Columna Traxana e o Arco do Triunfo de Tito. Asemade, resultaron fundamentais as obras públicas como acuedutos (destacando o de Segovia), pontes, calzadas, ou na nosa contorna faros como o da Torre de Hércules. Nos materiais preferidos, os romanos construíron a maior parte dos seus edificios con pedra e ladrillo, pero a partir do século II a. C. tamén utilizaron a mármore para as columnas e os revestimentos de luxo. Empregaron tamén novos tipos de paramento para levantar muros, destacando o opus caementicium, realizado cunha mestura de pedras pequenas, grava, area, cal e auga. Era equiparable ao formigón actual e permitía cubrir grandes espazos. Na escultura a influencia grega é evidente na representación de temas mitolóxicos, máis os romanos desenvolveron tamén unha tradición realista e cotiá, co desenvolvemento do retrato (tanto en forma de busto, como de figura de corpo enteiro e tamén como estatua ecuestre) e do relevo narrativo. Salientan exemplos como o Augusto Prima Porta ou a estatua ecuestre de Marco Aurelio. O concepto de realismo asóciase á conciencia histórica do pobo romano, motivo polo houbo predilección polo retrato e polas escenas cotiás e bélicas. Na pintura a técnica máis empregada foi a mural ao fresco, máis apenas se conservaron obras debido á súa fraxilidade. Os romanos tamén empregaron con frecuencia a técnica dos mosaicos, xeralmente nos pavimentos, con ricas mármores de cores e teselas de vidro. 4 O Panteón de Roma 1. Clasificación: Panteón de Roma ou Panteón de Agripa. Templo romano (Campo de Marte, Roma). Cronoloxía: 118-125 d.C.. Autor descoñecido (atribuído a Apolodoro de Damasco). Estilo romano imperial. 2. Contexto histórico-artístico: etapa imperial e arquitectura. Xunto co anterior, teñamos en conta a seguinte información. A construción do Panteón arrinca dos comezos do imperio romano, en época de Augusto, cando o seu xenro Agripa ordenara a súa construción. O rótulo da entrada sinala como data de construción o ano 27. A obra sufriu incendios no ano 80 e en época de Traxano, e foi reconstruído por orde do emperador Adriano no século II. 3. Análise e comentario O Panteón posúe unha planta de plan central dominada por unha rotonda estilo tholos. Esta tipoloxía de planta xa era empregada polos gregos, aínda que non era frecuente na arquitectura grega nin na romana. A planta está precedida por un pórtico rectangular, asentado sobre un crepidoma de cinco chanzos. O pórtico é octástilo, e conta con catro pares de columnas de orde corintio, monolíticas e de granito, que dividen o espazo do pórtico en tres naves. As columnas sosteñen un entaboamento liso, coa inscrición do templo de Agripa, coroado por un frontón triangular. Tralo pórtico levántase o corpo de transición (o propylon), que se une ao tambor que sostén a cúpula hemisférica da cela. Accédese á cela a través de xigantescas portas de bronce, flanqueadas por dous nichos ou concavidades que pechan as naves laterais. 5 Na cela ábrense nichos rectangulares e semicirculares, que se alternan ritmicamente e presentan columnas exentas. Entre os nichos e diante deles apreciamos distintos fornelos, nos que, ao igual que nos nichos, acóllense estatuas de divindades. Sobre o tambor levántase a cúpula cunha altura de 43 metros, coroada por un óculo de 9 metros de diámetro e que serve á vez para iluminación e ventilación. A luz que penetra no edificio debuxa un disco solar que se despraza lentamente polo interior: isto representa a bóveda celeste e amosa a unidade cósmica deste lugar, reflexo dunha Roma que se vía a si mesma como centro do universo. No interior do edificio podería acollerse unha esfera perfecta, mostrando a gran xeometrización do edificio. O interior da cúpula ocúpase por cinco ringleiras de casetóns que van diminuíndo o seu tamaño coa altura, á vez que o muro reduce o seu espesor. O pavimento está