ÍNDICE LIMIAR 1. MAXIA E CULTURA 2. UNHA HISTORIA DA MAXIA EN GALICIA 3. O MAGO ANTÓN (TRAXECTORIA PROFESIONAL, EMPRESAS…) 4. CREACIÓNS MÁXICAS, S. L. 5. CATRO PROXECTOS DE MAXIA PARA GALICIA 5.1. CIRCUÍTOS PROPIOS PARA A MAXIA GALEGA A) ORZAMENTOS PROPIOS B) CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA A PRODUCIÓN C) AXUDAS A ASOCIACIÓNS E COLECTIVOS D) AXUDAS Á TRADUCIÓN E CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA 5.2. FESTIVAIS INTERNACIONAIS DE MAXIA PARA AS CATRO ESTACIÓNS 5.3. FESTIVAIS DE MAXIA NO VERÁN (MAGOS NO PAÍS DAS MARABILLAS) 5.4. ESCOLA GALEGA DE MAXIA XUSTIFICACIÓN DO PROXECTO. ANTECEDENTES. A) CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA MAXIA.CENTRO DIDÁCTICO E LÚDICO PARA GRUPOS ESCOLARES. B) CENTRO DE FORMACIÓN PERMANENTE PARA PROFESIONAIS C) CENTRO DE RECURSOS PARA PROFESIONAIS D) CENTRO DE FORMACIÓN PARA NOVOS MAGOS 1 LIMIAR O nivel acadado pola actividade dos magos profesionais en Galicia na última década, os espectáculos producidos e presentados polos ilusionistas galegos nesta etapa, a presenza continuada dos mesmos nos medios de comunicación social e a incidencia social e cultural do colectivo máxico no conxunto da sociedade no momento presente, sitúannos diante un panorama da maxia en Galicia que pode resumirse esquematicamente nos seguintes datos: Neste momento existe en Galicia un colectivo estimado de 120 magos. Deste número total, uns 20 dedícanse á maxia como actividade profesional e outros 100 son afeccionados que canalizan a súa actividade amateur a través do asociacionismo e a participación cun destacable grao de implicación nas actividades que vén desenvolvendo este importante colectivo cultural. Unha mostra da puxanza da Maxia na Galicia actual é tamén a existencia, ao día da data, de seis Asociacións de magos noutras tantas cidades galegas que aglutinan a magos profesionais e afeccionados e organizan interesantes actividades abertas ao conxunto da sociedade: A Coruña: Sociedade Coruñesa de Ilusionismo, vinculada á SEI (Sociedade Española de Ilusionismo) Lugo: Colectivo Máxico Waldemar Santiago de Compostela: Asociación Maxia Compostela Vigo: Asociación Viguesa de Ilusionismo. Pontevedra: Asociación Pontevedresa de Ilusionismo 2 Ourense: Está en proceso de constitución unha sociedade máxica local vinculada á SEI. Os magos estiveron presentes nos últimos anos en importantes eventos das artes escénicas compartindo, fundamentalmente con grupos teatrais e musicais, os Circuítos Culturais promovidos pola Xunta de Galicia en colaboración cos concellos. Teñen participado tamén activamente nas actividades da Rede de Teatros do IGAEM, en espectáculos patrocinados polas distintas Deputacións Provinciais e por un número significativo de concellos galegos que veñen apostando forte pola actividade máxica. A colaboración cos colectivos e as empresas máxicas permitiron nos últimos anos a celebración en Galicia de eventos de altísimo nivel nacional e internacional como as dúas primeiras edicións (www.lugomáxico.com), do Festival Internacional de Maxia de Lugo o Festival de Marín (www.maxiamarin.8m.com) e os Festivais “10 magos no país das marabillas”( www.magoanton.com ) Por outro lado debemos destacar que o prolongado traballo dalgúns dos profesionais da maxia de Galicia, ben a título individual ben como empresas de produción máxica, permite que actualmente o colectivo máxico dispoña de importantes infraestructuras creadas expresamente para a representación deste xénero de espectáculos que fan posible o desprazamento e a presentación en calquera punto de Galicia de calquera produción, tal como: carpas, escenarios portátiles, tráileres, magomóbil para espectáculos de maxia de cerca, etc. A presenza da maxia profesional en Galicia non se circunscribe á produción de espectáculos co patrocinio económico total ou parcial das administracións públicas , os magos galegos veñen presentando tamén distintos espectáculos unipersoais para circuítos comerciais: teatros, pequenos locais de actuación, maxia para empresas, etc. A aparición da TVG supuxo para os magos galegos unha canle máis, e moi importante aínda que non suficientemente utilizada, de comunicación co público. Para esta compañía e para outras televisións de fóra de Galicia os magos galegos teñen levado adiante importantes producións, sendo tamén constante, dada a súa intensa 3 actividade pública, a presenza dos magos noutros medios de comunicación: prensa, radio, Internet. A traxectoria da maxia galega nos últimos anos, nos que viviu un espectacular despregue, viuse avalada co logro de numerosos premios e recoñecementos tanto individuais como colectivos. 