A recuperación do texto auténtico de LA

Anuncio

A recuperación do texto auténtico
de La parranda, autotradución
d’A esmorga
X O S É M A N U E L D A S I LV A
L

a parranda, tradución
d’A esmorga para o castelán feita polo propio
Blanco Amor, é unha mostra
máis do traballo de restauración textual que cómpre efectuar aínda hoxe en diversas
obras que padeceron os rigores
da censura nos tempos da
ditadura. Publicouse La parranda orixinalmente en Buenos Aires (Blanco Amor 1960)
igual que A esmorga (Blanco
Amor 1959a), logo de que a
saída desta en Galicia se prohibise de modo inapelable a
mediados dos anos 50. En
1973, Blanco Amor conseguiu
satisfacer o desexo de que La
parranda vise a luz ao cabo en
territorio español, mais pagando o tributo de ter que
prescindir dalgunhas pasaxes relevantes. Non hai
moito tempo, apareceu outra vez en Buenos
Aires unha nova edición de La parranda (Blanco
Amor 2008), onde de xeito inconcibible saltan á
vista aquelas mesmas pasaxes modificadas no seu
momento por imperativo do réxime franquista.
Afortunadamente, a versión xenuína de La
parranda acaba de ser recuperada, cincuenta e
cinco anos despois, polo selo Mar Maior (Blanco
Amor 2015). Neste artigo trataremos de relatar
polo miúdo todos os avatares de La parranda,
que non foron poucos nin moito menos, así
como os criterios principais que nortearon o restablecemento do discurso verdadeiro desta autotradución.
As edicións arxentinas
d’A esmorga (1959) e La
parranda (1960)
Noutros traballos xa abordamos a longa historia de idas e
vindas d’A esmorga (Dasilva
2009, 2010, 2012, 2014a,
2014b). En apertado resumo, é oportuno lembrar que
a obra, escrita entre maio e
outubro de 1955, arribou a Galicia a comezos do ano 1956
da man de Isaac Díaz Pardo
para que Galaxia a publicase.
Ramón Piñeiro, en calidade
de director literario, apreciou
axiña a categoría senlleira d’A
esmorga, malia que as liñas
narrativas promovidas pola
editorial naqueles anos eran o
universo fabuloso de Álvaro
Cunqueiro e o mundo popular de Ánxel Fole, á
parte das contribucións de corte experimental
dos autores máis novos.
Piñeiro foi quen, non obstante, de intuír as
severas dificultades coas que ía bater A esmorga
para que a censura a autorizase. É interesante
verificar como o responsable de Galaxia, bastante tempo despois, reiteraría aquel primeiro xuízo
de signo favorable nunha carta a Basilio Losada:
“Tamén A esmorga é unha boa novela, unha obra
lograda, como vostede sinala. Eu conocina no
orixinal, porque nos foi enviada polo autor por si
a queriamos editar en Galaxia. Nós intentámolo,
pro foi refugada pola censura” (Piñeiro; Losada
2009: 106). Nesa carta, Piñeiro recalcaba o seu

O ESPELLO DAS LETRAS
Xosé Manuel Dasilva xxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxx
eloxio ao escritor: “O certo é que logrou unha
obra ben feita, a mellor de cantas escribiu Eduardo Blanco Amor e unha das máis interesantes
que se escribiron nos derradeiros anos en galego”
(Piñeiro; Losada 2009: 106).
Díaz Pardo, portador, como dixemos, d’A
esmorga, mandáballe unha misiva a Blanco Amor
o 18 de marzo de 1956 comunicándolle o visto e
prace da editorial: “Fai días deixeille ós de Galaxia a tua novela […]. Onte estivo eiquí, pasando
o día no Castro, García-Sabell, que con Ramón
Piñeiro é o censor de Galaxia. Publicaranche a
novela. Gustoulles moito, o mesmo que a min”
(Neira Vilas 1995: 196). E Díaz Pardo proseguía,
sen ser consciente por completo das dificultades
que Piñeiro sospeitara no referente ao parecer
positivo que a censura debía outorgar á novela:
“Porán o que se pode pór en boa intenzón para
que cha pubriquen, e se coida que non haberá
insuperabels impedimentos” (Neira Vilas 1995:
196).
Noutra carta enviada o 15 de agosto de 1956,
cando o libro continuaba a ser escrutado polas
autoridades, Díaz Pardo puña en coñecemento
de Blanco Amor: “Fai dous meses que está todo
presentado en percura do permiso adeministrativo que se confía acadar. […] Para contrarrestar o
peso da censura están facendo os de Galaxia
canto se pode” (Neira Vilas 1995: 197). O fundador de Sargadelos non se privaba, máis adiante, de caricaturizar sarcasticamente os encargados
de avaliar a obra: “Tribunal inquisitivo; cousa
seria, porque ademais de sere unhas bestas de
bigotiño recortado son uns analfabetos” (Neira
Vilas 1995: 197).
