Roque Carús Falcón no Álbum da ciencia

Anuncio
ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de
especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello,
quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na
coordinación e redacción.
Roque Carús
Falcón
Un médico con inquietudes
científicas
Nacemento:Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) 1852.
Falecemento: Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) 1910
Autor/a da biografía: Fraga Vázquez, Xosé A.
Data de alta: 13/04/2012
Ámbitos de ocupación: Hidroloxía / Bioloxía /
Estudou en Santiago o bacharelato e a carreira de Medicina (1870-5), e presentou a súa tese de
doutoramento na Universidade Central (Madrid), en 1879. Na memoria “Idea general de la hidrología
médica” (Carús, 1879), abordou o tema prioritario nas súas preocupacións científicas.
Foi profesor de diversas materias científicas en colexios da súa vila, realizou análises biolóxicas e
químicas e inventou varios aparellos de física. O dominio do idioma alemán permitiulle realizar diversas
traducións. Asemade, adaptou cepas de uvas híbridas, “El famoso catalán de la zona de Arousa llamado
Carús” (Galdo, 1995: 320). Co gallo da súa morte, o Concello de Vilagarcía deulle o seu nome a unha
praza. En abril de 2010 foron inauguradas as obras de rehabilitación da antiga casa de Carús, convertida
na Casa da Memoria do municipio.
Médico hidrólogo
No contexto galego, Carús salienta polas súas contribucións no ámbito da Hidroloxía médica. Membro da
Sociedade Española desa especialidade, atribúeselle a dirección facultativa do Gran balneario de la
Concha. A súa produción comeza cun artigo publicado en 1881 na Ilustración gallega y asturiana, “Una
Gira a los baños de La Toja”. En pouco tempo publica tres traballos nas páxinas dos Anales de la
Sociedad Española de Hidrología Médica: “Relaciones entre la Hidroterapia y la Hidrología Médica” (Carús,
1881-1882), “La temperatura atmosférica como factor de clima” (Carús, 1882a) e “Breves consideraciones
sobre la acción farmacodinámica y fisiológica de las aguas minerales” (Carús, 1882b). Posteriormente
daría á luz, nunha edición costeada por el mesmo, a tradución dun texto orixinal en alemán do Dr. Julio
Braum: Compendio sistemático de Balneoterapia, incluyendo la Climatología de la tisis (Carús, 1886).
O desenvolvemento da Hidroloxía médica en España foi parello coa actividade dos balnearios. En 1817
creouse o Cuerpo de Médicos de Baños, pero ata 1877 non se constituíu a entidade científica
correspondente, a Sociedad Española de Hidrología Médica. Segundo Rodríguez Sánchez, 2008, esa
situación propiciou que os criterios científicos da balneoterapia española estiveran dictados por
individualidades e polo empirismo. E nese contexto, os médicos hidrólogos pretenderon defender a súa
competencia profesional, cuestión na que intervén Carús cos seus escritos, “Reivindica el carácter
científico de la hidrología mediante la investigación química de las aguas, lo que le lleva a alejarse del
antiguo hipocratismo subyacente en la hidropatía” (Rodríguez Sánchez, 2008: 54).
Intereses científicos variados, o cultivo da remolacha
Xunto a hidroloxía atendeu a diversas cuestións científicas. Do seu interese pola natureza son boa mostra
os minerais, animais desecados e plantas que reuniu, cos que constituíu un importante museo particular.
Tamén se lle atribúe unha tradución que permaneceu inédita, a do libro de Franz Schmidt y Llaensch
Introducción para la reseña y manejo de aparatos de polarización (Couceiro Freijomil, 1953).
Profesor de Agricultura na súa vila, en 1899 interesouse polas posibilidades do cultivo da remolacha para
obter azucre, unha cuestión suscitada pola recente liberación de Cuba e Porto Rico e a conseguinte
“perda” en España do acceso a ese produto, extraído da caña de azucre caribeña. Publicou, pola súa
conta, a Monografía sobre la remolacha azucarera. Ensayo de su cultivo en algunas comarcas gallegas,
especialmente en Villagarcía (Carús, 1900). O texto está dedicado aos membros do consello de
administración da empresa coruñesa Azucarera Gallega, por “ser los iniciadores de la industria azucarera
regional”. A empresa escollera para instalar a fábrica un lugar do Concello de Portas (Caldas de Reis) e
para dirixir a sementeira da remolacha trouxeran de Alemaña ao enxeñeiro agrónomo Mr. Kanlah.