policromado e é lixeiramente convexo, tendo a finalidade de evacuar a auga que entra polo óculo os días de chuvia. A cúpula é un fito construtivo: polas súas medidas e polo seu enorme é a maior do seu tampo. Os problemas que presentaba o seu asentamento supuxeron un reto que demostra o enorme nivel técnico dos construtores romanos. Podemos analizalo revisando as necesidades e solucións creadas para lograr manter en pe a enorme cúpula: • Foi preciso contar cunha poderosa base, por iso o poderoso anel mural de 6 m de grosor realizado en formigón, entre dúas paredes de ladrillo. • Ese anel reforzouse para concentrar e apuntalar os empuxes laterais (as cúpulas empuxan cara ao exterior). Isto conséguese por dous medios: os arcos de descarga de ladrillo e os grosos machóns. Os primeiros quedan ocultos no muro e dispostos sobre as exedras interiores, é dicir, entre os piares, de xeito que os empuxes van directamente sobre estes grosos machóns de 6 m de grosor, que quedan ocultos dentro do anel do muro. Son eles os auténticos soportes do peso da cúpula. • A parte inferior da cúpula queda embutida no muro, que actúa así como un contraforte. Isto fai que exteriormente non se vexa como unha media esfera. 6 • Procurouse alixeirar o peso da cúpula construíndoa cun dobre muro paralelo recheo de materiais liviáns (escoura volcánica, ánforas de cerámica, etc.), máis liviáns a maior altura (abaixo, ladrillos de toba, e arriba, pedra pómez). Diminuíuse tamén o grosor en altura, de tal xeito que partindo do grosor do cilindro, 6 m, a nivel do óculo só hai 1'5 m de espesor. Finalmente, os casetóns recortados e afundidos eliminan material no casquete. Este sistema perfectamente estudado no reparto de cargas non só explica a ausencia de contrafortes exteriores, senón que fai posible que os seus autores se permitan o luxo de abrir no muro, cara ao interior, un total de oito vans das exedras e a porta, entre os piares, e aínda baleirar o núcleo dos mesmos machóns e abrir alí cámaras semicirculares. A espectacularidade deste espazo subliña un cambio conceptual: por primeira vez na arquitectura clásica ten maior importancia o interior que o exterior. A suma do trazado circular da planta e a esfericidade da cúpula xeran unha sensación espacial única e chea de harmonía. É un espazo práctico e funcional: as persoas poden acceder a el. Pola súa banda, a cúpula debíase recubrir con tellas de bronce dourado, escintilantes coa luz e que habían alterar enormemente a imaxe actual, espida e descarnada. O exterior é moito máis simple dado que orixinariamente o Panteón tiña que estar rodeado por unha praza porticada que só permitiría ver o pórtico de entrada. O Panteón foi usado como templo dedicado aos deuses protectores da gens Julia, a familia ligada a Xullo César e da que saíu a primeira dinastía de emperadores. Tiña polo tanto a función de subliñar a protección dos deuses sobre o estado romano, aliando así o relixioso e o político, a través da monumentalidade da arte e da súa función propagandística. Trala caída do imperio romano foi reconvertido en templo cristián, dedicado a Santa María ad martyres. O seu uso continuado no tempo explica o seu bo estado de conservación. Tamén foi utilizado como sepulcro de grandes artistas italianos (como Rafael Sanzio), e dos primeiros reis da Italia unificada no século XIX. Na actualidade é Patrimonio da Humanidade e é un dos principais reclamos turísticos de Roma. 7 A nivel de modelos e influencias, inspírase nos templos circulares (tholos) xa empregados por Grecia. A transcendencia da cúpula do Panteón na arquitectura occidental foi enorme: Brunelleschi estudiouna para a construción da cúpula do Duomo en Florencia; tamén serviu de modelo a Bramante para San Pietro in Montorio. Michaelangelo tomouna como referencia para a cúpula da Basílica de San Pedro, e Palladio para Villa Capra. 