A premonición de Piñeiro, desgraciadamente,
acabaría por se cumprir, pois o Servicio de Inspección de Libros, dependente do Ministerio de
Información y Turismo, resolvía frustrar a saída
d’A esmorga. Xulgou a novela o censor Miguel
Piernavieja del Pozo, de militancia falanxista,
quen nun rudo informe desaprobaba sen remisión a totalidade do texto. Tan só alegaba, para
fundamentar o ditame adverso, que era unha
“burda novela corta, en gallego, en la que se
narran las aventuras y desventuras de tres borrachos”. E deseguido agregaba nun ton absolutamente reprobatorio: “En lenguaje a menudo
soez, se mezclan los diálogos de estos tristes personajes con escenas de burdel y recuerdos de
aventuras”.
Como sen esforzo se percibe, as causas para
desestimar a autorización d’A esmorga foron
esencialmente de índole lingüística, debido a que
o estilo atrevido da novela colidía coa imaxe que
o franquismo tendía a fomentar da lingua galega,
ligada sobre todo ao folclore, o lirismo e o
humor. O censor non aducía motivos ideolóxicos
á hora de condenar a obra, o que si se fixo cando
A esmorga volveu ser examinada para editala en
Galicia ao remate da década dos 60. Blanco
Amor, desde Buenos Aires, haberíase referir ao
bo recibimento d’A esmorga por parte Galaxia e
ao repudio de que foi vítima pola censura: “Los
criterios que hasta ahora han funcionado en
torno a la ineditez de A esmorga han sido dos: el
muy honroso dictamen del Consejo de lectura de
la Editorial Galaxia […], y el NO, mondo y
lirondo, sin siquiera los habilidosos, hasta parecer corteses, pretextos de todo jesuitismo, de la
censura española que prohibió su publicación”
(Blanco Amor 1959b: 17).
Novamente era Díaz Pardo, nunha carta do
11 de setembro de 1956, quen lle daba, non sen
ironía, a mala noticia a Blanco Amor: “O teu
libro A esmorga o rechazaron na censura. Noraboa!” (Neira Vilas 1995: 198). Recomendáballe,
así e todo, que aproveitase a vantaxe de estar en
Buenos Aires para denunciar internacionalmente
o veto, co obxectivo de que desde o exterior se
fixese presión sobre o Ministerio de Información
y Turismo a fin de que reconsiderase o seu rexeitamento: “Fai o que che digo. […] Cousas moitísimo máis fortes, xa comprendes o senso forte,
* Os documentos non editados que se citan neste artigo están depositados
na Fundación Penzol e na Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense.



autorízanlles a outros que son de Vasconia, Cataluña ou Castela, pro que saben gritar a tempo en
París, que é decir na Europa” (Neira Vilas 1995:
198).
Blanco Amor enviáballe resposta a Díaz
Pardo o 31 de outubro de 1956. Esta carta é ben
interesante porque permite coñecer algúns pormenores que poñen de manifesto que non foi
doado editar A esmorga nin tan sequera en Arxentina. Certamente, está moi lonxe de ser unha
casualidade que a novela tivese que esperar aínda
tres anos para chegar ás librerías. O ourensán
apuntaba que non callaran algunhas xestións
para posibilitar a autorización da novela co poeta
e diplomático Francisco Luis Bernárdez, que
estaba destinado na embaixada arxentina en
Madrid: “Sobre de A esmorga escribinlle a Paco
Luis Bernárdez, conselleiro cultural da Embaixada en Madrid, que procurase facer algo. Non me
contestou. Esto quer decir que non ten remedio
ou que todo está lixado, incluso Paco Luis, o que
non me extrañaría ren” (Neira Vilas 1995: 187).
Lamentablemente se resignaba, por iso, a que A
esmorga non se editase en Galicia, como era o seu
devezo.
O curioso é que Blanco Amor tampouco tiña
confianza en que a novela saíse en galego na
Arxentina. Explicaba na mesma carta a Díaz
Pardo que creara A esmorga por encomenda dos
políticos galeguistas de Buenos Aires, quen logo
acordaron non respectar o compromiso polo
temperamento moitas veces rebelde do escritor:
“Sobre do asunto da novela ¡qué se lle vai facer!
[…] Así andan as cousas. […] Realmente o que
correspondía era que a pubricasen os que eiquí
ma encargaron. Pero como me fun da ‘obediencia’, entonces deixei de ter condicións literarias”
(Neira Vilas 1995: 187). Por esa razón, Blanco
Amor acubillaba o plan inmediato de transplantar a novela para o castelán co propósito de
difundila neste idioma: “Todo esto lle escribín
nunha carta de fai máis dun mes a Isla Couto,
que non me contestou. Tamén lle pedía que me
devoltase os orixinales para unha tradución ao
castelán, pois os manuscritos son moi defectuosos e non deixei copia mecanográfica. Pubricarase en castelán” (Neira Vilas 1995: 187).