1. MAXIA E CULTURA Xa dende os anos iniciais da transición democrática, cando a presentación de calquera espectáculo público en lingua galega ( en medios como festas ao aire libre, teatros ou locais de espectáculos) era algo insólito e moi difícil de imaxinar, os pioneiros da maxia en Galicia tiveron un especial coidado e sensibilidade en desenvolver os seus espectáculos integramente en lingua galega. Isto inaugura, por así dicilo, unha maneira de proceder e de estar. Os magos galegos, como colectivo, véñense preocupando en manter esa coherencia lingüística nas súas comparecencias públicas e en toda a documentación e publicidade que xera o exercicio público da súa actividade. Todo isto supuxo historicamente, e segue a supor na actualidade, unha referencia cultural de primeira orde que conseguiu marcar unha tendencia e unha maneira de actuar que hoxe é asumida con absoluta naturalidade polo conxunto da sociedade galega. Pero deixando á marxe a cuestión da lingua, a maxia constitúe en si mesma moito máis que unha actividade de lecer ou unha industria cultural, a maxia baséase nunha concepción cultural propia e orixinal, unha maneira de entender a comunicación humana e unha forma de transmitir novas ideas, valores, esperanzas e, en definitiva, unha visión anovadora da vida e da realidade. A Maxia é a arte e conmover o ser humano para que nunca perda a súa inocencia primordial e esencial. Sendo a maxia unha disciplina artística en si mesma cunhas características propias que a diferencian claramente das demais, o ilusionismo como expresión artística está 4 estreitamente vencellado e, en certa maneira, fundido con outras Artes e mesmo disciplinas científicas. A maxia é indubidablemente unha arte escénica directamente relacionada, e máis nalgunhas especialidades, co teatro, entendido este tanto como xénero literario como coa plasmación escénica das artes dramáticas. A música tivo dende sempre e cobra cada día maior relevancia como parte integrante do espectáculo, moitos números máxicos son presentados ao son e ao ritmo de melodías que marcan tamén os momentos significativos do que sucede no escenario. A danza está presente nas coreografías escénicas e ninguén discute a simbiose que se produce entre literatura e maxia, non só cando o espectáculo máxico esixe e dispón dun coidado guión literario, senón como produto dunha interrelación ancestral que se establece por atávicos vasos comunicantes entre maxia e literatura. As Artes Plásticas teñen hoxe en día tamén un importante papel no mundo da maxia, non só nas complexas escenografías e decorados que é necesario compoñer, tamén no propio deseño de aparatos, infraestructuras, imaxes corporativas e publicidade. A Maxia ten utilizado tamén a mitoloxía e debe afondar moito máis nunha liña de relación simbólica e argumental coa mitoloxía universal e moi especialmente na difusión e recuperación das lendas e a historia máxica de Galicia, un traballo xa iniciado e no que se debe incidir para achegar unha nova dimensión cultural das artes máxicas. Hai disciplinas científicas imprescindibles na actividade máxica profesional como a Psicoloxía, atendendo singularmente ao control da atención e as especialidades máxicas relacionadas co mentalismo. Finalmente ten unha especial significación na actualidade a correcta aplicación das novas tecnoloxías ás artes máxicas. Os magos non deben descoidar o uso e mesmo a investigación neste eido. Non se deben esquecer feitos históricos tan relevantes como que a investigación dos magos deu orixe á aparición do cinematógrafo. Non é a ocasión para desenvolver polo miúdo estas ou outras relacións, pero si de deixar constancia neste apartado da grande aceptación sociocultural que ten a Arte da 5 maxia entre todas as capas sociais e entre todas as idades. Nenos, xoves, adultos e anciáns acollen con interese e aplauso as propostas escénicas dos magos. Percíbese tamén unha moi boa acollida nos medios de comunicación galegos (prensa, radio televisión) Estamos convencidos de que a maxia ademais da súa expresión convencional en teatro e escenarios públicos, é un vehículo idóneo para promover e impulsar actividades de cultura e lecer en Centros escolares (mesmo co apoio de Unidades didácticas axeitadas), en Centros de Ensino, Hospitais, Centros e Residencias da 3ª idade, na rúa e nas prazas públicas, e en todo tipo de eventos sociais, culturais e solidarios) Dende o colectivo de magos galegos estamos a traballar para levar a maxia a todos eses lugares e rexenerar día a día, co noso esforzo e creatividade, a dimensión cultural e social da maxia en Galicia. 