8 O Coliseo 1. Clasificación: Coliseo ou Anfiteatro Flavio. Século I d. C. (70 –80 d.C.). Autor descoñecido (encargado polo emperador Vespasiano pero inaugurado polo seu fillo, Tito). Estilo romano imperial. O descoñecemento do autor obedece a que o propósito da obra era propagandístico: engrandecer aos promotores, os emperadores Flavios, e non aos construtores involucrados. 2. Contexto histórico-artístico: etapa imperial e arquitectura. Xunto co anterior, teñamos en conta a seguinte información. A construción do Coliseo obedece á desaparición do anterior anfiteatro no incendio de Nerón, no 64 d.C. Construíuse sobre as ruínas do gran parque creado por Nerón arredor de seu palacio, a Domus Aurea. Nas inmediacións do palacio existía unha estatua colosal do Emperador (Nerón), que lle deu o seu nome máis coñecido ao anfiteatro Flavio. Estaba feita de bronce, tiña uns 31 metros de altura e atribúese ao arquitecto grego Zenodorus. A estatua foi destruída trala caída de Roma. O pedestal mantívose ata 1936, cando foi destruído por orde de Mussolini porque lle molestaba para crear a Vía do Imperio Romano (más tarde Vía dos Foros Imperiais). 3. Análise e comentario O Coliseo é un anfiteatro e, como tal, a súa arquitectura está deseñada para o ocio e a diversión. Servía para representar espectáculos públicos, habitualmente sanguentos: loitas de gladiadores, venationes (espectáculos con animais salvaxes), e mesmo naumaquias (batallas navais). De planta é elíptica, o Coliseo chegaba aos 50 metros de altura, medía 188 metros no eixo máis longo, 156 no máis curto e 524 metros de diámetro. Como anfiteatro, é o resultado de unir dous teatros pola frons scenae (ou escena), que desaparece. O edificio resultante dispón de gran amplitude e os espectáculos poden gozar 9 de boa visibilidade dende calquera punto. No centro da planta está a arena, onde tiña lugar o espectáculo, e arredor a cávea, o lugar onde se situaban as bancadas de espectadores, chegando a acoller 50.000 individuos. A cávea tiña unha marcada estratificación social: o emperador e o seu séquito contaban cun pulvinar ou tribuna propia. No espazo máis preto da arena estaban tamén os senadores, maxistrados e sacerdotes. A continuación, e ao longo de 80 fileiras ían aristócratas (maienianium primum), cidadáns (maienianum secundum) e, finalmente, as mulleres máis humildes (maienianum summum in ligneis). O aceso tiña lugar a través dos arcos do piso inferior, e as comunicacións entre cada nivel realizábanse por escaleiras e ramplas que daban aceso ás bancadas a través dunhas portas chamadas vomitorium (en plural, vomitoria). A entrada aos espectáculos era libre e gratuíta (pagábanos as elites romanas, e en particular os emperadores) e tiña como finalidade distraer e divertir á plebe para evitar que se interesase por cuestións económicas e políticas (panem et circenses). En relación cos espectáculos, na arena existían dúas grandes portas: á dereita estaba a porta triunfal (sobre a que se colocou unha monumental cuadriga coa efixie do Emperador), e á esquerda estaba a Libitinaria, pola que saían as vítimas. Debaixo da arena, no subsolo, achábase unha complexa obra de ladrillos que, a máis de albergar as distintas dependencias e celas dos animais, estaba dotado cun sistema impermeabilizado de condución de auga, capaz de transformar a arena nunha grande piscina. Existía tamén un complexo sistema de poleas e portas ocultas para que fose posible que aparecesen feras e gladiadores en calquera punto da arena e sorprender así aos espectadores. No alzado superpóñense as ordes arquitectónicas toscana, xónica e corintia. En tempos de Tito engadiuse un cuarto piso, de orde composta. Cada un dos pisos conta cuns 80 arcos con lintel. A superposición de ordes é unha homenaxe á arquitectura grega, namentres que a combinación de arquitectura abovedada e alintelada é característica da romana. Un sistema de poleas e mastros, apoiados en 240 ménsulas no último nivel permitían instalar toldos (velarium) que protexían do sol ou do mal tempo aos espectadores. Este sistema debía ser complexo de manexar, xa que para a súa manobra tiñan que vir mariñeiros da base naval de Misenum. 