Posteriormente, ese especialista tomou contacto con Carús. Coa marcha do alemán, Laureano Salgado,
vocal do consello de administración da Azucarera Gallega, encargoulle a Carús “observar y estudiar el
desarrollo y curso en todas sus fases vegetativas de esta interesante planta industrial a fin de poder
deducir en su día las enseñanzas más provechosas para el mejor cultivo de la misma” (Carús, 1900: 10).
Esa foi a orixe das experiencias e estudos que Carús recolle na monografía. No texto describe con detalle
os resultados dos cultivos en catro parcelas (incluíndo ilustracións propias) e despois expón as diferentes
análises que realizou. Nun segundo capítulo aborda o “Razonamiento sobre el cultivo”, onde repasa a
marcha dos cultivos e as diversas circunstancias influentes nos mesmos. Conclúe que “el suelo y el clima
de Galicia son adecuados a las exigencias de esta planta muéstranlo palmariamente los hechos atrás
consignados” (Carús, 1900: 32) e que “el ensayo de la remolacha azucarera en algunas comarcas
gallegas, y especialmente en Villagarcía, acaba de dar los resultados más satisfactorios” (Carús, 1900:
59).
O estudo do plancto da ría de Arousa
Dando mostras dunha fonda curiosidade científica, pouco despois iniciaría outro tipo de pescudas. Provisto
dun microscopio Zeiss e dunha fina malla de captura, emprendeu o estudo do plancto mariño da zona de
Arousa. O resultado sería o libro Los misterios de la Naturaleza. Investigaciones sobre el microplakton de
la Ría de Arosa (Carús, 1903). O texto abrangue 175 páxinas e 14 láminas, con 293 figuras elaboradas
polo autor, recollidas da observación microscópica, e unha carta xeográfica da ría de Arousa, obra do
mariño Fernández Flórez. Carús, que dispuña de información sobre algúns traballos de Bioloxía mariña da
época, sinala o interese do mundo microscópico para o coñecemento da evolución das especies e a
riqueza pesqueira e láiase da ausencia de institucións científicas axeitadas para realizar os estudos
necesarios na ría de Arousa. Describe as seis expedicións que desenvolveu para recoller microplancto na
ría, ao longo de 8 estacións de recolección. A parte correspondente á microflora está centrada nas
diatomeas (organismos dos que fornecía ao importante micrógrafo Ernesto Caballero, profesor do Instituto
de Pontevedra). Confesa as súas limitacións taxonómicas para identificar os seres vivos observados e
presenta os resultados expoñendo un resume estatístico dos seres colectados, reproducidos nas láminas.
Se consideramos o estado da produción científica da época no estudo do plancto, debemos afirmar que o
valor científico do libro de Carús é cativo. Aporta pouco a posteriores pescudas porque posúe claras
deficiencias, como a falta xeral de precisión nos debuxos e confusións na identificación dos seres. Opta
pola descrición xeral, impresionista e intuitiva, fronte a un estudo de detalle máis rigoroso e limitado. Non
pode xustificarse que nos primeiros anos do século XX o labor de estudo das formas microscópicas case
se limite a constatar a variedade da vida. Nese sentido, o libro semella máis propio de primeira parte do
século XIX. As deficiencias comentadas fixeron que diversos especialistas criticaran, mesmo desprezaran,
o libro de Carús. Así, por exemplo, Florentino Azpeitia Moros (1859-1934), no seu libro La Diatomología
española en los comienzos del siglo XX (1911), comentaba sobre as diatomeas que aparecen no texto:
“sus figuras son tan deficientes, que en la mayoría de ellas no puede reconocerse ni aún el género; los
poquísimos dibujos en que se encuentra semejanza con alguna de las especies más conocidas, tienen
desfigurado el contorno y la escultura, y como parecen hallarse a la misma altura las demás ramas de la
Historia Natural tratadas en el libro, creo que lo más prudente es prescindir en absoluto de esas citas hasta
que tengan ulterior comprobación” (Azpeitia, 1911: 88).
Pero non todos os expertos coinciden con ese tipo de apreciación. Así, Fernando Gómez salienta que o
libro de Carús é a primeira publicación en España que inclúe ilustracións de dinoflaxelados (Gómez, 2006),
e móstrase contrario a Azpeitia ao indicar que “las ilustraciones de diatomeas de Carús Falcón sí que
permiten reconocer las especies en la mayor parte de los casos, aunque sus identificaciones son a
menudo incorrectas” (Gómez, 2006: 311). Sinala, ademais, que “cuando Azpeitia publica su revisión en
1911, ni siquiera un género de diatomeas planctónicas tan común como Chaetoceros había sido citado por
un autor español en nuestras costas” (Gómez, 2006: 311), e afirma que “con su esfuerzo Carús Falcón fue
pionero en ilustrar el microplancton marino en España” (Gómez, 2006: 311).