2. UNHA HISTORIA DA MAXIA EN GALICIA Non se coñece unha tradición máxica profesional en Galicia anterior ao século XX. O primeiro mago profesional nacido en Galicia do que se ten constancia e que conta cunha traxectoria pública perfectamente documentada e repleta de éxitos internacionais foi Manuel Saa Rodríguez, coñecido polo nome artístico de Conde de Waldemar. (En lembranza desta primeira figura da maxia en Galicia, o colectivo de magos de Lugo agrúpase baixo a denominación de Colectivo Máxico Waldemar) A traxectoria pública do Conde Waldemar rematan na década dos sesenta, xusto cando un mago da Terra Chá discípulo de Wenceslao Ciuró, Xosé Manuel Carballo, (tamén crego, escritor e animador cultural ) comeza a actuar en teleclubes, locais parroquiais e teatros de Galicia. Xosé Manuel Carballo é o primeiro mago que utiliza a lingua galega nas súas presentacións artísticas para comunicarse co público. Polas mesmas datas unha parella de magos ferroláns, Lorc & July, acadan un recoñecido prestixio internacional. 6 En 1973, o compostelán Camilo Vázquez obtén en París un prestixioso galardón internacional: O Premio Mundial na especialidade de Micromaxia. Un discípulo de Xosé Manuel Carballo, Antón López, O Mago Antón, comeza moi novo a súa carreira que se desenvolve ininterrompidamente dende o ano 1975 ata hoxe, primeiro como afeccionado e dende o 1979 como profesional. O Mago Antón é un dos primeiros artistas que sobe a un escenario, fala en galego e fai maxia adobiada cun contido social que entronca coa tradición cultural do país, silenciada e perseguida durante 40 anos de franquismo. Son os anos da transición e os seus espectáculos teñen un contido político relacionado coas reivindicacións sociais e culturais daquel momento. Un personaxe de ventriloquia, o labrego Facundo, é a voz que canaliza o contido social e cultural dos espectáculos do Mago Antón. Da traxectoria profesional do Mago Antón damos conta no currículo que se xunta no seguinte apartado da presente memoria. A principios dos 90 outro nome súmase ao panorama da maxia profesional galega: o mago da Cañiza, Luís Boyano, que no ano 2000 obtén en Lisboa un importante Premio mundial na especialidade de mentalismo. Ao redor do ano 1995 prodúcese unha auténtica eclosión da maxia en Galicia que vén marcada por un incipiente asociacionismo e pola aparición dun bo número de magos amateurs. O comezo do século XXI supón a irrupción dunha chea de puxantes asociacións e colectivos máxicos e a aparición no panorama artístico dun significativo número de magos profesionais e semiprofesionais, cunha grande formación e proxección de futuro que tratan de abrirse paso nestes momentos e consolidar as súas carreiras. O extraordinario relevo e o bo nivel acadado polo colectivo de magos, envaraos casos con premios nacionais e internacionais, pon en evidencia a necesidade e a importancia de dispor dun espazo cultural propio coa axuda das institucións públicas. Téñase en conta que na actualidade hai uns 20 magos profesionais en Galicia e o número estimado de afeccionados, ligados a asociacións e colectivos máxicos achégase ao cento. 7 3. O MAGO ANTÓN: TRAXECTORIA PROFESIONAL Antón López Rivas, O MAGO ANTÓN, nace en Castroverde (Lugo) en 1956. Iníciase na maxia na cidade de Lugo cando estudaba Bacharelato. Comeza estudos de Psicoloxía na Universidade de Santiago, carreira que abandona no ano 1977 para dedicarse profesionalmente á maxia e a ventriloquia. En 1979 obtén unha mención especial nos Premios da Crítica de Galicia polo seu personaxe Facundo. Por esta mesma época entra en contacto coa escola máxica de Madrid e realiza centos de actuacións en Galicia, Madrid, Cataluña, País Vasco e en varios países europeos, (Portugal, Bélxica, Holanda…) Participa en importantes congresos internacionais de maxia onde sorprende gratamente cos seus xogos orixinais. Debido ó éxito que acada nas súas comparecencias, comeza