A Luís Seoane, sen ningunha dúbida, debeulle Blanco Amor que non fracasase a aparición en
galego d’A esmorga en Buenos Aires. Por unha
carta a Francisco Fernández del Riego, datada
o 11 de decembro de 1957, sabemos que foi o
artista coruñés quen se brindou xenerosamente a
acoller a novela. Revelaba o narrador: “Seoane
—este estupendo e incansable Seoane— acaba de
lanzar los primeros volúmenes de su editorial
Citania. Ahí sale ahora mi novela —A esmorga—
prohibida por esa censura”. A esmorga formaría
parte da colección Mestre Mateo, onde xa estaban o volume narrativo Non agardei por ninguén,
de Ramón de Valenzuela, e as pezas teatrais Pauto
do demo, de Ánxel Fole, e A fiestra valdeira, de
Rafael Dieste. Con respecto ao permiso denegado para estampar a obra en Galicia, Blanco Amor
chegaría a proporlle a Luís Seoane que advertise
esa circunstancia de maneira visible na edición,
sobre todo con fins comerciais: “A propósito de
faja, no te olvides de poner en A esmorga una que
diga: Novela prohibida por la censura de España.
Os sugiero esto —al menos para los ejemplares
de aquí— porque sería muy publicitario” (Neira
Vilas 1995: 203).
A esmorga imprimiuse en Buenos Aires finalmente o 3 de abril de 1959, segundo reza o colofón. O escritor ocupouse persoalmente de
trasladar a novela para o castelán, que co título
La parranda saía un ano máis tarde tamén na
capital arxentina. Velaquí o que se recolle no
colofón desta edición: “Terminóse de imprimir el
30 de septiembre de 1960, en los Talleres Gráficos de la Compañía General Fabril Financiera S.
A., Iriarte 2035, Buenos Aires” (Blanco Amor
1960). As condicións pouco propicias do espazo
arxentino para a recepción de libros en galego
(Núñez Seixas 1997: 173) non foron acaso alleas
á decisión de transferir A esmorga para o castelán.
Nunha recensión daquela inserida na revista Alén
Mar, probablemente da autoría do médico e escritor Antonio Pérez Prado, remarcábase o
ímprobo sacrificio que lle supuxera a Blanco
Amor traducirse a si mesmo: “Nos decía Blanco Amor que el proceso físico de poner en el
papel su Esmorga había tomado pocos días. […]
Otra cosa ha sido verterla al castellano y sabemos
que llevó más tiempo y aún mayor esfuerzo”
(A. P. P. 1961: 8).
Blanco Amor anunciáballe a Fernández del
Riego a impresión de La parranda nunha carta
do 8 de abril de 1960 salientando o prestixio
contrastado da editorial que a tiraba do prelo: “A
esmorga sae en autotradución, con tídoo de La
parranda, na máis brilante editorial que oxe funciona eiquí: a Cía. Gral. Fabril Editora, potentísima e que fai grandes tiradas dos libros”.
Efectivamente, a Compañía General Fabril Editora fora fundada polo intelectual Jacobo Muchnik, quen a dirixiu desde 1958 a 1961. O nome
de Blanco Amor asomaba no catálogo da sobranceira colección Anaquel, onde se incluía La
parranda, ao lado de nomes escintilantes das
letras mundiais, como Franz Kafka, Arthur
Miller, Italo Calvino e Ernesto Sábato. Naquela
carta a Fernández del Riego amosábase ata exultante: “Agora falan de traducila ó francés. ¡Xa ves
o destino dos libros!” Máis aínda, pasados dous
anos a editorial arxentina tivo a idea de favorecer

a tradución da novela para outras linguas, entre
elas o inglés, o alemán e o italiano. Así llo facía
saber a Blanco Amor o 11 de xaneiro de 1962:
“De acuerdo con las estipulaciones de nuestro
contrato de exclusividad de derechos de edición
sobre su obra La parranda, nos es muy grato
comunicarle que hemos iniciado gestiones tendentes a la publicación de dicho trabajo en lenguas extranjeras”.
As primeiras edicións en España d’A
esmorga (1970) e La parranda (1973)
A versión galega editada na Arxentina non
encontrou ningunha vía legal para entrar en
España, ao existir a prohibición imposta uns
anos antes pola censura. Contrariamente, a versión en castelán publicada no país americano distribuíuse sen atrancos durante bastante tempo.
Ou sexa, os lectores de Galicia non tiñan problemas para acceder ao texto d’A esmorga en castelán, mais si se lles impedía ter nas mans o texto
en galego, o que significaba unha discriminación
máis que patente.
Non é complicado comprobar que lle foi concedida licenza de importación á edición arxentina de La parranda distintas veces desde
principios dos anos 60. Entre outros exemplos,
cabe mencionar a solicitude presentada o 24 de
setembro de 1965 por José Chaver Gómez para
importar cinco exemplares, a cal recibiu consentimento o 15 de setembro de 1965. Outra solicitude do 21 de xaneiro de 1972, cursada por
Distribuidora Viatea Española, aprobouse o 6 de
xullo de 1972. Ese mesmo ano a empresa editorial ADLHA pediría de novo licenza coa finalidade de vender La parranda no mercado español,
obtendo permiso o 13 de setembro de 1972.
