Unha estrela no vento; Ledicia Costas

Anuncio
Unha estrela no vento
Ledicia Costas
XERAIS
FICHA
Título:
Autor:
Editorial:
Colección:
Nº páxinas:
ISBN:
Unha estrela no vento
Ledicia Costas
Edicións Xerais de Galicia
Fóra de Xogo
217
84-8302-481-0
A
2
TÉCNICA
AUTORA
LEDICIA COSTAS ÁLVAREZ naceu en Vigo no ano 1979.
Dende moi nova mostra interese pola literatura, sentíndose atraída especialmente pola
poesía de Manuel Antonio.
Compaxina os seus estudios de Dereito Económico coa creación de mundos novelados
nos que pretende reflectir unha realidade coa que os lectores poidan identificarse.
Primeira novela da autora; nela traballa cuns protagonistas que case son da súa xeración,
non habendo distancia entre creadora e personaxes.
ARGUMENTO
Novela na que se narran as aventuras dun adolescente.
O instituto, a casa e un bar onde se reúne a panda para xogar ó billar son os lugares nos
que desenvolve a acción. O grupo de colegas, o ambiente de instituto, os problemas cos
pais, o amor adolescente, a rivalidade entre pandas… son ingredientes desta narración.
Os problemas da idade co enfrontamento que supón a todo o mundo adulto xúntanse
aquí a unha proliferación de conflictos, que se non souberamos que a realidade supera á
ficción pensaríamos, excesiva.
A aparición de aspectos coma a presencia do pobo xitano e a dificultade da relación cos
paios, ou a introducción dun personaxe con minusvalía que ha de moverse en cadeira de
rodas fan que ese mundo de panda adolescente amplíe as súas fronteiras e os problemas
xa non sexan unicamente persoais ou familiares senón que acaden horizontes máis
amplos.
Unha historia tráxica na que se desenvolve a personalidade do protagonista.
PERSONAXES
MIGUEL. Protagonista e narrador en primeira persoa. Ten dezasete anos. Mal estudiante.
Moléstalle que lle pregunten se ten moza ou lle gusta alguén, que se metan na súa vida…
Moitas veces fai o que menos se espera del. Está necesitando tempo para si. Moitos pensan que é unha persoa especial, ben diferente dos seus compañeiros. Certamente é capaz
de concentrarse coma moi poucos o poden facer, así o demostra xogando ó billar ou facendo poesías.
XOÁN E MARTIÑO forman parte do seu grupo de amigos. O primeiro deles será o seu
mellor amigo. Martiño é ese que sempre axuda.
MAQUI. Outro do grupo. Neste caso, un personaxe case antagonista que comeza sendo
amigo para converterse finalmente en inimigo. Ó longo do relato imos descubrindo coma
ademais de presumido e fardón é racista, e remata mudando a traidor do seu grupo.
Considera escoria a Abel e Reina.
ANA E MARTA son dúas rapazas que aparecen como posibles ligues de Miguel. De Marta
sabemos que é moi popular entre os seus compañeiros, tamén é clasista e minusvalora a
aquelas rapazas que non van á moda. De Ana, a loura Marilyn, deica caer que está máis
ou menos «colocada», parece estar atravesando un mal momento porque o rapaz co que
saía foise coa súa mellor amiga.
ABEL é o curmán de Miguel. Un rapaz cun certo retraso que se nos mostrará a través da
súa dificultade para entender determinadas cousas ou a lentitude para facelo; a nivel físico está imposibilitado para moverse autonomamente e tamén padece algunha outra falta
de control. Ten unha capacidade moi especial para conectar afectivamente e comprender
emocionalmente ós demais. Acaba de quedar orfo, de aí que pase a vivir na casa da súa
tía, a nai de Miguel.
PAULA, a irmá de Miguel ten dez anos. Móstrase dende os ollos de seu irmá, unha nena
pola que sente moito afecto e á que sempre segue a ver coma unha pequena.
NAI DE MIGUEL. Muller comprensiva, cre no seu fillo e é capaz de entendelo aínda nos
peores momentos. Por certo, os dela non poden ser peores: déixaa o home, morre súa irmá
e seu cuñado polo que se sente na obriga de facerse cargo do sobriño…
O PAI DE MIGUEL. Vémolo a través das palabras do seu fillo: un covarde impresentable
que foxe cara a adiante, mentireiro que pasa da familia… No fondo, tamén el está desorientado e non sabe cómo enfrontarse á adolescencia do seu fillo, sente que este non o respecta e non sabe cómo gañalo. Coa pequena resúltalle máis doado, simplemente ten que
querela.