10 En canto aos materiais empregados, no Coliseo utilizouse formigón (opus caementicium), ladrillo, travertino, pedra caliza e toba. Existía cobertura de mármores luxosos, que xa non están presentes na actualidade. O estado de conservación do edificio obedece á súa historia: trala caída do imperio romano (476 d.C.) o Coliseo tivo distintas funcións: prisión, fortaleza, sede relixiosa, canteira de materiais construtivos... O papa Clemente X, no século XVII, declarouno santuario cristián dedicado á Paixón de Cristo (en homenaxe aos supostos mártires cristiáns que terían sido sacrificados alí, no espectáculo-execución coñecido como damnatio ad bestias). En canto a modelos e influencias, o anfiteatro, cuxa planta elíptica xorde da unión de dous teatros gregos, foi unha tipoloxía orixinal do imperio romano. Existiron moitos anfiteatros no imperio, destacando os de Nimes, Pompeia, e Tarragona , máis ningún tivo as dimensións ou a popularidade do anfiteatro Flavio. Declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, na actualidade é un dos principais símbolos da Roma Imperial, símbolo das capacidades de enxeñería romana. Numerosos recintos de espectáculos actuais (como o de A Coruña) reciben o seu nome do Coliseo. Igualmente, a superposición de ordes nos diferentes pisos foi imitada por arquitectos do Renacemento (como Alberti no seu Palacio Rucellai, en Florencia) e do Barroco. 11 Arco de triunfo de Tito 1. Clasificación: arco do triunfo de Tito. Século I d. C. (ano 81 d.C.). Autor descoñecido, encargado por Domiciano en honra do seu irmán, Tito. Estilo romano imperial. 2. Contexto histórico-artístico: etapa imperial, trazos xerais da arte e arquitectura. Xunto co anterior, teñamos en conta a seguinte información. Os arcos de triunfo son monumentos conmemorativos destinados a enxalzar as xestas e fazañas dos emperadores de Roma. Son o mellor exemplo de arte ao servizo da política, da grandeza e o poder do Imperio romano. Os arcos de triunfo foron evolucionando e facéndose máis decorativos. Os máis simples, como o de Tito, tiñan un só arco de medio punto, e os máis complexos presentaban tres arcos de medio punto, sendo o central máis alto e ancho que os laterais (como ocorre no de Constantino). O de Tito é o arco de triunfo conservado máis antigo de Roma. Atópase na Vía Sacra a carón do Foro e do anfiteatro Flavio. Construído baixo a dinastía Flavia, este arco foi erixido por orde do Senado e do pobo de roma (Senatus Populuque Romanus, SPQR) en tempos do emperador Domiciano. A finalidade era a de conmemorar as vitorias do seu irmán Tito en Xudea, que falecera no ano 81, despois dun breve mandato de dous anos e medio. O Imperio está xa consolidado e a arte é un medio de propaganda. A Dinastía Flavia (Vespasiano, Tito e Domiciano) pertence a etapa de esplendor da historia de Roma, sendo un momento de grande actividade construtiva. 3. Análise e comentario Atopámonos ante un xigantesco arco monumental (15,4 metros de altura) que arranca dun podio e que se sustenta en dous grandes piares. Nestes piares distínguense dúas semicolumnas adosadas en cada lado, de orde composta e apoiadas en zócalos. Entre os piares sitúase o arco, cunha ménsula no centro e bóveda de canón no interior, na que se aprecian casetóns. Nas enxutas (os dous espazos triangulares que se forman entre o entaboamento e o arco) aprécianse dúas esculturas en relevo de vitorias aladas. 