Malia todo, Blanco Amor non abandonaba a
arela de ver publicada A esmorga en Galicia. Debeu
de ter moita influencia a difusión limitada que a
obra acadara en terras arxentinas, como se desprende desta carta de Luís Seoane do 2 de xaneiro
de 1971: “Citania fai tempo que desapareceu, costounos bastantes cartos e tempo a dúas persoas. Ti
conoces a coleitividade mellor que eu e non teño
máis que che decir. Non atopamos distribuidor
nin eiquí nin nesa” (Neira Vilas 1995: 213). E precisaba logo o pintor no concernente ao restrinxido
éxito d’A esmorga: “Do teu libro restáronse por
vender 340 exemprares que foron ó Centro Galego coma todo o fondo editorial de Citania para
que non tivesen que rematar nas librerías da calle
Corrientes. Non sei quen dixo que estaba esgotado” (Neira Vilas 1995: 213).
De tal modo, A esmorga someteuse a finais
dos anos 60 outra vez ao control da censura, que
agora si toleraba o texto, aínda que por silencio
administrativo, a condición de que se borrasen
algunhas supostas ofensas á Garda Civil situadas
no derradeiro capítulo (Dasilva 2009: 46-50).
A solicitude de permiso rexistrouse no Ministerio
de Información y Turismo o 15 de setembro de
1969 en forma de consulta voluntaria, e acompañábase un exemplar da edición d’A esmorga
publicada en Buenos Aires en 1959 para o seu
exame.
Nese exemplar subliñaron as autoridades os
anacos polémicos, e a continuación devolvéreno
o 14 de outubro de 1969 cun oficio no que
aconsellaban que se excluísen. Blanco Amor acabaría substituíndoos, moi ao seu pesar, por
outros menos controvertidos. A primeira intención era que Edicións Castrelos levase o libro á
imprenta e, de feito, esta editorial xa se fixera
cargo de tramitar o pertinente permiso perante a
censura. Porén, Blanco Amor optou ao pouco
tempo por dar A esmorga a Editorial Galaxia,
retirándolla inopinadamente a Edicións Castrelos. Fernández del Riego pedíalle a Ben-ChoShey o 22 de maio de 1970 a xestión seguinte:
“Sería ben que o propio Blanco Amor, ou ti, lle
escribísedes a Xosé Mª [Álvarez Blázquez] pra
que se dirixise a Galaxia facendo cesión dos
dereitos pra editar A esmorga e acompañando o
oficio da censura. Non é cousa de que o fagamos
nós, pois de seguro que non lle agrada renunciar
á edición do libro en Castrelos”. E engadía Fernández del Riego: “En fin, que Blanco Amor
resolva. Pola nosa parte, tan axiña como o indique, meteremos o libro no prelo”.
Apareceu A esmorga por fin en Galicia o 19 de
agosto de 1970, segundo o colofón, contendo os
cambios reclamados pola censura (Blanco Amor
1970). Blanco Amor non resistía moito máis
tempo exasperado como estaba pola demora dos
trámites, conforme lle escribía a Ben-Cho-Shey
nunha carta do 23 de febreiro de 1970: “A esmorga eí está, nin pra adiante nin pra atrás. […] Xa
non podo, nin quero, nin debo agardar máis”.
Dez días antes expresáralle a Fernández del
Riego: “O tempo pasa e teño —confésocho—
unha verdadeira neurosis de impaciencia coa
publicación desa noveliña”.
No que fai a La parranda, Blanco Amor pretendeu que a versión en castelán tamén saíse en
España, o que logrou en 1973 mercé a Ediciones
Júcar (Blanco Amor 1973a, 1973b). Isto é o que
figura no colofón da primeira edición española:
“La parranda, de Eduardo Blanco Amor, volumen seis de la colección La Vela Latina, se acabó
de imprimir en los talleres de Musigraf Arabi, en
el mes de diciembre de 1973”. Blanco Amor
introducira previamente modificacións semellantes ás interpoladas por prescrición expresa da
censura no texto galego.


As edicións posteriores de La parranda
en España (1976, 1985, 2001)
e Arxentina (2008)
O 2 de abril de 1976, morto xa Franco, formalizaba Círculo de Lectores a instancia de depósito previo dunha nova edición de La parranda
(Blanco Amor 1976) que reproducía a versión
impura divulgada tres anos antes por Ediciones
Júcar. Mediante resolución do 6 de abril de
1976, autorizábase tal depósito aínda que “con
reparos”, segundo se facía fincapé no informe do
censor. No exemplar da novela que está no expediente administrativo vense palabras e expresións marcadas en vermello, como entre outras
as seguintes: “Guardia Civil” (p. 13), “de bastante mala leche” (p. 30), “lo jodido del caso”
(p. 30), “coño” (p. 30), “carajo” (p. 32),
“cabrón” (p. 35), “Sandiós” (p. 48), “recoño” (p.