a comercializar as súas creacións baixo o selo Os xogos do raposo. Nos anos oitenta o Mago Antón produce grandes espectáculos ao aire libre, destacando entre eles Merlín e Familia. Crea a empresa Produccións Máxicas e unha nova versión de Merlín e Familia que se presenta nunha carpa con capacidade para 1.000 espectadores. Dende esta carpa , en 1990, grava para TVG un programa especial de maxia. En 1989 é nomeado Lucense do Ano pola Asociación de Prensa, Radio e TV de Lugo. Con motivo do Xacobeo 93, co patrocinio do Consorcio da Cidade de Santiago, o Mago Antón produce o seu proxecto máis ambicioso, Vía Láctea, un espectáculo multimedia que estrea na súa propia carpa en Santiago, actuando diariamente durante meses con gran éxito, e, despois de percorrer as cidades máis importantes de Galicia, acaba a súa xira en Pamplona e Madrid. En 1995 nace da iniciativa do Mago Antón , a empresa Creacións Máxicas que pon a andar un vehículo, con capacidade para 80 espectadores, especialmente deseñado para espectáculos de maxia de cerca: o Magomóbil. Neste escenario percorrerá Galicia con 8 cinco espectáculos distintos, entre eles, Insólito por Antonomasia e O romance do conde de Cagliostro, este último coincidindo co Xacobeo 99. Paralelamente o Mago Antón non deixa de concibir e levar adiante novos espectáculos de grandes ilusións como Fugas e soños, no ano 1996. Ao mesmo tempo, en colaboración coa Orquestra Sinfónica de Galicia, presenta un espectáculo de maxia e didáctica musical que se chamou En clave de maxia. Para o cambio de século , Antón recupera a Facundo, o personaxe de ventriloquia dos seus inicios, e sérvese del para presentar outro novo espectáculo de grandes efectos máxicos que é, ao mesmo tempo, un percorrido pola historia da maxia e pola historia da humanidade : 2001 ilusións. O ano 2002 coincide co lanzamento da tenda virtual magoantón.com. As tendas de maxia máis prestixiosas do mundo comercializan os xogos creados polo mago galego. A Fundación Premios da Crítica de Galicia outorga ao Mago Antón, no ano 2003, o prestixioso galardón de Galego egrexio, en recoñecemento ao seu labor cultural. Este mesmo ano organiza con gran éxito, dende o Colectivo Máxico Waldemar de Lugo do que forma parte, a 1ª Semana Internacional de Maxia en Lugo, co patrocinio do Concello desta cidade. No ano 2004 Creacións Máxicas coproduce coa TVG dous programas especiais de maxia: Dez magos no país das marabillas e Lugo-máxico 2004. Neste mesmo ano estrea no Teatro Principal de Santiago o espectáculo Armas baixo control para Amnistía Internacional. 4. CREACIÓNS MÁXICAS, S.L. Creacións Máxicas, S.L. é unha empresa radicada en Lugo, dedicada á produción e distribución de espectáculos máxicos e teatrais que dende a súa creación, no ano 1985, ten levado adiante máis de vinte espectáculos, entre os que destacan as grandes produccións de teatro de maxia “Merlín e Familia”(1990) e “Vía Láctea” (1993), representadas nunha tensoestrutura (carpa), propiedade da empresa, con capacidade 9 para 1000 espectadores. Outras producións da empresa foron “Insólito por Antonomaxia” e “A volta a Galicia en 365 escolas”, espectáculos de maxia de cerca presentados nun vehículo deseñado ao efecto: o “Magomóbil”. Esta empresa ten producido tamén numerosos espectáculos de maxia de grandes ilusións ao aire libre, concibidos para festas e feiras, como foron “Fugas e soños” e “2001 ilusións”. Algúns destes espectáculos foron gravados e emitidos pola TVG. Para esta empresa de TV, Creacións Máxicas ten producido outros programas de maxia creados especialmente para TV. Creacións Máxicas, S.L. ten tamén unha ampla experiencia na organización de festivais e eventos máxicos coa presencia de magos internacionais de primeira liña. 5. CATRO PROXECTOS PARA A MAXIA EN GALICIA Xa se expuxo nun apartado anterior a necesidade de crear un espazo propio para a maxia no contexto cultural do país. Ao día de hoxe os magos constitúen un colectivo cultural importante e teñen un peso específico notable na súa presenza cultural e lúdica, No seu compromiso co idioma e a cultura galegas e na súa repercusión social e mediática, presenza en prensa, televisión e medios de comunicación. Vemos necesario incidir na definición dese espazo, e en abrir novas vías de traballo para defender e impulsar a maxia profesional en Galicia, situando a actividade artística da maxia, na consideración da sociedade galega, como unha arte con entidade propia. Para ir avanzando nese camiño presentamos á Consellería de Cultura neste momento catro proxectos que só serán viables na medida en que a nova administración se implique no seu apoio con decisión e coa achega dos orzamentos necesarios. 