12 Na parte superior temos o entaboamento, con arquitrabe, frixo con relevo escultórico e cornixa. Por riba do entaboamento sitúase unha grande estrutura horizontal, o ático, no que salienta unha grande epigrafía central que, traducida, di o seguinte: O Senado e o pobo de Roma ao divino Tito Vespasiano Augusto, fillo do divino Vespasiano. A decoración escultórica é sobria no exterior, limitándose ao frixo, no que se representa a entrada triunfal das tropas, ás enxutas e á ménsula. Por contra, é relevante e abundante no interior: os dous frisos laterais contan con altorrelevos de carácter histórico situados en grandes paneis rectangulares, que representan o desfile triunfal de Tito en Roma trala conquista de Xerusalén. Os relevos estarían orixinalmente policromados. No friso do lado dereito (norte) podemos ver a Tito montado nunha cuadriga que dirixe unha alegoría de Roma como divindade, e da que tiran catro cabalos. Nela, o emperador é coroado con loureiros pola Vitoria. Diante da cuadriga sitúanse os lictores, que portan os fasces ou feixes de varas que representan a súa autoridade, e tras ela van dúas figuras (genii) que representan ao Senado, ao pobo de Roma e á Virtude. No lado sur (esquerdo) represéntase o avance dos soldados romanos que se dispoñen a atravesar a Porta Triumphalis (onde comezaba a ruta do desfile triunfal). Portan os principais tesouros obtidos no saqueo de Xerusalén: a Menorá, o candelabro dos sete brazos (centro de atención e tallado en relevo profundo), a Mesa do Pan (onde se colocaban doce panes santos que se substituían cada sete días, e que só os sacerdotes podían comer) forrada de ouro para os pans consagrados, e as trompetas de prata coas que se chama á loita. No centro da bóveda, decorada con casetóns, atópase unha representación de Tito en apoteose, deificado e ascendendo aos ceos dende a súa pira funeraria sobre unha enorme aguia (símbolo do deus Xúpiter, e de Roma). Os relevos deste arco de triunfo son unha das mellores testemuñas da arte oficial dos Flavios. Recordan aos relevos da Ara Pacis Augusta, e tamén aos helenísticos. Conséguense efectos pictóricos, como a profundidade por medio da gradación do relevo. Os romanos foron auténticos mestres do relevo histórico. 13 O arco, de finalidade propagandística, ilustra o destino reservado aos pobos que se rebelaban, así como a importancia dos triunfos militares no prestixio das elites romanas. Tito acabou coa rebelión xudea no ano 70, case unha década antes de ser emperador. Saqueou Xerusalén e destruíu case por completo o Segundo Templo, do que só queda o Muro das Lamentacións como vestixio. Durante a Idade Media, a familia dos Frangipane converteu o Coliseo en fortaleza e empregou o Arco de Tito como torre fortificada incorporada á muralla medieval. No século XIX (1823) o monumento recuperou o seu esplendor grazas á restauración levada a cabo por encargo do Papa Pío VII, que o liberou da estrutura medieval tal e como indica a inscrición que dá cara ao lado do Foro. En canto a modelos e influencias, exipcios, asirios e persas xa ornamentaban os seus edificios con relevos que narraban episodios históricos e campañas militares. A tradición de construír arcos para conmemorar vitorias militares remóntase á Roma antiga e constitúe unha das creacións máis orixinais da súa arte. En tempos da República estes arcos conmemorativos eran estruturas provisionais, ornamentadas con trofeos e botíns das armas capturadas. Progresivamente, foron construíndose con materiais perdurables de maior calidade, e embelecidos con decoración destinada a conservar na memoria personaxes ilustres, glorificando triunfos militares. Exemplos disto son o Arco de Constantino ou o de Septimio Severo. O Arco de Tito inspirou no Renacemento a fachada de Santo André de Mantua, proxectada por Alberti. En séculos posteriores, especialmente a través do Neoclasicismo, foi unha tipoloxía moi apreciada, con exemplos como o do Arco do Triunfo de París, de 1806. Igualmente, a arte contemporánea danos mostras da influencia con obras como o Arco da Défense, construído en París en 1989. 