49), “jodió” (p. 59), “irnos de putas” (p. 86),
“maricones” (p. 88), “putas” (p. 90) e “hijos de
puta” (p. 100). Ademais chamaban a atención
do censor estas dúas pasaxes, a primeira polo seu
erotismo e a segunda por entrañar unha irreverencia relixiosa:
1. Muchas veces me había dicho que por qué
no éramos queridos formales, para no tener yo
que pagar la dormida de los lunes; aunque esto a
mí siempre me pareció un engaño, pues lo que no
se paga por el asunto se va luego en el escote de la
cena y en la limosna para el ciego Cudeiro…
—“¡Ay, reiciño mío” —me decía, sobándome
los muslos— “tú sí que eres hombre para sacarle la
barriga de mal año a diez mujeres! ¡Ven para acá,
truhán!… ¿Vamos?”
—“Déjame, mujer, que no estoy para eso…
Ando muy cansado… Además, ya sabes que no
me gusta ocuparme con mujer que acaba de estar
con otro…”.
—“¿Quién, ése? ¡Bueno, bueno!… Mucho de
aquí y de allá, con sus fantasías y calentándole a
una las mantecas, que hasta asco me da decir las
cosas que hace una… Y total, nada, que aún
queda una peor que si nada… ¿Vamos?” (Blanco
Amor 1976: 97-98)
2. Luego de otro poco, nos asomamos a ver si
era el instante de largarnos. Y fue ahí cuando nos
asegundó la risa, pero esta vez con sobrada razón,
y de poder contenernos, pues vimos que aquellos
caballeros ya no estaban de rodillas sino de hocicos en el suelo, con los traseros levantados, y las
caras casi en el piso, echando todos juntos una de
esas cantigas de las beatas en las misiones, muy por
lo bajo, como si la echasen por las narices. (Blanco Amor 1976: 108-109)

La parranda foi reeditada por Ediciones Júcar en
1985, en pleno período democrático, mais sen que
a novela experimentase ningunha corrección, perdéndose así a ocasión de restituír o texto orixinal
que a censura obrigara a rabenar (Blanco Amor
1985). Algúns anos despois aparecería unha nova
entrega de La parranda, por iniciativa de Ediciones Trea (Blanco Amor 2001), que representa a
última feita en España ata a recente edición de
Mar Maior (Blanco Amor 2015). Desta vez desaproveitouse outra volta o novo escenario para
repor a versión lexítima da narración. La parranda
volveu ao público hai uns poucos anos editada en
Buenos Aires, baixo o selo de Ediciones Corregidor (Blanco Amor 2008). O que provoca estupor,
emporiso, é que non se restaurase tampouco arestora a novela, depurando as emendas forzadas polo
franquismo. En efecto, tal edición reproduce ao pé
da letra o texto estragado da primeira edición
española de La parranda (Blanco Amor 1973a,
1973b), no canto da versión orixinal publicada na
capital arxentina á marxe da intervención dos censores (Blanco Amor 1960).
A edición restaurada de La parranda
de Mar Maior (2015)
Máis de cinco décadas despois, o texto auténtico
de La parranda vén de chegar novamente aos lectores grazas á edición de Mar Maior, que conta
cun epílogo de Manuel Rivas titulado “Por navegar al desvío” (Blanco Amor 2015). Resultou
necesario acudir á primeira edición da novela
publicada en Buenos Aires en 1960, co obxecto
de rescatar os fragmentos eliminados ou mudados por presión da censura na primeira edición
impresa en España en 1973 e, a partir de aí,
transcritos de forma corrompida en todas as edicións posteriores tanto en España (Blanco Amor
1976, 1986, 2001) como mesmamente en
Arxentina (Blanco Amor 2008).
Cotexando as edicións de 1960 e 1973, verifícase que Blanco Amor realizou contra a súa
vontade, en primeiro lugar, cinco modificacións
análogas ás incorporadas por mandato do Ministerio de Información y Turismo n’A esmorga en
1970:
1. La parranda (1ª ed., 1960):
[…] que se ponen a zurrar en un hombre
conocido, hijo del pueblo, dándole hostias en la
cara y vergajazos en los lomos […] (Blanco Amor
1960: 143)
La parranda (Ediciones Júcar, 1973):
[…] que se ponen a zurrar a un hombre conocido, hijo del pueblo, arreándole tortazos en la cara
y vergajazos en los lomos […] (Blanco Amor
1973a: 120)

2. La parranda (1ª ed., 1960):
[…] y no como este sayón de sargento, que castellano tenía que ser… (Blanco Amor 1960: 144)
La parranda (Ediciones Júcar, 1973):
[…] y no como ese sayón mandamás, que forastero tenía que ser… (Blanco Amor 1973a: 121)
3. La parranda (1ª ed., 1960):
[…] preguntándome para luego no dejarme
responder, tapándome la boca a puñetazo limpio
cada vez que voy a contestar […] (Blanco Amor
1960: 144)
La parranda (Ediciones Júcar, 1973):
[…] preguntándome para luego no dejarme
responder, o haciéndomelo tragar cada vez que voy
a contestar […] (Blanco Amor 1973a: 121)
4. La parranda (1ª ed., 1960):
[…] ¡Al cuartelillo, no! ¡Soltarme, hijos de puta,
asesinos…! (Blanco Amor 1960: 161)
La parranda (Ediciones Júcar, 1973):