5.1. CIRCUÍTOS PROPIOS PARA A MAXIA GALEGA 10 A creación dese espazo propio que definimos no apartado anterior recibiría, ao noso entender, un pulo importante e definitivo de se levaren adiante as propostas que presentamos nos catro apartados seguintes: A) ORZAMENTOS PROPIOS PARA CIRCUITOS DE MAXIA En exercicios anteriores, dende a Xunta de Galicia, víñase facendo anualmente unha convocatoria pública para a participación nos chamados Circuítos Culturais. Dita convocatoria era única para distintas especialidades artísticas: música, teatro artes escénicas, maxia…. A entidade e importancia da maxia en Galicia no momento presente, a cantidade e calidade de profesionais que, individual ou colectivamente, veñen producindo e presentando ao público espectáculos máxicos de xeito regular en diferentes especialidades máxicas e medios, aconsella abordar con urxencia unha revisión do actual sistema de circuítos culturais promovidos dende a Administración autonómica en convenio coas Administracións locais, revisión que suporía– dende a nosa perspectiva– deslindar a nosa presenza en ditos circuítos doutras actividades do mundo do espectáculo e do lecer próximas á nosa, pero diferentes. Dada a singularidade da nosa profesión ( non somos músicos nin actores de teatro) entendemos que a nosa presenza nos circuítos culturais debe contar no futuro cun orzamento específico para as actividades de maxia que se programen dentro destes circuítos. En función das cantidades que se viñan destinando á maxia nas convocatorias anteriores (das que a Xunta achegaba o 50% e os concellos o outro 50 %) e tendo en conta tamén as necesidades actuais do sector debería fixarse unha cantidade anual para cubrir este orzamento específico. Entendemos que estes orzamentos deben distribuírse mediante una convocatoria pública clara e rigorosa . 11 Para que se estableza un control efectivo do emprego destas cantidades os magos e empresas máxicas deberán presentar proxectos perfectamente documentados que describan pormenorizadamente a produción que recibirá a axuda. Suxerimos que a calidade deses proxectos debe ser avaliada previamente á concesión das axudas por unha comisión mixta na que participen as Administracións convocantes (Xunta, Concellos) e unha representación elixida democraticamente polo colectivo de magos profesionais, de maneira que se garanta a calidade técnica e artística dos espectáculos e artistas seleccionados, se atalle o intrusismo profesional e se garanta tamén unha distribución xusta e equitativa dos recursos destinados a este fin. B) CONVOCATORIA DE AXUDAS Á PRODUCIÓN DE ESPECTÁCULOS MÁXICOS Do mesmo xeito que se viñan facendo convocatorias de axudas á produción de espectáculos teatrais, propoñemos que anualmente se faga unha convocatoria similar destinada á produción de espectáculos máxicos. Propoñemos tamén que dita convocatoria pública, a que se destinaría un orzamento anual, recolla cando menos os seguintes aspectos: ● Os magos, individualmente ou como empresa, presentarán proxectos de produción de espectáculos cunha memoria debidamente documentada sobre os contidos do espectáculo e a estimación valorada das necesidades de produción. ● As axudas á produción irán destinadas a: - Infraestructura - Luz e son - Atrezzo máxico - Escenografía 12 ● - Distribución - Carteis, publicidade A selección dos proxectos correrá a cargo da comisión mixta (Autonómica, representantes do sector) formada ao efecto. ● Na convocatoria deberá figurar un baremo de valoración dos proxectos. O baremo será establecido a proposta da mesma comisión mixta ( Deben valorarse aspectos como a inversión total da produción, número de persoas que traballarán na mesma, etc.) C) AXUDAS ANUAIS A ASOCIACIÓNS E COLECTIVOS MÁXICOS Dada a importancia acadada polo asociacionismo da maxia en Galicia, tanto de afeccionados como de profesionais. De cara a seguir fomentando esa afección, fundamentalmente entre a mocidade, e abrindo canles para orientar as inquietudes da xente nova cara a actividades e de lecer nas que se encadran as que promoven as asociacións máxicas galegas; entendemos