14 Acueduto de Segovia 1. Clasificación: Acueducto de Segovia, de autor descoñecido; cronoloxía: finais do goberno de Traxano ou época de Hadriano (século II d.C.); estilo romano imperial. 2. Contexto histórico-artístico: etapa imperial e arquitectura. Xunto co anterior, teñamos en conta a seguinte información. A Península Ibérica estaba baixo o poder da Roma Imperial de xeito definitivo desde finais do século I a.C., cando rematou a conquista coas Guerras Cántabras. Neste contexto, a arquitectura estivo ao servizo da conquista e a romanización das provincias. Os romanos dominaron en Segovia un poboado prerromano que consideraban de interese para o control do Val do Douro. Construíron alí unha cidade con forma de asentamento militar. Se ben a cidade non acadou a importancia doutras urbes romanas da península, si puido contar con estra grande obra enxeñeira que é o acueduto. Esta non soamente tivo función hidráulica, senón que representou unha obra de prestixio para toda a cidade e para os seus principais dirixentes municipais, que adoitaban a asentarse na parte alta da urbe, onde remata o trazado. 3. Análise e comentario Os acuedutos foron creación orixinas romanas e eran formidables obras de enxeñería nas que encontramos tres grandes características: seguridade no plano técnico construtivo, utilidade e beleza (firmitas, utilitas et venustas). A súa estrutura segue, a grandes trazos, o modelo das pontes (arco de medio punto con linteis que se apoian sobre machóns), aínda que os acuedutos xeralmente presentan dous pisos ou corpos de arcos en altura (ás veces, máis). Na parte superior sitúase a canle pola que discorre a auga. No caso concreto de Segovia, o acueduto servía para traer auga á cidade, e tamén para o regadío da zona, posto que a agricultura hispana tiña unha extraordinaria relevancia. A traída da auga facíase desde a serra de Guadarrama, onde recollía a auga do caudal do 15 Río Frío (16-18 Km), a partir dunha canle de 30 centímetros de diámetro que se dirixía ata unha torre, construída na propia cidade, e onde se eliminaba a sucidade que arrastraba a auga. Esta limpeza facíase tamén nas piscinas limarias, espazos onde se decantaban as impurezas que arrastraba a auga en suspensión ou por arrastre e servían, ao tempo, para evitar atrancos. A partir de aquí comezaba a parte visible e arquitectónica do acueduto, que salvaba un barranco de máis de 28 metros, dividida en dous grandes tramos. Un primeiro, con 78 arcos de medio punto, e un segundo, con 44 arcadas dobres sobrepostas. Neste segundo tramo apreciamos a superposición de dous corpos de arcos de medio punto, apoiados en piares e divididos á súa vez en varios corpos. O piso superior remata nun ático con revestimento de cachotería e formigón de cal. Por este ático pasaba a condución da auga. Entre o segundo piso e o ático corre unha cornixa formada por unha sinxela fila de perpiaños. A lonxitude total do acueduto é de 16.220 metros. A lonxitude do acueduto no seu tramo monumental é duns 776 metros; a altura máxima é de 28,10 metros. En canto aos materiais e técnica empregada, está construído de granito obtido dunha canteira descoñecida. Os perpiaños de piares e arcos van unidos sen ningún tipo de argamasa o que presupón unha altísima perfección técnica. O ático é de cachotería (pedra irregular labrada rudamente) e vai asentado en morteiro; o interior, por onde vai a canle para a condución da auga está recuberto cunha argamasa de formigón para impermeabilizalo. A cornixa final está rematada en perpiaños tallados en “V”, e outros transversais. En síntese podemos dicir que a estrutura construtiva está baseada na reiteración do arco e o piar, que chegan a crear un xogo de luces e sombras. Esta obra ten un sentido utilitario pero, ao tempo, ten unha concepción monumental e duradeira (entroncando co concepto da aeternitas romana) para transmitir a grandeza de Roma. Tamén búscase a beleza, a harmonía: hai un predominio da verticalidade conseguida por medio do piar e do arco. Este sentido vertical está minorado polas cornixas (liñas horizontais que se encargan de dividir os piares en altura) e o remate do ático, que aporta horizontalidade. Podemos afirmar que, pese a carecer de elementos decorativos e ser formas case núas, a obra está dotada dunha gran sinxeleza harmónica. 