3
BERNABÉ. O dono do bar ó que vai a panda. Fálase dunha barreira de idade representada
pola barra, que el saltará cando se identifica coa historia de Miguel e decide pelexar tamén
por el.
A PROFESORA DE LITERATURA. Representa o mundo dos adultos que ten o seu esquema
feito respecto ós adolescentes, pero tamén o mundo dos profesionais preocupados polas
persoas coas que traballan. Miguel confunde o seu interese e valoración co «tenme manía».
REINA, a rapaza xitana. Conecta axiña con Miguel e cos seus xestos, ese mercarlle a rosa
para regalarlla, tratala coma a unha máis, defendela… A relación con seu irmán é de submisión da muller fronte ó home da casa; resulta un pouco incrible que sexa capaz de quedarse con Miguel e non o obedeza volvendo á súa casa cando a ameaza.
BRUTO, o irmán de Reina. Vese coma o típico macarra.
TEMAS
4
E VALORES
• Os outros. Os que non están no grupo dos normais, neste caso os xitanos e os que padecen algún tipo de minusvalía. A aparición dunha personaxe coma o Maqui, concentra
ese sentir racista de minusvaloración dos «outros»; ou Marta que mira por riba do
ombreiro a alguén que non viste á moda (camisetas cinguidas e vaqueiros apertados). O
clasismo coma unha das actitudes máis xeneralizadas entre a adolescencia.
• A adolescencia. Esa etapa de cambio na que as persoas non se dan afeito ós cambios tan
fortes que está sufrindo o seu corpo, a súa mente ou as súas emocións. Cando non te
entendes a ti mesmo, quédache moi difícil ver o teu lugar no mundo; e tamén é normal enfrontarte a ese medio que parece «pasar de ti». O enfrontamento cos adultos, centrado normalmente nos pais e o profesorado, é un dos síntomas dese estadio de crecemento. O sentimento de panda, de sentirse parte dun grupo de iguais ás veces leva parello o enfrontamento coas outras pandas, ser uns fronte ós outros; as pelexas entre grupos; a agresividade manifestada como violencia física, case sen alternativa. Podemos
lembrar que cando Miguel discute con Maqui, din un par de frases e acaban pasando
ás mans, da mesma maneira, e a pesares de que ata ese momento parecían amigos. En
relación a ese sentir adolescente podemos recoller unhas confesións de Miguel
«Desexara tantas veces dicirlles que me deixaran en paz, que non os necesitaba absolutamente para nada. Pero eu sabía mellor ca ninguén que aquilo non era certo. Quería
da-la impresión de que podería come-lo mundo soamente con pensalo, pero a triste e
agobiante realidade revelábame que nin sequera sería quen de mutilar unha Barbie. O
que si tiña claro é que eu sobraba, que estaba de máis no medio de toda a maldita xente
que non podía comprende-lo que pasaba pola miña cabeza. Intentaba falar deses temas
cos meus amigos, pero para eles eu era alguén que simplemente desexaba estar á marxe
de todo e de todos».
• Importancia da música nestas idades como pode verse nas referencias e citas que aparecen
no principio de cada capítulo.
• Problemas familiares. A separación dos pais case sempre é conflictiva; de pronto o que
parecía permanente deixa de selo e sentes que as paredes da casa non eran tan seguras
como parecían. Na adolescencia, como no caso de Miguel, e máis cando se che está indo
a figura que tes que enfrontar para poder medrar, esto resulta máis forte; ademais, o pai
engánaos e vaise cando o fillo acaba de sufrir unha agresión.
• A incomprensión entre xeracións. A pesar de que Miguel parece non comunicarse demasiado ben nin sequera cos seus amigos, as grandes dificultades están na relación co pai
e co profesorado. ¿Que idea teñen os adultos da xente como Miguel? ¿Que idea ten
Miguel da profesora de literatura? A ese respecto, recóllese unha cita de Pinocho na que
queda clara a desconfianza en relación ós adultos «Eu, nos salteadores non creo, nin crin
nin nunca crerei. Inventáronos os pais a propósito para pornos medo ós nenos cando
queren saír de noite».