que a Consellería de cultura debería crear un fondo anual destinado a axudas a Asociacións e colectivos de magos. Dito fondo debería ser distribuído mediante unha convocatoria pública a que poderán concorrer todas as asociacións máxicas que o desexen. Para participar nestas convocatorias as asociacións debería presentar unha memoria anual de actividades acompañada dun proxecto de orzamento para o desenvolvemento das mesmas. Débese ter en conta que as actividades propostas non deben ter en ningún caso ánimo de lucro. Unha comisión mixta creada entre as Administracións públicas e os representantes das asociacións decidiría o reparto destas axudas tras a avaliación das Memorias presentadas. Para garantir un correcto destino das axudas ás actividades propostas, unha porcentaxe das mesmas faríase efectiva no momento da concesión e a porcentaxe restante so se abonaría coa entrega doutra memoria que acredite fidedignamente a realización das actividades. 13 D) AXUDAS Á TRADUCIÓN E CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA Para unha axeitada posta en práctica da normalización lingüística no ámbito da maxia, propoñemos que se facilite aos magos, ben sexa individualmente ou a través das súas empresas e asociacións, un servizo de asesoramento lingüístico para supervisar e corrixir e se fose necesario traducir os textos dos guións dos espectáculos e todos aqueles outros que emanen da actividade pública dos magos: publicidade, comunicados,... etc. 5.2 FESTIVAIS INTERNACIONAIS DE MAXIA PARA AS CATRO ESTACIÓNS A extraordinaria e positiva experiencia dos dous Festivais Internacionais de Maxia de Lugo celebrados nos anos 2004 e 2005, organizados polo Colectivo Máxico Waldemar, patrocinados pola concelleria de Cultura Lugo e producidos pola empresa Creacións Máxicas S.L., supuxo a consolidación na cidade de Lugo deste proxecto cunha notable implicación e participación da sociedade lucense e unha presenza constante nas rúas e nos centros públicos do concello na actividade máxica, lévanos a propoñer a extensión deste proxecto a catro cidades galegas das catro provincias que teñan interes en acoller este proxecto. A nosa proposta é que haxa un Festival Internacional de Maxia para cada estación: OUTONO : Lugo INVERNO: Vigo, A Coruña, Ourense, Ferrol ??? VERÁN : Pontevedra PRIMAVERA: Santiago Seguindo un esquema similar ao que se desenvolveu na experiencia dos dous Festivais celebrados en Lugo, en cada unha destas cidades tería lugar unha Semana de actividades de acordo co seguinte programa: Día 1: Inauguración dunha Exposición Gala de apertura 14 Día 2: 25 magos + 1 pola cidade. [Actuacións de 26 magos galegos en Prazas e Rúas, Centros de 3ª Idade, Centros de Ensino; Universidades , Centros culturais dos Barrios e parroquias rurais dos respectivos concellos, Asociacións xuvenís, etc.] Día 3: 25 magos + 1 pola cidade. Día 4: 25 magos + 1 pola cidade. Día 5: Gala Unipersoal dun Mago Internacional (Nun Teatro ou Auditorio) Día 6: Gala Internacional : 6magos+1 Día 7: Gravación da Gala Internacional para TVG (con público convidado) Para levar adiante esta proposta o orzamento sería cuberto ao 50 % polo Xunta de Galicia e cada un dos concellos implicados. 5.3. FESTIVAIS DE MAXIA NO VERÁN (MAGOS NO PAÍS DAS MARABILLAS) Os Festivais de Maxia de Verán están pensados para a actuación de todos os magos profesionais galegos nun escenario portátil coas características técnicas que se describen: DESCRICIÓN En cada Festival interviría un número variable de magos entre 6 e 10 máis un mago convidado (internacional). As características xerais destes festivais serán as seguintes: Espectáculo dunhas 2 horas de duración con intervencións individuais de cada profesional duns 15 minutos aproximadamente. Un dos magos intervén como presentador e non se descartan números de colaboración entre varios profesionais. A presentación xeral destes Festivais de Verán farase a través dun video-clip sobre a maxia e os seus valores culturais proxectado nunha pantalla con retroproxección. Estes festivais serían financiados ao 50% pola Xunta e polos concellos que os contraten. 