16 Os acuedutos, ao igual que a variada tipoloxía de edificios públicos romanos, encontrámolos por todo Imperio debido á homoxeneidade que caracteriza ás construcións. Trátase dunha arquitectura que pode ser considerada máis como obra de enxeñeiros que de arquitectos. O Acueduto de Segovia é a obra de enxeñaría romana máis importante da Península Ibérica e é símbolo de prestixio, grandeza e poder do Estado romano a nivel económico, social e político. Foi un instrumento indirecto de romanización. Pero ademais, é unha construción utilitaria e tamén conmemorativa, porque no centro leva unha placa dedicada ao poder romano (os emperadores sucesivos fórona cambiando). Nesta parte central o edificio semella ser porta de entrada á cidade de Segovia. A estrutura foi restaurada no século XV, en tempos dos Reis Católicos, reedificando 36 arcos que hoxe aparecen suavemente apuntados. No século XVI puxéronse dúas estatuas: unha dedicada á Virxe da Fuencisla, e outra dedicada a San Esteban. Esta mesma parte foi restaurada de novo no s. XIX. O bo estado de conservación do acueduto débese fundamentalmente á súa utilidade: continuou achegando auga até tempos recentes (finalizou esta función en 1973). Porén, padeceu deterioro pola erosión natural do granito, e pola contaminación, ambiental. De feito, os vehículos circulaban por debaixo das arcadas até os anos 90. O edificio foi restaurado despois de prohibirse o tráfico, máis aínda se atopa nun lugar con gran actividade. O acueduto foi declarado Patrimonio da Humanidade en 1985 pola UNESCO, como unha das obras máis representativas da enxeñería hidráulica imperial. En canto a modelos e influencias, o acueduto de Segovia só é comparable en Europa ao Pont du Gard, que forma parte do acueduto da cidade francesa de Nimes. En Hispania houbo outros como o dos Miragres, en Mérida, o de Toledo, Tarragona ou Sevilla, pero ningún alcanza a magnificencia do de Segovia. 17 Teatro de Mérida 1. Clasificación: Lorem Ipsum 2. Contexto histórico-artístico: etapa imperial e arquitectura. Xunto co anterior, teñamos en conta a seguinte información. A Península Ibérica estivo baixo o poder da Roma Imperial de xeito definitivo desde finais do século I a.C., cando rematou a conquista coas Guerras Cántabras. Neste contexto aparecía dividida en varias provincias . Emerita Augusta (Mérida) era a capital da provincia lusitana e unha das cidades máis importantes de Hispania. Foi fundada polo emperador Octavio Augusto no ano 25 a.C., e contaba con numerosos edificios da arquitectura civil e relixiosa: anfiteatro, circo, teatro, foro, mercado e templos. Entre estes edificios, o teatro é o mellor conservado actualmente. 3. Análise e comentario O teatro de Mérida é un exemplo de arquitectura civil para o lecer e a diversión onde se desenvolven espectáculos públicos, en concreto representacións teatrais e mímicas. Os espectáculos eran costeados polos edís para conseguir máis adeptos, polo que as representacións eran gratuítas. En ocasións, o teatro tamén podía acoller celebracións, rituais, reunión políticas, xogos, etc. Os teatros romanos toman como modelo o grego. Porén, mentres estes aproveitaban os desniveis do terreo por cuestións acústicas, os romanos podían obter as condicións de son desexadas a partir da enxeñería. Aínda así, o de Mérida pode considerarse