• Á marxe da legalidade. Resolver os conflictos entre pandas a golpes e non acudir á policía nin sequera cando hai agresións con armas… Se nos fixamos, na novela, a primeira
persoa que fai referencia á posibilidade de facer unha denuncia é a profesora de literatura, nin os amigos, nin os coñecidos, nin os pais aparecen como portadores desa posibilidade.
ACTIVIDADES
A REALIZAR
ANTES DA LECTURA:
• Co libro na man faremos unha especie de posta en común que nos axude a todos a entrar
nese mundo que nos espera dentro das tapas. Observarémolas e opinaremos sobre qué
pode haber detrás dese título, desa imaxe fotográfica, do nome da escritora…
• Iremos facéndonos con algunha outra información na contraportada e xa poderemos ir
falando do que esperamos dun libro destas características. Podemos ler tamén o apartado no que se fala da autora e ver se nos gusta que sexa alguén tan novo quen escribe a
novela.
• Falaremos doutras novelas, con esta mesma temática de adolescencia, que xa teñamos
lidas e a opinión que nos mereceron.
DURANTE A LECTURA:
Iremos lendo e deténdonos naquilo que nos interese máis, nos chame a atención ou consideremos necesario. Podemos entresacar algunha actividade do estilo das que seguen:
5
6
• Os protagonistas do relato son case da mesma idade que a escritora, parece non haber
distancia entre eles. De feito, esta é a súa primeira novela, e lembremos que ela aínda é
estudiante, igual ca eles. ¿En que nos fai pensar esto? ¿Coñecemos outros escritores que
estean no mesmo caso?
• A música vai formando parte da historia. A peza do grupo The Brokers que continuamente quere escoitar Miguel ou os versos que dan comezo a cada capítulo confírmannos a presencia constante da música na novela. Cada unha destas citas ha de ter unha
mensaxe, por eso debemos buscarlla; repasémolas, revisémolas, busquemos os significados e fagamos unha audición destas pezas.
• Seguindo coa música… Cada alumno/a podería buscar aquelas cancións que lle estean
impactando neste momento. Facer unha audición presentada por cada un deles e/ou tamén
facer unha escolla de estrofas que lles servirían para comezar capítulos dun posible libro.
• Situemos espacialmente a novela. ¿Que cidades se citan?
• «Nós, a xuventude, estamos corrompidos. Sentimos que sobramos no medio desta sociedade de adultos sofisticados e descargámo-las nosas frustracións cometendo actos que
sabemos de antemán que non deberiamos facer». Nas páxinas 102 e 103 Miguel segue
a explicarse e a reivindicarse. Podemos probar a que cada un pase a escribir aquelo que
lle diría a un profesor ou profesora do que pense que non o entende. Miguel ten unha
serie de características que podemos considerar especiais. Por exemplo, quédase absorto e perde o sentido do tempo mentres pensa nas súas cousas ou moléstalle que cando
lle pasa algo aquela xente que normalmente non lle fala o faga agora… ¿Que tes ti de
especial? Obsérvate antes de contestar.
• En algún momento aparece recollido parte do diario de Miguel. Unha veces os textos parécennos interesantes, pero outras tal vez nos resulten un tanto cursis… ¿Que pensamos ó
respecto? ¿E que pensamos do feito de levar un diario? ¿Nós tamén o facemos? ¿Por que?
• Miguel le poesía. Non todo o mundo o fai. Podemos opinar acerca desto e ir descubrindo cáles son os lectores de poesía que hai no grupo, qué tipo de poesía lles gusta,
qué libros teñen, cómo descobren ós poetas… Ademais, Miguel escribe ou pensa poesía ¿Tamén temos entre nós casos así? ¿Quen escribe?
• Na aula da que se fala semella haber grupiños coma os das chaponas ou o dos amigos de
Miguel, que parecen moverse ó unísono ou coma o coro dunha obra de teatro grega.
¿En que grupos poderiamos dividir a vosa aula? ¿Que opinamos acerca do que Miguel
pensa desas compañeiras ás que chama «chaponas»? ¿Por que é tan agresivo con elas?
Podemos, de novo, recoller unha cita de Pinocho «Os alumnos que estudian deixan
sempre en mal lugar ós que non o facemos».