Unha valoración axeitada do libro esixe considerar o contexto científico concreto do autor. Carús accede
ao estudo do plancto dun xeito autodidacta, sen os recursos bibliográficos adecuados e sen interlocutores
competentes. O resultado é característico do esforzo dun afeccionado carente dos medios precisos e que
co seu labor estaba a cubrir o impresentable baleiro no que as institucións oficiais tiñan deixado o estudo
do mar de Galicia. Por iso cómpre valorar a iniciativa, esforzo de exploración e recolección desenvolvidos
por Carús, que partía da ausencia de estudos previos en Galicia sobre o tema abordado. Igualmente, non
podemos esquecer certo coñecemento xeral do tema, as referencias positivas, naquel tempo, ao
darwinismo, e o interese polo mundo microscópico mariño.
Bibliografía:
Fontes documentais:
Roque Carús Falcón, Arquivo Universidade Santiago. Serie Expedientes persoais, cartafol 213, nº 4.
CARÚS FALCÓN, R. (1879): Idea general de la hidrología médica, Tese de doutoramento lida na
Universidade Central. Manuscrito de 53 follas, asinado. Biblioteca da Universidade Complutense (Depósito
da Facultade de Medicina).
Fontes impresas:
CARÚS FALCÓN, R. (1881): Una Gira a los baños de La Toja, Ilustración gallega y asturiana, 27 (28 set.
1881): 321-322.
CARÚS FALCÓN, R. (1881-82): Relaciones entre la Hidroterapia y la Hidrología Médica,Anales de la
Sociedad Española de Hidrología Médica, p. 248-251.
CARÚS FALCÓN, R. (1882a): La temperatura atmosférica como factor de clima, Anales de la Sociedad
Española de Hidrología Médica, p. 322-324.
CARÚS FALCÓN, R. (1882b): Breves consideraciones sobre la acción farmacodinámica y fisiológica de las
aguas minerales, Anales de la Sociedad Española de Hidrología Médica, p. 421-427.
CARÚS FALCÓN, R. (1887): Compendio sistemático de Balneoterapia, incluyendo la Climatología de la
tisis, por el Dr. Julio Braum. Cuarta edición publicada por el dr. B. Fromm del Consejo Real de Sanidad,
primer balneólogo de Norderney y profesor práctico de Berlín. Traducido directamente del alemán por D.
Roque Carús Falcón. Individuo de la Sociedad Española de Hidrología Médica, Villagarcía de Arosa:
Imprenta, Librería y Encuadernación de Ladislao Rodríguez.
CARÚS FALCÓN, R. (1900): Monografía sobre la remolacha Azucarera. Ensayo de su cultivo en algunas
comarcas gallegas, especialmente en Villagarcía, La Coruña: Imp. Vda. de Ferrer e Hijo.
CARÚS FALCÓN, R. (1903): Los misterios de la Naturaleza. Investigaciones sobre el microplakton de la
Ría de Arosa, La Coruña: Imp. Vda. de Ferrer e Hijo.
Bibliografía secundaria:
AZPEITIA MOROS, F. (1911): La diatomología española en los comienzos del siglo XX, Madrid : Imprenta
de Eduardo Arias.
COUCEIRO FREIJOMIL, A.(1951-54): Diccionario Biobibliográfico de escritores, Santiago: Bibliófilos
gallegos.
GALDO, F. (1995): Introducción a la historia de las aguas minerales de Galicia, O Castro (Sada): Ediciós
do Castro. Publicacións do Seminario de Estudos Galegos.
GÓMEZ, F. (2006): Historia de las investigaciones sobre dinoflagelados marinos en España, Llull, 29: 307329.
RODRÍGUEZ SÁNCHEZ, J.A. (2008): La hidroterapia naturista y la oficialista: oposición y estrategias ante
la introducción de la hidroterapia en España (siglos XIX-XX), Medicina Naturista, 2, 2: 52-57.
Como citar esta páxina:
Fraga Vázquez, Xosé A. ([2012], “Roque Carús Falcón”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura
Galega. [lectura: 25/11/2016] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=269
Máis información e materiales complementarios en
http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=269
Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202
Descargar