cando había mouros na costa

Anuncio
CANDO HABÍA MOUROS NA COSTA
As costas galegas dende o século IX en que nos vimos atacados por flotas de naves viquingas contra as que
o bispo Xelmírez tivo que construír unha armada que quizás fose a primeira existente en España, non deixaron de
sufrir intermitentemente ataques dos piratas berberiscos da zona da Alxeria actual, dos corsarios británicos, franceses
e holandeses e mesmo de buques da “pérfida Albión” ata o século XIX. Os berberiscos apresaban as embarcacións
mercantes e pesqueiras, desembarcaban preto dos poboados, roubaban, mataban, secuestraban xente moza para
escravizar ou pedir rescate, e incendiaban as nosas vilas. Os frades Mercedarios dedicábanse a recoller esmola para
redimir cativos.
Os turcos atacaron Oia en 1624; do Porto de Bares din as lendas, semellantes á cidade de Troia, que foi
queimado sete veces, sábese que no mes de abril de 1582 uns corsarios desembarcaron no porto e entraron na igrexa
vella onde se tiña refuxiada a xente e mataron a varios homes, máis adiante, en 1627 os veciños bareses deron un
poder a Amaro López de Cornide para que fose recadar esmola por todo o reino de Galicia, coa finalidade de
construír outra igrexa parroquial, xa que a antiga fora arrasada polos piratas turcos.
Polo ano 1633 o cardinal Richelieu en Francia, e os gobernantes de Portugal, Italia e España enviaron á
costa persoas que estudiasen os medios máis axeitados para poñer fin, ou polo menos paliar esta situación,
establecendo un sistema defensivo contra estes ataques mediante construcción de torres de mariña ou fachos, atalaias,
sentinelas ou garitas ubicados en puntos estratéxicos todo ao longo do litoral, para vixiar día e noite. A toponimia
galega encheuse con estas denominacións. A rede de fachos se comunicaban entre si mediante lumes de toxos e
outras leñas ou fumatas para dar a alerta. En algúns puntos acendíase un lume polas tardes e en caso de perigo
acendíanse dous. Moitas atalaias próximas as vilas importantes e bocas de ría dispoñían dunha batería de canóns, por
poñer un exemplo: Vicedo, Bares, A Guarda, etc. En cada trozo existía un xefe, sarxento maior ou encargado de
grupos de veciños armados para exercer a defensa. En 1670 escribía Domenico Laffi: “En el Monte Facho de
Fisterra hay una torre y está hecha para encender fuego en su parte alta. Está aquí porque, de todas las naciones
que navegan por el Océano, todos pasan a conocer este Cabo y muchas veces desembarcan en la Villa provocando
muchos daños. Con el fuego de dicha torre se hacen señales a las villas vecinas, las cuales sucesivamente de unas a
otras se pasan el aviso de peligro por lo que en una hora todo el Reino de Galicia está sobreaviso y acuden armados
hacia aquel cabo para defenderlo “.