[…] ¡Al cuartelillo, no! ¡Soltarme, hijos de perra…! (Blanco Amor 1973a: 133)
5. La parranda (1ª ed., 1960):
[…] aunque nunca quedó claro, entre las gentes del pueblo, si murió de la cuchillada o de los
culatazos que, allí mismo, le atizaron los dos guardias de la Benemérita que le custodiaban. (Blanco
Amor 1960: 161)
La parranda (Ediciones Júcar, 1973):
[…] aunque nunca quedó claro, entre las gentes del pueblo, si murió de la cuchillada o de los golpes que le atizaron… (Blanco Amor 1973a: 134)
En segundo termo, evidénciase que Blanco Amor
se autocensurou, probablemente por un exceso
de precaución, en dous lugares onde non fixera
transformacións n’A esmorga porque a censura
non as ordenara:
1. La parranda (1ª ed., 1960):
[…] por más que aquellos criminales me zurrasen a matar […] (Blanco Amor 1960: 131)
La parranda (Ediciones Júcar, 1973):
[…] por más que me zurrasen a matar […]
(Blanco Amor 1973a: 109-110)
2. La parranda (1ª ed., 1960):
[…] que un mozo, con todas sus fuerzas enteras y con sus cosas en su sitio, que siempre lo demostró como hombre, tenga que aguantar que otro
hombre, aunque fuese su padre, le ponga las
manos en la cara, una vez y otra, sin ofensa entre
ellos y sin podérselas devolver, esposado como lo
tienen a uno, que hasta no me cabe en la cabeza
cómo puede haber cristianos tan asquerosos en su
alma cabrona, hijos de tan mala madre, que se pongan a pegarle a otros hombres […] (Blanco Amor
1960: 142-143)
La parranda (Ediciones Júcar, 1973):
[…] que un mozo, con todas sus fuerzas enteras y con sus cosas en su sitio, tenga que aguantar
que otro hombre, aunque fuese su padre, le ponga
las manos en la cara una vez y otra, y sin podérselas devolver, esposado como lo tienen a uno, que
hasta no me cabe en la cabeza cómo puede haber
cristianos tan asquerosos y mal nacidos que se pongan a pegarle a otros hombres […] (Blanco Amor
1973a: 120)
Aínda se observa un terceiro grupo de modificacións que Blanco Amor intercalou, se cadra
igualmente por razóns de cautela, en dous fragmentos ausentes n’A esmorga. Tales fragmentos
son adicións que o autor levou a cabo ao autotraducirse desde o galego para o castelán, constituíndo recreacións do texto de partida:
1. La parranda (1ª ed., 1960):
Lo comprendo, señor, pero por eso lo dije, porque
están éstos delante y ahora, aquí, nada me pueden
hacer, creo yo, y para que se lo cuenten a los otros verdugos (Blanco Amor 1960: 144-145)
La parranda (Ediciones Júcar, 1973):
[…]
2. La parranda (1ª ed., 1960):
¡Que se sepa que no aguanto más, porque lo
que quiero es que me dejen ya tranquilo de una
vez! ¡Óigalo bien, carajo, que por la madre que me
parió…! (Blanco Amor 1960: 161)
La parranda (Ediciones Júcar, 1973):
¡Que se sepa que no aguanto más, porque lo
que quiero es que me dejen ya tranquilo de una
vez, que por la madre que me parió…! (Blanco
Amor 1973a: 133)
Talvez porque a versión en galego xa conseguira
autorización en 1970, o proxecto de edición de
La parranda por parte de Ediciones Júcar non se
someteu a consulta voluntaria. De acordo co estipulado no artigo 12 da Ley de Prensa e Imprenta de 18 de marzo de 1966, presentouse directamente unha instancia de depósito previo dos seis
exemplares esixidos coa sinatura de Manuel Aragón Pariente, en representación de Ediciones
Júcar, o 20 de febreiro de 1974. No expediente
que está depositado nos arquivos da censura,
dentro do apartado relativo aos antecedentes,
consignábase que a versión en galego merecera
silencio administrativo.
Aínda así, La parranda non deixou de ser revisada por un censor que subscribía o 29 de febreiro de 1974 un informe abondo curioso, xa que


Por fin se rehabilitou o texto auténtico de La parranda, do mesmo xeito
que se fixera hai cinco anos co texto d’A esmorga (Blanco Amor 2010)
e máis recentemente con Xente ao lonxe (Blanco Amor 2014)
nel non se perdía a oportunidade de valorar a
novela desde unha óptica literaria. Tal informe
principiaba deste xeito: “Relato que, en sí, por la
descripción de tipos y el argumento (unos crímenes cometidos durante una parranda), podría
interesar suficientemente”. Con todo, o censor
pasaba seguidamente a deplorar a procacidade da
novela: “Pero el autor, aquejado del mal que afecta a tantos que escriben en nuestros días, cree que
el realismo y la autenticidad, el modernismo y
otras monsergas esteticistas, consiste en el uso
casi continuo de palabrotas, con lo cual se desluce todo y pierde el interés literario”. Concretamente, enumerábanse varios exemplos: “Hay en
efecto una enorme acumulación de expresiones
soeces o groseras (mala leche, jodido, carajo, coño,
mierda, cabrón, recoño, putas, maricones, etc.,
etc.) en las páginas que señalo”.