15 5.5. ESCOLA GALEGA DE MAXIA XUSTIFICACIÓN DO PROXECTO. ANTECEDENTES. No mundo da maxia profesional non existe unha tradición de ensinanza regrada semellante á que pode existir noutros campos como o teatro e mesmo o circo. No noso medio artístico os coñecementos profesionais e técnicos véñense adquirindo ben de maneira autodidáctica ( bibliografía) ou a través de contactos entre profesionais (Congresos, Xornadas, Asociacións...) Fóra de Galicia hai algunhas Escolas Máxicas que fan puntualmente cursos para afeccionados (escola de Ana Tamariz) en Madrid. Respondendo o interese crecente que ao día de hoxe hai en Galicia pola maxia como espectáculo e como disciplina artística, tal e como se expuxo en apartados anteriores desta memoria, facemos unha proposta de creación dun Centro Formativo para a ensinanza das distintas especialidades máxicas que levaría o nome de Escola Galega de Maxia. Este proxecto que é absolutamente pioneiro no mundo da maxia a nivel mundial baséase no estudo e coñecemento de Escolas semellantes relacionadas co mundo do circo e do teatro. As escolas de circo teñen unha longa tradición en Europa, cítanse como clásicas as de Moscova e Berlín e máis recentemente veñen funcionado con resultados altamente satisfactorios moitas outras, aproximadamente trinta, en distintos países europeos onde contan con importantes axudas das institucións públicas para o seu funcionamento e cumpren unha función educativa e social de altísimo valor. Coñecemos de preto o funcionamento de Carampa, unha escola circense radicada en Madrid que ten como sede unha carpa e que dende hai dez anos ven funcionando ininterrompidamente como Casa de Oficios e formando a centos de profesionais circenses no camiño de converterse nun Centro de Formación Profesional homologado. 16 Nesta Escola ademais dos alumnos que seguen os cursos oficiais completos, outras dez mil persoas participan en actividades formativas, practican, investigan e perfeccionan as artes circenses. Carampa recibe axudas económicas do Fondo Social Europeo a través da Comunidad de Madrid, do Ministerio de Cultura a través da Dirección General de Cooperación y Comunicación Cultural e do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música e da propia Comunidad de Madrid a través da Consejería de las Artes e da dirección General de Juventud. Algúns aspectos do funcionamento de Carampa e doutras escolas de circo poden ser perfectamente aproveitados para complementar un proxecto absolutamente novidoso que sentaría as bases da creación da Escola Galega de Maxia. A empresa Creacións Máxicas S.L. é propietaria duns terreos e unha infraestructura que moi ben podería ser utilizada como base inicial para o establecemento deste Centro educativo e cultural. Trátase dunha finca de 18.000 metros cadrados situada no Concello de Castro de Rei, nunha situación moi próxima ao núcleo urbano de Castro de Ribeiras de Lea (xúntanse planos de situación) e dunha carpa (de 2000 metros cadrados) instalada nela de maneira permanente e de cuxas características técnicas xuntamos planos e descrición detallada. A existencia desta infraestructura que Creacións Máxicas cedería a este fin mediante o establecemento do convenio que se estime oportuno, facilitaría moito a posta en marcha nun curto espazo de tempo da Escola Máxica Galega. Como este ambicioso proxecto soborda en moitos aspectos, como se verá, os eidos cultural e educativo, ademais da implicación no mesmo da Consellería de Cultura poderían apoiar tamén esta iniciativa outras Consellerías como Educación, Traballo, Industria (Turismo) pois as actividades que xiran ao redor deste centro entran en tamén en campos como a Formación Profesional ou a Proxección Turística da Comarca. Cando nos referimos ao apoio económico institucional estamos a falar fundamentalmente da posta en marcha do Centro porque entendemos que unha vez que este estea funcionando a pleno rendemento unha boa parte das súas actividades poden autofinanciarse. Coa infraestructura básica existente e as ampliacións paulatinas proxectadas (Véxanse planos adxuntos) A Escola Máxica Galega estará en disposición de ofrecer, nun prazo 17 aproximado de dous anos, se conta coas axudas necesarias, os seguintes Centros de Formación e Servicios para profesionais e público en xeral: A) CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA MAXIA. CENTRO DIDÁCTICO E LÚDICO PARA GRUPOS ESCOLARES E OUTROS. A Escola Máxica Galega contará cun Centro de Interpretación da Maxia: Unha zona musealizada na que mediante paneis explicativos e medios audiovisuais se presente para o público en xeral unha mostra didáctica sobre a historia da maxia, a maxia