• As pandas ou bandas urbanas. O irmán de Martiño estivera nunha delas… Fagamos un
estudio sociolóxico das que coñecemos, o seu grao de enfrontamento con outras, zonas
nas que se moven…
• Nalgún momento cóntasenos cómo ese irmán de Martiño acaba sendo drogodependente e tendo problemas de delincuencia. Reflexionemos acerca dese mundo tan conflictivo. Pode facelo un equipo mentres outro realiza o traballo anterior; outro pode centrarse no mundo dos xitanos e facer un traballo que posibilite un coñecemento máis
exhaustivo desta etnia, e outro podería ocuparse de diferencias motivadas por deficiencias ou minusvalías.
• Miguel ten un póster na habitación no que se representa un cadro de Dalí «Cisnes reflectindo elefantes». Alguén pódese encargar de buscalo para que todos o recoñezan. Logo,
podemos decidir que cada un presente ós demais o póster que ten ou que querería ter
no seu cuarto; tal vez sexa mellor poñer cotas a esa liberdade limitando a escolla a obras
de arte… Sería interesante facelo desta maneira, así de paso que presentan a obra tamén
poderían falar do pintor.
• Hai títulos que nos suxiren moito. O que ten o libro que colle Pablo, o amigo de Miguel,
é un deses: Cuando la melancolía se transformó en papel. Que cada un traia os cinco títulos que máis lle gusten de tódolos que coñece e que invente outros cinco. Podemos contar a anécdota segundo a que El desorden de tu nombre é un título ganado nunha aposta por Juan José Millás a outro escritor.
• En determinados momentos esta historia de pandas e pelexas lémbranos algunha película. Falemos deso e vexamos a posibilidade do visionado dalgunha delas.
• Vanse pelexar pero farano con regras. ¿Cales son estas regras? Elabora unhas que fagan
imposible pelexar. ¡Anímate a facelo! Se te fixas, é Maqui o que non as cumpre ¿Que
conclusións sacarías desto?
• Observa as frases seguintes e proba a representalas plasticamente:
«A lúa chea observándoo todo coma o ollo de Deus», «Eu ía deixando na terra un ronsel de sangue, coma o caracol deixando as súas babas».
• Cara ó final poderemos entender o título Unha estrela no vento. Busquemos aquela parte
na que se cita.
• ¿Que cres que significa ese apunte final do encontro co pai: «O pai abrazouno. –Quérote
moito, Miguel. – Demasiado tarde. Ese quérote non pagaba o prezo dunha vida».
• Miguel, cara ó final da historia, repite unha e outra vez «¡Merda de mundo!». Cando nos
cabreamos tentamos concentrar a rabia nas palabras, descargando desta maneira a violencia. Hai formas ben orixinais de facelo. No relato «O duelo final» recollido en As chamadas perdidas de Manuel Rivas atopamos un verdadeiro repertorio. A ver se sodes
capaces de crear algunha realmente interesante e xuntalas nun relato.
DESPOIS DA LECTURA:
• Poñémoslle outro título ó libro.
• Compartamos unha opinión xeral sobre el: qué nos gustou e qué non, qué foi o que máis
nos interesou… Comparémola con outras lecturas deste tipo.
• Escribámoslle unha carta á autora aproveitando que se nos brinda a ocasión nas páxinas
finais do libro.
• En base a este e ó que se vai opinando podemos ir recomendando outros que consideremos interesantes para os compañeiros.
• Revisemos os «Últimos libros da colección» para comentar se alguén os leu e quere compartir a súa opinión cos demais.
• ¿Cal é idea principal que se transmite ó longo do texto?
• En vez dunha novela podemos animarnos a esribir un conto, para iso o primeiro é buscar un verso que nos guste nunha canción ou un poema, e a partir de aí crear.
7
Pedidos a:
Comercial Grupo Anaya
Polígono de Bergondo
1ª Travesía - Parcela B1
15.165 Bergondo (A Coruña)
Telf.: 981 795 656 / Fax: 981 795 660
XERAIS
Doutor Marañón, 12. 36211 Vigo
Apartado Postal 1446. 36200 Vigo
Teléfonos (986) 21 48 88 - 21 48 80
Te l e f a x : ( 9 8 6 ) 2 0 1 3 6 6
Correo electrónico: [email protected]
http: //www.xerais.es/
EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA
© Pilar Sampedro Martínez, 2003
© Edicións Xerais de Galicia, S.A., 2003
Depósito legal: VG. 324-2003
Descargar