Alén diso, o censor obxectaba a presenza de
certas “burlas irreligiosas”. Unha delas é este fragmento do capítulo III, cando os tres protagonistas entran na igrexa de Santa Eufemia:
Y un poco con la risa y otro poco con la bebida,
casi no atinábamos a coger hacia el lado de la
puerta. Y por si fuese poco todo esto, el Bocas, que
entre sus animaladas tenía fama de flatoso del
vientre, iba echando uno de esos seguidos, como
quien rasga tela, que era no tener fin… (Blanco
Amor 1973a: 93-94)
A outra “burla irreligiosa” estaba no capítulo V,
ao ir o Bocas na procura de Socorrito para abusar dela:
El Milhombres estaba como adormecido, pero no
dormido. La pítima le daba por canturrear esas
melopeas que las mujeres cantan en las novenas y
procesiones. (Blanco Amor 1973a: 129)
O censor puña reparos, por outra banda, a unha
“alusión denigrante a la Guardia Civil que guarda relación con las imputaciones de torturas en el
cuartelillo”. A referencia era esta:

Pero con todo, las cosas no fueron así, aunque lo
diga la guardia civil, la tía Esquilacha o el sunsuncordia, con permiso de su cara. (Blanco Amor
1973a: 15)
Concluíase no informe que, pese ao exposto, o
libro podía autorizarse, mais ao pé do mesmo
está unha nota autógrafa, doutra persoa, pola cal
se estimaba “apropiado el silencio”. Tal proposta
de resolución debeu de parecerlle a Ediciones
Júcar comprometedora, dado que abría a porta a
que se aplicase eventualmente algún castigo ou
sanción, polo que preferiu desistir da solicitude
presentada co fin de proceder a tramitar, con
exemplares diferentes, un segundo depósito previo. No expediente atópase, efectivamente, unha
carta do 25 de febreiro de 1974 remitida ao
Ministerio de Información y Turismo polo escritor José Manuel Caballero Bonald, entón director literario de Ediciones Júcar, con esta petición:
“Por la presente se solicita aplazamiento de depósito de la obra La parranda de Eduardo Blanco
Amor, en espera de realizar las correcciones oportunas señaladas por ese departamento”.
En realidade, o Servicio de Ordenación Editorial non exhortara a editorial a suprimir ou rectificar nada. A pesar diso, Ediciones Júcar envioulle
unha carta a Blanco Amor o 1 de marzo de 1974
na que lle pedía que variase o texto nunha páxina
específica onde apreciaba que se ofendía a Garda Civil. No comezo da carta pretextábase unha
demanda inexistente das autoridades que, de non
ser atendida, podía levar a editorial ante os tribunais: “El Ministerio nos exige para permitir la circulación de su obra La parranda un pequeño
número de variaciones, en la página 120, que le
señalo en un ejemplar que le incluyo. Consideran
que tal y como está el texto constituye ofensa a las
fuerzas armadas y podrían promover un procedimiento judicial”. A editorial pregáballe a Blanco
Amor, xa que logo, que refixese o texto, tratando
ademais de que non se resentise a paxinación para
que non houbese que axustar o volume: “Por todo
ello, le rogamos que haga en el texto las variaciones que considere oportunas en las líneas subrayadas. Lo que sí le agradeceríamos es que procurara
mantener el mismo número de palabras en el
texto variado”.
No tocante á citada páxina, a edición de La
parranda de 1973 pasou a dispor, en consecuencia, dunha versión reformada. Velaquí o fragmento damnificado, que fora xa inicialmente
corrixido por Blanco Amor en comparación coa
edición de 1960, como vimos máis arriba, a par-

tir das emendas requiridas pola censura na versión en galego:
La parranda (Ediciones Júcar, 1973):
¡Disimule, señor! Le pido que me dispense,
pero usía no sabe lo que es verse en poder de unos charranes forasteros que se ponen a zurrar a un hombre
conocido, hijo del pueblo, arreándole tortazos en la
cara y vergajazos en los lomos y aun patadas en sus
partes, con perdón sea dicho, que no es cosa de
machos, y todo porque lo tienen trabado a uno como
un animal… (Blanco Amor 1973a: 120)
La parranda (Ediciones Júcar, 1973):
¡Disimule señor! Le pido que me dispense,
pero lo que usía no sabe es que uno se vea frente a esos
tíos mandones, que ni son del pueblo, y que se ponen
a soplamoquearlo a uno, como quien lo hace para
divertirse, y que le hacen a uno salirse de su natural
y echarse a decir putadas, con lo cual aún se enfadan
más, y dale que… (Blanco Amor 1973b: 120)
Preparados os novos exemplares, Ediciones Júcar
cursou outra instancia de depósito previo o 25 de
marzo de 1974 seguramente coa esperanza de que,
en lugar do perigoso silencio administrativo, agora
si se obtivese a aprobación. Non obstante, cinco
días despois a resolución definitiva do Ministerio
de Información y Turismo volvía ser a mesma.