en Galicia, as principais especialidades máxicas e as grandes figuras da maxia universal. A exposición permanente complementaríase cunha mostra de aparatos e artiluxios máxicos. Podería contarse tamén cunha pequena sala de exposicións temporais para determinados eventos. Este Centro de Interpretación da Maxia ofrecería en cada curso escolar un programa de actividades didácticas que enviaría a todos os centros educativos da Comunidade autónoma axeitados a distintas idades e etapas formativas para realizar en visitas de grupos a este centro. A proximidade doutros centros de interese e de recursos para visitas escolares como poden ser o Museo do Castro de Viladonga, o Museo de Prehistoria de Vilalba, as Lagoas de Cospeito, Coque e outras propiciaría o establecemento de rutas de actividades escolares e turísticas na comarca da Terra Chá. A existencia na carpa da Escola dun escenario perfectamente montado e equipado para ofrecer espectáculos máxicos favorecería o remate das actividades dos grupos coa asistencia a un grande espectáculo máxico. Fóra do curso escolar este Centro programaría actividades para grupos de rapaces como poden ser campamentos e cursos de iniciación á maxia. As actividades didácticas e lúdicas deste Centro non deben circunscribirse estrictamente a grupos escolares. Poden e deben programarse actividades para outros sectores: Terceira Idade, Asociacións, Monitores e Animadores Culturais, Grupos turísticos , etc. 18 B) CENTRO DE FORMACIÓN PERMANENTE PARA PROFESIONAIS. O Equipo Directivo da Escola progamará con regularidade actividades formativas para o conxunto de profesionais da maxia de Galicia ou de fóra de Galicia a levar adiante ben polo propio profesorado do Centro como por magos de prestixio Internacional que veñan a Galicia coincidindo con eventos como os Festivais Internacionais ou chamados expresamente para participar nas actividades formativas da Escola. Estas actividade sería sufragadas, polo menos en parte, coa matrícula dos profesionais interesados C) CENTRO DE RECURSOS PARA PROFESIONAIS. A Biblioteca do Centro, os aparatos máxicos, e unha boa parte dos medios da Escola e mesmo o escenario poderán estar a disposición dos profesionais galegos que o desexen para completar a súa formación, ensaiar ou realizar actividades que redunden no perfeccionamento profesional e no prestixio da maxia galega. D) CENTRO DE FORMACIÓN PARA NOVOS MAGOS. Esta é a idea motor e central do proxecto. Trátase de crear unha escola para que un grupo duns vinte alumnos por curso aproximadamente realice uns estudos máxicos cun alto nivel. A Escola sería dirixida por un equipo de profesionais da maxia, e doutras disciplinas artísticas e humanísticas. Trátase de ofrecer unha formación cultural completa e unha visión ampla da Maxia e das súas distintas especialidades. Está formado xa por Creación Máxicas un xerme de equipo directivo que está a traballar na formulación detallada das necesidades da Escola, na súa estrutura e funcionamento e na elaboración dun Plan de Estudos do que podemos avanzar un anteproxecto: ASIGNATURAS ESCOLA GALEGA DE MAXIA 1ºCURSO - Lingua e Literatura Galega - Inglés - Expresión corporal, Teatro e Mimo - Hª e Cultura Máxica (antes do s.XX) 19 - Maxia de Cerca - Maxia de Escena - Teoría e Concepcións Máxicas 2ºCURSO (anuais) - Lingua e Literatura Galega - Inglés - Expresión corporal(coreografías,danza e mimo) - Hª e Cultura Máxica (clásicos) - Teoría e Concepcións Máxicas (1ºcuatrimestre) - Guión - Cartomaxia - Maxia Xeral (2º cuatrimestre) - Maquillaxe e Vestiario - Micromaxia - Manipulación 3ºCURSO (anuais) - Hª Arte Universal - Inglés - Teatro e Dicción - Hª e Cultura Máxica (contemporánea) (1ºcuatrimestre) - Montaxes(luz, son, bricomaxia) - Cartomaxia - Mentalismo (2º cuatrimestre) - Construción musical e coreografia - Micromaxia - Grandes Ilusións 4ºCURSO (anuais) - Hª Arte en Galicia - Artes afins(globoflexia, transformismo, ventriloquia ect - Teatro e desenrolo do Persoaxe 20 - Literatura Máxica Universal (mitoloxías, lendas e obras literarias) (1ºcuatrimestre) - Composición Escenográfica (decorados, disposición, cores, obxectos, etc.) - Maxia Xeral (mentalismo, escapismo e maxia cómica) - PROXECTO SESIÓN MAXIA DE CERCA (2º cuatrimestre) - Fiscalidad e Márketing (publicidade e relacións laborais) - Maxia para TV, conferencias e concursos. - PROXECTO ACTUACIÓN MAXIA DE ESCENA 21