No ano 1705, coincidindo coa chegada dos Borbóns a España e a guerra de Sucesión, o Reino de Galicia se
ofreceu a levantar catro mil homes de infantería, vestilos e armalos á súa costa, para telos dispostos permanentemente
exercendo sentinelas nos fachos a fin de rexeitar calquera ataque mouro ou pirático. Eu posúo un nomeamento de 9
de xuño de 1705 do alcalde do Facho do Monte de Barias (Bares) outorgado polo sarxento maior “los Cabazos de las
villas de Vivero Santa Marta y sus agregados” a favor dun veciño da feligresía de Sta. María de Mogor polo cal <<
Por quanto hesta a mi cargo hes de mi obligacion segun a las reales ynstruciones en que me allo el cuidar de las
cintinelas fachos y garitas y mas de desenbarcaderos donde los enemigos de esta Real Corona pueden llevar
ynvasion quando se ofrezca y por quanto en las partes a donde no puedo asistir por mi persona hes de mi obligacion
en la conformidad que lo an usado mis antecesores, el nombrar persona de toda mi satisfacion que este en la
prontitud y vigilancia que se requiere al servicio de Su mgd. y me de quenta de qualquiera subcesso q. se ofrezca
para el remedio que mas conbenga y mas prontamente yo pueda asistir como hes de mi obligacion..... le nonbro y
elijo para que lo se Desde oy en adelante por el tienpo de mi voluntad y no mas segun y de la mesma manera q. lo an
zesado sus antecesores reconociendo los milicianos que fueren y si tienen obligacion de ir de guardias al dho. facho
para el rrecognocimiento de las enbarcaciones y otras cossas pa la defensa de la tierra y sus naturales segun esta
Encostunbrada de tiempo memorable Nesta parte y de los devisos que lo biere tomara la raçon asentandoles sus
nonbres y conombres, vecindad y el dia mes y año que faltaren y lo mesmo si venieren sin las armas q. cada uno
tiene conpartidass dandome quenta de todo ello con la brevedad y puntualidad posible para que yo la pueda dar a su
Exa. el exmo. ssor. gobernador y Capitan general >>
José Cornide Saavedra, aquel ilustrado coruñés do século XVIII publicaba en 1764 a Descripción
Circunstanciada de la costa de Galicia y raya por donde confina con el inmediato reino de Portugal, denunciaba a
necesidade de recompensar aos paisanos que estaban obrigados a realizar o servicio e analizaba todos os enclaves
militares do litoral entre Asturias e Portugal, dos que Frei Sarmiento tamén deu noticia: Facho do castelo de San
Damián (Ribadeo), Rinlo, Preguntoiro de Foz, Burela, San Ciprián, Moras, Faro (Celeiro), Suevos e San Estebo do
Val (O Vicedo), Bares (atalaia no porto e Facho de Maeda), Garita da Vela en Espasante, Garita do Limo preto do
Cabo Ortegal, Garita da Herbeira na enseada de Santo André de Teixido, Monte Candieira (Cedeira), Prior, Doniños,
Monte de San Pedro (Coruña), Sorizo, Punta da Atalaia (Caión), Razo, Malpica, Nariga, Corme, Monte Tosto,
Lourido, Monte Facho de Touriñán entre Arliña e Lourido, Cabo da Nave, Monte Facho de Fisterra, Garita de Ribeira
entre Sta.Uxía e Castiñeiras, Monte Facho na Costa da Vela ou Punta Vixía de Saavela da Costa da Vela (península
do Morrazo), Facho de Domaio, Bouzas, Coruxo, Monteferro (Panxón, diante das illas Estelas), Cela, Punta
Centinela (entre Cabo Silleiro e Mougás), Castro de Oia, Atalaia da Guarda, Facho de Santa Tegra que o derroteiro
Rindaveis de 1807 erroneamente denominou Monte de San Rego e San Xulián. Posiblemente existisen varios fachos
máis.
O historiador ortigueirés Federico Maciñeira Pardo publicaba no periódico El Cabo Ortegal, de 30
novembro 1890 o artigo titulado “El primer cañonazo” referindo a recalada na ría do Barqueiro-Bares da escuadra
británica mandada polo almirante Warren, o día 24 de agosto 1800. Dende a atalaia o veciño Altesor, encargado do
canón, disparaba contra un bote que se dirixía a terra matando un oficial e obrigándolle ao bote destacado da flota a
reintegrarse a súa formación, flota que ao día seguinte desembarcaría na praia de Doniños tentando tomar o arsenal
ferrolán, pero esta historia é sobradamente coñecida e non me vou ocupar dela.
Poderiamos dilatarnos bastante máis nesta cuestión pero conclúo anotando que nos derradeiros
anos o estudioso Insua Trava elaborou un traballo para a creación dunha ruta turística dos fachos dado que ofrecen
impresionantes vistas panorámicas.
Descargar