Para non desperdiciar ningún exemplar, Ediciones
Júcar determinou entón comercializar as dúas tiraxes, é dicir, tanto a presentada nun primeiro
momento para cumprir co depósito previo (Blanco Amor 1973a) como a que se variou despois
para o segundo depósito (Blanco Amor 1973b).
É posible, de tal modo, localizar actualmente
exemplares da devandita edición con versións discrepantes no relativo á conflitiva páxina.
Faise indispensable destacar que, por aqueles
días, nin o público máis avisado se decatou de que
La parranda se ofrecía nunha versión adulterada,
distinta da edición orixinal impresa en Buenos
Aires en 1960. Pode constatarse neste comentario
do xornalista Francisco Cerecedo, quen nunha
recensión na revista Triunfo escribía o seguinte:
“La parranda […], de Eduardo Blanco Amor,
vuelve del exilio como una de las novelas más raramente mágicas y poderosas de la literatura gallega
y castellana de los últimos veinticinco años”. Non
se albiscaba que a novela non pasara indemne
polas tesoiras da censura: “A los repetidos intentos
para su publicación en España llevados a cabo por
diferentes editoriales […], la Administración y
una de sus hijas predilectas […], la censura, castigó con sus rigores y sus desdenes a esta pequeña
novela de poco más de 130 páginas, sometida a
una serie de rechazos y dilaciones que retrasaron
su aparición en el país durante el discreto período
de catorce años” (Cerecedo 1974: 48).
Cabo
A edición de Mar Maior posúe unha nota na
páxina de créditos onde se declara taxativamente:
“Se han restaurado los fragmentos de la primera
edición de la obra, que se publicó en Argentina en
1960, mutilados por la censura franquista en
1973”. Por fin se rehabilitou o texto auténtico de
La parranda, así pois, do mesmo xeito que se fixera hai cinco anos co texto d’A esmorga (Blanco
Amor 2010) e máis recentemente con Xente ao
lonxe (Blanco Amor 2014). Era perentorio acometer tal labor, posto que xa non resultaba admisible de ningunha maneira que seguise a circular
en castelán a versión censurada da novela ■
Bibliografía
A. P. P. (1961). “La parranda. Eduardo Blanco Amor”. Alén-Mar
1, 8.
Blanco Amor, Eduardo (1959a). A esmorga. Buenos Aires: Editorial Citania.
— (1959b). “Libros gallegos. A esmorga”. Galicia, marzo-abril, 17.
— (1960). La parranda. Buenos Aires: Compañía General Fabril
Editora.
— (1970). A esmorga. Vigo: Editorial Galaxia.
— (1973a). La parranda. Madrid: Ediciones Júcar.
— (1973b). La parranda. Madrid: Ediciones Júcar.
— (1976). La parranda. Barcelona: Círculo de Lectores.
— (1985). La parranda. Madrid: Ediciones Júcar.
— (2001). La parranda. Gijón: Ediciones Trea.
— (2008). La parranda. Buenos Aires: Ediciones Corregidor.
— (2010). A esmorga. Vigo: Editorial Galaxia. 4ª edición revisada en Biblioteca Blanco Amor.
— (2014). Xente ao lonxe. Vigo: Editorial Galaxia. Edición restaurada e epílogo de Xosé Manuel Dasilva.
— (2015). A esmorga (La parranda). Vigo: Mar Maior. Epílogo de
Manuel Rivas.
Cerecedo, Francisco (1974). “La parranda vuelve del exilio”.
Triunfo 620, 48.
Dasilva, Xosé Manuel (2009). “As vicisitudes editoriais d’A
esmorga”. GRIAL 184, 36-51.
— (2010). “A esmorga á luz da Penzol”, en María Dolores Cabrera; Henrique Monteagudo, eds., Fermín Penzol. Unha obra para
un país. Vigo: Fundación Penzol - Editorial Galaxia, 130-131.
— (2012). “A esmorga máis internacional”. GRIAL 194, 77-78.
— (2014a). “A esmorga trasladada ao catalán”. GRIAL 202, 110-111.
— (2014b). “As traducións d’A esmorga”, GRIAL 203, 84-89.
Neira Vilas, Xosé (1995). Eduardo Blanco-Amor, dende Buenos
Aires. Sada-A Coruña: Ediciós do Castro.
Núñez Seixas, Xosé M. (1997). “Idioma y nacionalismo en Galicia en el siglo XX: un desencuentro histórico y diversos dilemas en el futuro”. Revista de Antropología Social 6, 165-191.
Piñeiro, Ramón; Losada, Basilio (2009). Do sentimento á conciencia de Galicia. Correspondencia 1961-1984. Vigo: Editorial
Galaxia. Edición de María Xesús Lama e Helena González.

Descargar