de tipo mixto, posto que non está totalmente resgardado por un declive montañoso pero tampouco é de todo exento. Este teatro ten forma semicircular e as partes que o forman son: 18 Gradaría ou cávea : espazo semicircular con asentos ou gradas, onde se sitúan os espectadores; mide 86,63 m. de diámetro e tiña cabida para 5.500 espectadores. Constrúese en parte aproveitando a ladeira dun pequeno outeiro, polo que a orchestra queda máis baixa que a rúa que rodea a cávea. O teatro de Mérida posúe trece portas de entrada que comunican cun dos tres pisos das gradas. Estas gradas están divididas en tres partes: prima, media e summa cavea, é dicir, baixa (para grupos dominantes), media (para homes libres, plebeos) e alta (para escravos, mulleres e os menos favorecidos), segundo estivese máis ou menos cerca da escena. A división realízase por medio de corredores. A cávea estaba comunicada verticalmente por escaleiras que dividían a gradaría en sectores (cunei). Estas escaleiras comunicaban con portas (vomitoria) de arco de medio punto ou alinteladas. Nos extremos de edificio situábanse as tribunas de honor. Orchestra: zona situada entre a gradaría e a liña recta que limita o escenario. É o lugar dedicado aos coros que acompañaban a representación teatral. Debido á menor importancia que estes tiñan no teatro romano con respecto ao grego, a orchestra ten forma semicircular e é reducida, o que condiciona o resto da construción. Nesta zona o chan está recuberto de mármore e hai dúas entradas, chamadas parodos, utilizadas para acceder ás localidades de máis categoría, que están dispostas en tres filas de asentos. Escena: inclúe o escenario e todos os elementos precisos para levar a cabo a representación así como dependencias para os actores. As partes principais son: -O pulpitum, unha especie de plataforma elevada rectangular, que amosa unha alternancia de exedras semicirculares cóncavas e rectangulares, e que tiñan a función de mellorar a acústica. -O proscenio, a área de actuación no alto do pulpitum, de 60 metros de longo por 7 de profundidade. -A fachada da escena, o que podíamos denominar o fondo monumental do escenario. Está formada por unha estrutura arquitectónica de dous corpos superpostos de 19 columnas, de fuste liso e capiteis corintios asentadas en elevados podios. Os entaboamentos están coidadosamente ornamentados. O conxunto completábase con esculturas nos intercolumnios entre as que se incluían divindades, heroes e imaxes dos emperadores. Neste marco de arquitectura simulada ábrense tres portas para dar entrada aos actores, sendo a central maior que as laterais. A fachada que vemos actualmente non corresponde coa realizada na fundación do teatro, sería resultado dunha reforma posterior. Na parte posterior había un gran patio porticado axardinado, e no seu entorno diversas dependencias, unhas para uso dos actores, outras para o culto imperial e outras para o público (por exemplo, as latrinas). Os materiais resumen os empregados por toda a arquitectura romana: as columnas son de mármorem, así como o pavimento do proscenio, da orchestra e do escenario. Para as paredes empregouse cachotería, cantería no plinto e formigón (opus caementicium) para as partes abovedadas das gradas. 4. Conclusión O teatro romano deriva directamente do grego, mais, como tivemos ocasión de comentar, presenta importantes diferenzas. No caso do de Emérita Augustra, forma unha triloxía co anfiteatro e o circo. Cómpre sinalar que resulta ser unha obra exemplificadora do gusto e da técnica arquitectónica romana, na que conxuga o sentido utilitario, a estética clásica, as novidades técnicas (cemento, bóvedas) e a propaganda imperial. O teatro romano de Mérida, o mellor conservado de Hispania, é o único que mantén actualmente a súa función orixinal a través do Festival de Teatro Clásico que nel se celebra anualmente. 20